

Marín, 2 de agosto de 2022
Os nosos montes arden por que están cheos de “arcolitos”. Os nosos montes arden para encher o bandullo das celulosas de aquí e de acolá. Arden para botar á xente das aldeas, para que o rural non teña futuro e sexa máis fácil enchelo de muíños de vento.
Hai que botar á xente do Courel, hai que botalos do rural para facilitar a explotación irracional e salvaxe dos nosos montes e transformalos en enormes plantacións de eucaliptos ou parques eólicos.
Galiza arde para aumentar a conta de resultados das “grandes” empresas que, coa inestimábel colaboración da administración autonómica, a chuchan converténdoa nun enorme latifundio, nun ermo ambiental.
A nosa madeira barata vai ser transformada en pasta de papel, barata para Ence ou para empresas portuguesas que atoparon o maná nos montes galegos.
O franquismo mutilou os nosos ríos con enormes encoros para alimentar a outros mentres as nosas aldeas non tiñan luz. Temos que producir unha electricidade barata para Madrid e que nós pagamos máis cara por obra e graza da facturación.
E coa “democracia” segue todo igual. Onte con Franco os encoros, hoxe os montes cheos de muíños de vento e eucaliptos. Moito beneficio e poucos postos de traballo, coa bendición do Ibex35 e a cabeza gacha dos nosos gobernantes.
Somos un pobo colonizado onde o estado español fai e desfai ao ditado da Unión Europea. O noso estatuto de autonomía é papel mollado que non serve para solucionar os nosos problemas; as directrices da UE e o estado español xa que se encargan de que así sexa.
Non nos enganemos, non temos soberanía nin capacidade de tomar decisións importantes neste enramado institucional. A autonomía é un instrumento deseñado para continuar coa dominación e o espolio dos nosos recursos. Xa o dicía a canción: “mándannos autonomía que os caciques son moi listos…”
O pobo galego molesta e ten que ser reducido á mínima expresión, a súa cultura e o seu idioma teñen que ser liquidados. Pouco a pouco queren levarnos cara a solución final, non teñen presa e amodo van facendo o necesario para que o galego sexa un idioma residual e sen importancia.
O réxime do 36, agora coñecido como do 78, controla todos os resortes do poder. O económico, o lexislativo, o executivo, o xudicial, o militar, as bandas de ultradereita, as “cloacas do estado” e o que faga falta. Xoga coas cartas marcadas e non vai permitir polas boas, como fixeron con vascos e cataláns, que o pobo galego levante a voz e pete na mesa.
Por iso chegar ao goberno da Xunta non é unha solución, poder ser un analxésico que momentaneamente nós faga crer imos exercer algo de autogoberno ou paliar algún dos nosos males sempre que non se moleste moito aos poderes económicos.
Non nos fagamos ilusións, para cambiar algo ten que haber unha gran base social que ampare e se enfronte aos vencedores da guerra civil. E isto non se consigue con electoralismo e posados fotográficos.
Se queremos que os nosos montes deixen de arder, que os nosos barcos volvan faenar e que o noso idioma tome azos e se normalice necesitamos ter clara a folla de ruta. Cara onde queremos ir? E como temos que camiñar? Sendo conscientes que do estado español e da UE nin as flores, por que son institucións ao servizo do capital e non da liberdade dos pobos.