Marta Rodríguez Márquez Secretaria do PP de A Cañiza
Chega a primavera e con ela unha morea de floreos políticos, deses que cando nos brotan diante dos fouciños fannos espirrar. A semente estaba aí, enterrada, pero non se vía, o talo comezaba a subir e entre as malas herbas, camuflábase, e seguía sen verse, pero sempre chega o día no que todo abrocho florece e sae á vista de todos.
E así, un tal Koldo, un tal Ábalos, unha Francina, un Oscar, un Begoña e algún/algunha máis, rífanse hoxe o título dunha trama nos medios de comunicación, por ter presuntamente mercadeado con cartos alleos e metido nos petos a mans cheas.
No medio deste xardín do Partido Obreiro Español, hai unas semanas, no Concello da Cañiza, o voceiro do Partido Popular sinalaba co dedo ao actual alcalde da Cañiza, por un suposto negocio persoal que o alcalde tería coa contratación da luces. Acusación que se fixo constar en acta no propio pleno e por ambas partes.
A verdade é que parece que existe unha defensa receosa de máis, por levar este asunto das luces cara adiante, custe o que custe e caia quen caia: desde unha condena por parte do xulgado por ocultar información á oposición sobre estes (e outros) expedientes, que o propio condenado (alcalde) decide incumprir co único presunto obxectivo, de que esa documentación non chegue en ningún momento ás mans do Partido Popular, aínda que iso poida ter como consecuencia unha posible inhabilitación para cargo público de varios anos, para o rexedor municipal.
Por outra banda, está o tema da intervención das contas municipais por parte de Estado, que se tivo que aplicar por non ter presentado un plan de axuste en tempo e forma, e que Luís Piña xustificou como unha consecuencia irremediable ao ter que pedir un préstamo para poder pagar unhas luces para as que non tiña partida orzamentaria. Se aplicaba o plan de axuste non podería pedir dito préstamo. Así que, axudado polos seus concelleiros que, ou ben por descoñecemento, ou ben por omisión, votaron a favor de todos estes movementos axedrexísticos de Piña, preferiu comprometer seriamente as contas municipais, así como a súa propia permanencia na alcaldía.
A simple vista, parece unha manobra desproporcionada para levar a cabo un cambio de luminarias que xa supera os dous millóns de euros. Unha operación que se aprobou, en contra dos informes da intervención municipal que xa predecía por aquel entón, o quebranto das arcas públicas da Casa do Concello, se se insistía en levala a cabo. Unha operación, que sempre se viu afectada pola ocultación máis absoluta, ata sobrepasar o límite de ignorar unha sentenza xudicial sen importar as consecuencias legais que iso tería. Demasiadas molestias por unhas simples farolas.
Se hai detrás unha posible trama de política local ou non, será cuestión de tempo que tamén floreza. Polo pronto, Domínguez, xa lle lanzou o guante a Piña e agora falta saber que pasos vai a dar este último.
O anterior alcalde da Cañiza, ao que Piña lle leva atribuído todos os problemas económicos actuais (cinco anos despois de ter chegado el ao goberno), pero que aínda non houbo xulgado algún que confirmase estas teorías, tería bastante interese en que este asunto comezase a saír á luz, e estaría levando a cabo todas as pescudas correspondentes para poder promover o inicio dunha investigación xudicial sobre o tema das luces.
Parece que as presuntas tramas de corrupción do PSOE, ramifícanse dunha forma máis alá do imaxinable, e desde o máis grande ao máis pequeno, pasando por familiares e amigos, entrampados, conspiracións e enganos… Unha morea de sinónimos que só teñen presuntamente un único fin: encher os bolsos propios cos cartos dos demais.