“Alén Nós “ somos Nós

Alén Nós Redondela

A asociación Alén Nós de Redondela insta ao concello a corrixir uns pictogramas , signos que representan esquematicamente símbolos, obxectos ou figuras e que son enteiramente comprensibles só coa mirada, que de maneira ridícula están acompañados de texto bilingüe en galego e castelán. Así a modo de exemplo, o pictograma, que representa unha figura humana baixando unhas escaleiras, está sobre identificado coas palabras “ Baixar” “ Bajar”.

Os membros de Alén Nós xa se reuniron co goberno local e con distintos partidos políticos para instar aos primeiros a que corrixan semellante desatino e para transmitir aos segundos a súa visión deste asunto. Porén e ante a falta de resultados están a valorar tomar medidas de carácter legal pois eles entenden que se está a vulnerar a propia ordenanza do uso do galego do concello de Redondela.

Se este asunto remata no xulgado todo apunta a que o concello se verá obrigado a modificar os pictogramas da discordia pois parece que a administración municipal está a incumprir a súa propia normativa.

Aclárannos os amigos de Alén Nós que a eles todas e cada unha das linguas do mundo lles parecen ben, e que desde logo non teñan nada contra ningunha das arredor de 5.000 que se falan no noso planeta. Ese non é o problema. A cerna da cuestión está en que a lingua propia de Galicia é o galego, é a única que resulta da evolución natural do latín nesta parte do mundo que se chama Galicia. E é un feito incontrovertible que o noso idioma vive unha situación de diglosia moi grave, que esixe a súa protección adecuada polos poderes públicos. De non ser así non falta moito para que desapareza como lingua viva .E no mundo ao revés no que vivimos, somos sempre nós, os galego falantes, os que cedemos espazo, máis espazo cada vez, a unha lingua que non o necesita pois é unha das máis faladas do mundo. Cando sexa necesario que se faga, pero cando non o é , como non o é de ningún modo neste caso, non ten porque facerse.

Nós sumamos a nosa voz a Alén Nós na súa xusta demanda e dámoslle os parabéns pola súa firme e decidida defensa do noso idioma .

Nós tamén somos Alén Nós.