XXXVI Edición da Festa da Ostra de Arcade

XXXVI Edición da Festa da Ostra de Arcade.

Os vindeiros 5, 6 e 7 de abril o Concello de Soutomaior vivirá a súa trixésimo sexta edición da Festa da Ostra de Arcade.

A festa que máis identifica a este municipio de Soutomaior é a Festa da Ostra, que se celebra na parroquia de Arcade o primeiro fin de semana do mes de abril, no parque do peirao. Este ano conta coa súa XXXVI edición.

Esta festa gastronómica está declarada de interese turístico de Galicia desde o ano 2002 e nela pódense degustar os saborosos moluscos que se crían nas marxes da ría de Vigo. O fitoplancton do fondo da mesma é un factor importantísimo á hora de dotalos dun sabor exquisito que os fai inconfundibles, sendo moi nutritivos pola súa riqueza en sales minerais e vitaminas.

A ostra de Arcade é sen dúbida, a máis cotizada do mercado e a pioneira en comercializarse e exportarse fora de Galicia. É de variedade ostrea edulis e se lle recoñece un sabor ligado ás augas nas que se cría, a desembocadura do río Verdugo. Se ben se recomenda o seu consumo en todos os meses, a mellor época para degustala é abril, por iso a celebración deste evento gastronómico na primeira fin de semana de abril, pois esta data é cando a ostra está nas mellores condicións biolóxicas para a súa degustación.

A tradición do cultivo deste exquisito bivalvo data xa do tempo dos romanos. Por Arcade pasaba a Vía Romana procedente de Redondela, ía a Pontevedra e Santiago. Moitos eran os que se detiñan a degustar as ostras. Fai moitos séculos, preparábanse as ostras fritas, que se facían en escabeche e enviábanse en pequenos barrís de madeira á corte madrileña; de apreciado consumo para Austrias e Borbóns. Aínda que hoxe en día, o máis común é comelas ó natural con limón.

Tamén se lle atribúe un valor afrodisíaco e dise que con elas Casanova recuperábase dos excesos amorosos. Os gregos comían po de cuncha de ostra en momentos de decadencia sexual, e en Atenas votaban escribindo na cuncha do molusco o nome do político que querían apartar do goberno, e o máis votado era condenado ó ostracismo, 100 anos de desterro.

A ostra é un manxar esencial para abrir unha mariscada. Ten un sabor espiritual, que é como unha añoranza do mar”.

Así describe este produto un dos grandes escritores da Literatura do país Álvaro Cunqueiro.

Para consumir este molusco tense que mercar sempre pechado, xa que é un indicativo da súa frescura. Unha vez adquiridas o correcto é colocalas coa parte da cuncha cóncava apoiada na bandexa ou recipiente ata o momento de abrilas para que non perdan auga. É recomendable ademais, rodealas cun trapo húmido e mantelas nunha temperatura entre 2 e 8 grados, por exemplo, no caixón das verduras do frigorífico. O interior da ostra debe estar cuberto de auga e é preciso descartar as que estean secas.

No momento de consumilas hai que abrilas cun coitelo especial corto e ancho.
Recoméndase abrilas polo lateral, e aínda que os expertos recomendan comelas crúas para que non perdan sabor, é habitual botarlles unhas gotas de limón.

Agora vamos coa tradición da organización deste evento gastronómico que comezou a súa andaina alá pola ano 1987. A idea partiu dos ostricultores da zona que consideraron como idónea a vila de Arcade para esta celebración, xa que foron os pioneiros no consumo, comercialización e exportación deste molusco, non só a outras partes de España, senón tamén de Europa. Esta festa naceu coa intención de potenciar o consumo da ostra, xa que ten un importante papel na economía desta fermosa vila mariñeira, e desta forma proxectar a imaxe de Arcade como punto de referencia na produción e comercialización da mesma.

A continuación ofrecémoslle o programa de actividades da edición 2024 e convidamos a todos os nosos lectores e lectoras a que se acheguen a coñecer esta fermosa festa neste fermoso Concello no que se respira un aire especialmente atractivo de beleza, xustiza e liberdade.