O BNG, despois de moito tempo fóra do Concello de Pazos, recuperou a presenza institucional na persoa do veciño do Pousiño Xurxo Pardo. Despois de acadaren un extraordinario resultado nas últimas autonómicas, con máis do 35% dos votos, nós achegámonos ata Pazos para conversar con el e coñecer a súa valoración sobre o estado de cousas na súa localidade.
“Se en maio do 2023 non se daba a relación de confianza necesaria para que o BNG entrase no goberno de Pazos,agora dáse menos.”
A primeira pregunta é obrigada. Resultado extraordinario do BNG de Pazos nas últimas autonómicas. Supoño que estarás moi satisfeito?
Desde logo que si. Enormemente orgulloso e satisfeito do caudal de confianza co que nos distinguiu a veciñanza de Pazos. Tivemos un 36,77% dos votos, nalgunhas mesas incluso fomos primeira forza, e semellante resultado cárganos de folgos pois amosa que estamos no camiño correcto.
Foi o mellor resultado da historia do BNG de Pazos?
Si.
Entendo que o resultado non se pode extrapolar á política local?
Son procesos electorais distintos, si. Pero a análise que nos deixa o 18-F en Pazos é que o BNG ten un enorme campo de crecemento potencial pois ningunha das 624 persoas que colleu a nosa papeleta descoñece o que é o BNG, e nós imos con toda a ilusión, con toda a forza do mundo, e tamén con humildade, a tratar de convencer a todos os nosos votantes potenciais para que nos sigan distinguindo coa súa confianza en todos os procesos electorais futuros. Por suposto tamén nas eleccións municipais.
O cambio político en Pazos aconteceu en maio do ano pasado co que xa pasou tempo suficiente para que poidas emitir unha valoración rigorosa. Comeza por valorar o traballo do BNG?
O BNG está no lugar que lle puxo a veciñanza de Pazos. Tratamos de estar constantemente nas rúas para coñecer as necesidades reais da xente e de traballar para contribuírmos á súa solución.
Ti, que vives a túa primeira experiencia como concelleiro, como te estás a sentir?
Moi contento. Moi honrado de representar ao BNG no Concello de Pazos e pola confianza e cariño que noto da xente do meu pobo.
O acordo de investidura para facer a Luciano Otero alcalde de Pazos foi fácil ou difícil?
Foi un acordo a tres bandas e eu podo falar unicamente do que atinxe ao BNG. Nó que a nosa organización respecta nese acordo polo que preguntas mantivemos unha posición absolutamente construtiva.
O goberno local está a cumprir o pacto ao que chegastes para darlle o voso voto afirmativo na investidura?
Non.
Por que?
Nós queriamos un cambio real no noso Concello. Non só un cambio de caras senón tamén un cambio de políticas. E lamentablemente 10 meses despois das eleccións vemos que ese cambio de políticas non se produciu. É un goberno que desilusiona e un goberno que segue a empregar as mesmas políticas caciquís que utilizaba o PP.
Precísame iso das supostas políticas caciquís do actual goberno?
Pódense pór varios exemplos:
-Non se lle dá publicidade ás contratacións públicas do Concello.
-Empréganse as redes sociais institucionais de maneira partidista.
-Chegaron a censurar o facebook do Concello para ocultar comentarios contrarios.
-A través de contratacións menores o alcalde ten a soldo un asesor encuberto( que a verdade non temos moi claro cal é a súa función, pero ás veces incluso vai el a xuntanzas en representación do Concello).
Por outra parte non só non apreciamos cambios na forma de facer política senón que algún tema en concreto de especial relevancia para Pazos, coincidente nos programas electorais de Alternativa e do BNG, tampouco se está a cumprir.
Cal?
A resolución da problemática na que se encontra o polígono de Amoedo.
Pero o goberno levou ese punto a pleno para tratar de aprobalo?
Si, pero non fixo traballo a priori para tratar de sumar a maioría necesaria para podelo aprobar. O goberno non ten maioría absoluta e non pode actuar como se a tivera .Este é un tema esencial para o noso Concello é o responsable sería ter falado cos distintos grupos para encontrar puntos de consenso, previos ao pleno, que garantiran a súa aprobación. É necesario darlle seguridade xurídica ás empresas do polígono e buscar un acordo coa Comunidade de Montes de Amoedo para dotar ao polígono de servizos
Hai algunha posibilidade de que o BNG entre no goberno de Pazos?
Agora mesmo non. Cando se iniciou o mandato non existía a confianza necesaria para que iso se producise e agora , 10 meses despois, temos aínda menos confianza neste goberno. O alcalde en lugar de tender pontes actúa de maneira autoritaria e déspota.
Outro problema relevante que ten o Concello de Pazos é a situación da estrada de Nespereira. Como está ese asunto a xuízo do BNG?
Que nós saibamos a pelota está no tellado do goberno da DEPO que é a quen lle corresponde licitar as obras. Segundo o noso punto de vista nin o anterior goberno da DEPO nin este actuaron coa dilixencia debida para que se poida concretar dunha vez a imprescindible actuación nesta estrada. No que ao goberno local se refire botamos en falta máis enerxía e contundencia na reclamación deste asunto que é capital para Pazos.
Con este goberno a transparencia é mellor có que había antes?
Non mellorou. Sigue igual que antes. Cando nós solicitamos algún expediente tardan bastante tempo en nolo facilitar. O goberno pon trabas para que a oposición acceda á información.
Que sabemos sobre a situación real das finanzas do Concello?
O primeiro que me chama a atención neste asunto é non ter noticia algunha sobre os orzamentos. A mediados de marzo non sabemos nada. Hai liquidez na caixa e nós fixemos propostas sobre en que se deberían investir os cartos:
-Axudas ás traídas de augas
-Atender ao tecido asociativo: Asociacións, veciñais, culturais e deportivas. Hai colectivos que levan meses sen cobrar as axudas que lle corresponden.
-Mellorar os camiños públicos. Hai zonas en Pazos nas que é practicamente imposible transitar.
Cal vai seguir sendo a liña de actuación política do BNG neste mandato?
A mesma que ata agora :desenvolver unha oposición seria, responsable e construtiva.
Rematamos Xurxo: Hai algunha posibilidade de que no futuro o nacionalismo en Pazos volva camiñar unido?
O nacionalismo en Pazos xa está unido no BNG.