
En 1639, unha moza portuguesa chamada Ana de Medeiros de 19 anos, acusada de adulterio e envelenamento, foi encarcerada inxustamente. O que ocorreu entre 1639 e 1642 en Salvaterra non só reflicte unha traxedia persoal, senón tamén os abusos legais e sociais que moitas mulleres enfrontaron cando decidiron defender a súa dignidade.
Ana era orfa e o seu desexo era claro, quería ingresar nun convento, pero seu tío decidiu outro destino. Armado cunha espada ameazouna e obrigouna a casar cun comerciante de Salvaterra viúvo Antonio Coronel, pai de dous fillos, que tiña importantes débedas.
Este matrimonio supoñía un acordo con moitas vantaxes para ámbolos homes, o tío entregaba a dote de Ana e pagaba as débedas de Antonio. A cambio Antonio debía tratar ben á moza e romper coa súa amante. Foi trasladada á casa do seu novo marido con apenas unhas xoias e un manto. Iso si, e a dote que non faltou.
A súa vida en Salvaterra foi dende o comezo unha sucesión de abusos. Antonio quixo desfacerse dela dende o primeiro momento con acusacións falsas de adulterio e intento de asasinato ante o xuíz da vila. Declarou que cando el non estaba porque marchaba as feiras, Ana recibía na casa un rapaz, aprendiz de clérigo, Jacinto de Puga. Aportou como proba unha suposta carta de amor, escrita pola súa esposa a Jacinto, e ademáis levou unha testemuña que afirmou que o amante da señora, entraba durante a noite enmascarado, e que ambos mozos pechábanse na súa alcoba bebendo viño e mantendo relacións. Antonio acusou tamén a Ana de querer matalo, presentou ante o xuíz un coitelo que ela levaba agochado entre a roupa, e un papel con pos negros, que asegurou que era veleno, que a esposa botaba na pota da súa comida.
Ante estas acusacións, o xuíz de Salvaterra arresta a Ana. Durante os tres anos seguintes, pechada no soto da súa propia casa, mantívoa presa con grillóns e argolas en mans e pés que non a deixaban mover e prodúcenlle cortes e rozaduras. Ana, case espida e desposuída das súas xoias atópase soa e tratada como unha vulgar delincuente e non coma a muller nobre que é.
O seu avogado sabendo da amizade entre o esposo e o xuíz que a mantén prisioneira, non cesou no seu empeño de substituílo por un xuíz da Real Audiencia e o traslado de Ana ao cárcere real. Na súa alegación, o avogado defensor demostra que dende moito antes destas acusacións Ana iniciara unha petición de nulidade matrimonial. Acudiu as autoridades eclesiásticas e obtivo incluso unha real provisión recoñecendo o seu dereito a pedir a anulación . Antonio ao decatarse disto, usou toda a súa influencia e os seus contactos para evitar dita anulación, porque senón tería que devolverlle a dote a súa esposa, por iso acusouna de adulterio, roubo, intento de asasinato… Acusacións que non só a desacreditaban, senón que a inhabilitaban legalmente para obter dita nulidade matrimonial.
Na súa declaración, Ana negou todas as acusacións. Afirmou que nunca tivo unha relación con Jacinto de Puga, nin se escribiron cartas. Tamén declarou que o seu esposo tiña unha amante coa que vivía amancebado na súa casa, xa dende o seu anterior matrimonio. E que, aínda que houbo unha época na que a deixou, volveron a ter encontros O seu avogado desmontou unha por unha as probas, a carta de amor era unha falsificación, o coitelo unha escusa, e o suposto veleno… unha simple substancia que puido ser colocada polo propio Antonio, e demostrou que Jacinto, suposto amante de Ana, estaba en Portugal nesas datas.
Que en realidade eran os fillos de Antonio os que entraban de noite na casa disfrazados facéndose pasar por el. O seu obxectivo, desacreditar a Ana e evitar que tivera descendencia que afectase á súa herdanza familiar. Incluso un dos fillos foi o cárcere onde ela estaba recluída e disparoulle con intención de matala, feríndoa nun ombreiro. En 1642, a Real Audiencia ditou unha primeira sentenza, ela debía ingresar nun convento, e Antonio facerse cargo da súa manutención diaria. Pero pouco despois, o arcebispado de Santiago de Compostela concedeu por fin a nulidade matrimonial. E con isto, Antonio foi condenado a devolverlle a dote. Porén, alegou que non tiña bens para pagala. Finalmente a causa foi enviada á Chancelería de Valladolid, onde se perde o seu rastro documental.
O que fica desta historia é este expediente, que se conserva no Arquivo do Reino de Galicia coa sinatura 1805/10. E gustaríanos coñecer o final, pero por desgraza a mediados do século XIX, tódalas causas da Chancelería de Valladolid destruíronse, polo que non podemos saber como rematou.
Podcast SEGREDOS DO ARQUIVO, Xunta da Galiza.
Salvaterra de Miño 08/09/2025
Antón “Xaque”
