O Forte da Estrela, desaparecido até o de agora, polo menos non se aprecian por ningures restos arqueolóxicos dos que poidéramos chegar a conclusión de pertenceren a dito forte.
Nembargantes sí existen indicios ou pistas que nos levan, con grande probabilidade, saber de que o forte está moito máis perto do que puidéramos imaxinar, vexamos:
Cando a fortaleza de Salvaterra e as súas murallas (as medievais) foron tomadas polos portugueses trala conquista o 15 de agosto de 1643, dentro do recinto amurallado atopáse a igrexa de San Lourenzo, dende entón os feligreses da parroquia de Salvaterra non poideron escoitar misa, bautizar os fillos, casar, ter funerais, nen ningún tipo de eventos relixiosos durante os 16 anos que durou este dominio. Salta entón a pregunta, ¿onde o podían facer?, pois que saibamos, non había outro lugar que non fore a capela de Nosa Señora das Ermitas, actual San Bieito, no lugar das Ermitas ou incluso na feligresía máis próxima, Pedra Furada, hoxe Oleiros.
As Ermitas é un outeiro estratéxico no que hoxe en día podemos apreciar, aparte da propia ermita, un cruceiro cuxa foto xa foi publicada polo xornal A Nova Peneira en outubro do 2022. Este cruceiro é para min a primeira pista de onde se ubicaba dito forte ou baluarte. Trátase do típico cruceiro con un fuste cadrado, con un capitel coroado coa imaxe da cruz , pero o máis salientable é a base, pois trátase dunha base ampla en forma circular, e enriba deste círculo ten unha estrela de seis puntas.
Sen dúbida hai outra segunda pista fundamental no libro “Armas i Triunfos”, páxina 662, seu autor Frai Felipe de la Gándara, ano 1662, (pódese consultar na biblioteca Penzol de Vigo), que dí literalmente “una atalaia cerca de este castillo (refírese o Castelo de Aitona), con su recinto, capaz de 100 hombres, costó 10.000 ducados”.
No plano do Castelo de Aitona que lle foi enviado o Secretario do rei Felipe IV, polo Capitán Xeral de Galiza, Don Guillén Ramón de Moncada no 1646, no sentido Norte-Sur, a dereita do citado castelo pode verse unha atalaia chamada da Estrela e no centro da mesma unha capela, pois ben, entre o lugar dos restos do Castelo de Aitona e a capela de San Bieito, no lugar das Ermitas, hai tan só unha distancia de 600 metros. Esta sería a terceira pista.
Investigado este particular no Arquivo Diocesano de Tui o 23 de febreiro pasado, encóntrome coa confirmación da miña sospeita. Na documentación aportada polo Coengo Arquiveiro D. Avelino Bouzón Gallego, dende o primeiro momento, xa na portada do legaxo onde se atopa a información sobre a capela salienta, “Capilla de las Hermitas, en el lugar de la Atalaia”, esta é a cuarta e definitiva pista.
Por certo que se fala da capela coa advocación á “Nuestra Señora de las Hermitas”, “en el lugar de Freixendo”. De aquí extraio tres conclusións:
Primeira, que a capela que hoxe coñecemos “de San Benito ou Bieito”, en orixe estaba adicada a devoción da Virxe das Ermitas. A advocación ou adicación a San Bieito data do ano 1874, (Arq. Diocesano Tui).
Segunda, que está ubicada no lugar de Freixendo, (Freixendo, onde hai un nacente de auga, toponímicamente falando era unha zona moito máis ampla que hoxe en día, abarcaba dende o lugar do Couto até o lugar da Laxe onde hai outro nacente de auga, moi perto do Castelo de Aitona, 200 metros).
Terceira, a capela foi mandada facer polo cura de Salvaterra D. Bartolomé Carrillo, pero na feligresía de Santa Columba de Pedra Furada, xurisdición de Teáns, datado o 06-07 de xaneiro de 1730, dí “conceder su beneplácito (do Bispo), para que se pudiera fabricar y fundar la dicha capilla cuya situación se halla determinada en el sitio y territorio que se dice de la Atalaya”. (Arq. Diocesano de Tui).
Na miña opinión, baseándome no plano se Santiago de Aitona de 1646, onde aparece o forte da Estrela con unha capela no medio, indícame que a capela construida en 1730, foi en realidade a reconstrución dunha anterior, posiblemente en 1644-45, canda a Atalaia.
Todo isto cadra co que se dí na páxina 580, libro X, Portugal Restaurado, Luís de Menezes, Conde de Ericeyra, Lisboa MDCLXXIX, “o Marqués de Távora (Enrique Enríquez Pimentel, Gobernador e Capitán Xeral da Galiza dende Decembro de 1643 até 1645), saira de Tui en campaña con dez mil Infantes e 600 cabalos, e comezaran a fabricar un forte perto de Salvaterra no lugar da lagoa de Freixendo”.
Seu predecesor no cargo fora Agustín Spínola, Arzobispo de Santiago de Compostela, por breve espazo de tempo en 1643.
Dende 1645 continuou no mando Guillén Ramón de Moncada y Castro, Marqués de Aitona, (Xuño de 1645 – 1647). Polo tanto, seguindo esta cronoloxía, a Atalaia das Ermitas foi erguida con anterioridade ó Castelo de Aitona, 1646.
Isto cadra coa información obtida do libro X mencionado, páxina 621, cando dí.. “determinou (Castell Melhor), atacar un forte que os galegos levantaran pouco distante de Salvaterra, chamado Freixendo”. Cadra asimesmo co que dí na mesma páxina, “enterouse (Castell-Melhor), de que o Conde de San Estevo, Gobernador nesa altura das Armas da Galiza, saira de Tui a visitar os fortes da Fillaboa e de Freixendo con 1500 Infantes e 400 cabalos”.
A vista desta nova información debo rectificar o publicado en Decembro do ano pasado cando decía, “na opinión de quen isto transcribe, sen dúbida é unha inexactitude xeográfica, referíanse o Castelo de Santiago de Aytona, terminado en 1646, sito o norte do actual pazo das Barreiras, a lagoa era a da Laxe, (da que a lagoa de Freixendo fica a 900 metros), e no medio debía estar o Forte da Estrela, actual lugar das Ermitas”
Evidentemente non se referían o Castelo de Aitona, senón a Atalaia das Ermitas.
Como xa teño dito, eu non son historiador, o que fago é investigar nos textos antigos así como nos Arquivos, polo tanto, cós datos aportados cómprelle os historiadores de seu confirmar ou non a miña investigación sobre este particular.