Cangas: a continuidade do goberno progresista pasa polo entendemento das esquerdas

Artigo de opinión A Nova Peneira
Alma López Figueiras

O BNG, que renova liderado con Araceli Gestido á fronte, pode converterse na candidatura de esquerdas máis votada no concello se recibe o apoio de Avante!-ASpUN e daquelas persoas que confiaron en ACE cando estaba o finado alcalde Xosé Manuel Pazos e non comprenden as liortas internas que se sucederon no xa desintegrado bloque de esquerdas. Porén, a continuidade do goberno progresista no concello máis poboado do Morrazo dependerá dos resultados do PP e da capacidade de entendemento das esquerdas, quizais co BNG como forza de consenso.

O escenario político de Cangas de cara ás eleccións municipais deste 28 de maio é un dos máis incertos entre os grandes concellos da provincia de Pontevedra. A fragmentación da esquerda non foi impedimento para que agromasen gobernos progresistas na localidade, pero as últimas experiencias de 2015 e 2019 demostraron que son necesarias figuras políticas de consenso que concilien os intereses colectivos. Ata xaneiro de 2021, o falecido alcalde Xosé Manuel Pazos foi esa figura política de consenso dentro de Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE) e do propio goberno municipal de coalición. As tensións internas polas cotas de poder en ACE comezaron a visibilizarse mesmo antes de que Victoria Portas fose elexida alcaldesa de Cangas, cos votos dos oito concelleiros do goberno bipartito creado en 2019 –ACE e PSdG-PSOE– e os tres do BNG. Aos poucos meses, este espellismo de estabilidade política arredor do bloque de esquerdas que lideraba ACE deu paso á desintegración do goberno bipartito coa abrupta saída do PSdG-PSOE. Dentro das filas de ACE tampouco se mantivo a unidade: Victoria Portas puido conservar o bastón de mando da Alcaldía ata a cita electoral con tres de catro concelleiros ao seu lado e o apoio puntual do BNG na moción de censura que presentou o PP en novembro de 2022.

Saír a pescar en río revolto

A alcaldesa Victoria Portas, con todo, parece non renunciar ao bastón de mando e preséntase ás eleccións municipais do 28 de maio como cabeza de lista de Alternativa dos Veciños, un partido independente fundado en Oleiros (A Coruña) polo alcalde comunista Ángel García Seoane e que ten vontade de expandirse pola xeografía galega. Mariano Abalo, veterano líder do movemento político de esquerdas en Cangas desde os primeiros anos da democracia e cabeza de lista de ACE nas municipais de 2007 e 2011, figura no posto 11 da candidatura e abandona a primeira liña despois de 44 anos como concelleiro na Corporación Municipal. A coalición de esquerdas que representara ACE desde 2007 divídese agora en tres candidaturas lideradas por Victoria Portas (Alternativa dos Veciños), a concelleira disidente Aurora Prieto (Esquerda Unida) e Carmen Berzosa (Podemos).

O PSdG-PSOE, que chegou a votar a favor da moción de censura contra a alcaldesa presentada polo PP o ano pasado, tamén aposta pola renovación, situando a Iria Malvido como cabeza de lista.

Esta fragmentación e renovación de liderados na esquerda contrasta coa aparente unidade que se observa na dereita. O incombustible José Enrique Sotelo volve encabezar a candidatura do PP, á procura dun cuarto mandato. Xa resultara elexido con máis do 40% dos votos en 1999, 2003 e 2011, xusto despois dos dous gobernos de coalición liderados polo BNG en 1995 e 2007. Ao seu favor ten a desaparición de Ciudadanos e, sobre todo, a reintegración no PP de José Luis Gestido –número 6 na candidatura–, quen en 2015 e 2019, co seu partido Cangas Decide, puido restarlle a Sotelo 973 e 663 votos, respectivamente. Máis á dereita do PP, con todo, xurdiu este ano Cangas Unido, encabezado polo excoordinador de Vox na comarca, José Luis Fernández.

O elefante na habitación do que ninguén fala

Neste contexto, o elefante na habitación é sen dúbida o BNG. A formación nacionalista renovou liderado, con Araceli Gestido como cabeza de lista, e ten opcións de sumar forzas progresistas, considerando que nesta ocasión Avante! –constituído como Asemblea pola Unidade-ASpUN en 2015, tras saír da esfera de ACE– non presenta candidatura. Dos votos contabilizados en 2019, habería alomenos 1.644 en xogo.

Ben é certo que o BNG de Cangas ten rexistrado unha constante diminución da porcentaxe de voto nas municipais desde o mandato de Clara Millán (2007-2011) e o proceso desencadeado a partir de 2012 coa asemblea de Amio, pero o feito de non ter participado no segundo e máis tormentoso goberno de coalición que iniciou o falecido Xosé Manuel Pazos –pero si ter apoiado a estabilidade do mesmo en momentos puntuais– pode converter á nova candidata do BNG na peza clave dun futuro goberno progresista de coalición. O clima que se respira noutros concellos do Morrazo –como Bueu e Moaña, con alcaldes e alcaldesas que aspiran á maioría absoluta nas urnas– tamén chama ao optimismo nas filas nacionalistas. De chegar á Alcaldía, reeditaríase o guión de 2007, con alcaldes e alcaldesas do BNG en Cangas, Bueu e Moaña.

Con todo, Cangas vén demostrando desde o inicio da etapa democrática que é un concello con idiosincrasia política propia. Xa naquel ano 1979, foi un dos tres concellos galegos que escolleu un alcalde do Partido Comunista de España (PCE), e malia sumarse en 1983 á moda socialista que marcaba naquel momento Felipe González, desterrou da Alcaldía ao malogrado Lois Pena nos últimos anos desa década cando se atreveu a subir o imposto da contribución urbana. En Cangas, ningunha forza política pode vender o peixe antes de tempo. A mar anda revolta e non sabemos quen pode pescar os votos das persoas insatisfeitas coa xestión municipal dos últimos tempos.