
Calidade e profesionalidade máxima a carón da nosa casa
En Bora, no lugar das Pontes, xusto a carón da ITV de Pontevedra está o Novo Bora, un local de primeira calidade que fusiona a comida de toda a vida coas innovacións máis atrevidas e exquisitas. O local está rexentado polo noso amigo Dani, un rapaz de Montecelo, de tan só 32 anos, que leva toda unha vida , desde que era un neno, como profesional do sector da hostalaría. Nós comemos alí, de camiño a Cotobade, gozamos alí e non perdemos a ocasión de coñecer mellor ao seu propietario.
Fálanos un pouco da túa historia, cando comezaches no mundo da hostalería?
Eu xa nacín nun bar, fundárono os meus avós paternos e son a terceira xeración de hostaleiros.
Como se chamaba o bar que montaron os teus avós?
Casa Lola. Aí ofrecíase menú do día e bocadillos.
Onde se situaba e como traballaba?
Estaba á beira do hospital e traballaba moi ben. Tiña un comedor enorme e por 8€ dabamos un menú cuns pratos moi abundantes.
Dicíasme que ti es a terceira xeración. Entón dos teus avós o bar pasou aos teus pais e despois ti chegaches a traballar nel?
Si, traballei alí uns 12 anos ata que nolo expropiaron por una ampliación.
Nunca quixeches facer outra cousa? A túa vida laboral comezou directamente xa na hostalería?
A verdade é que levo toda a vida nisto e gústame, nunca fixen outra cousa fóra da hostalería.
Que é o que máis che gusta?
O trato coa xente, coñecer xente fóra da túa contorna, son moitas as persoas que se coñecen neste mundo.
E o que menos che gusta?
Por desgraza, neste mundo hai xente moi mala e cando se che cruza mala xente por diante, iso é o máis amolado. Tamén teño que dicir que a xente boa compénsao.
E cando deixaches Casa Lola, xa viñeches para aquí?
Non, como xa che comentei deixamos Casa Lola porque nos expropiaron. Despois disto funme a vivir un ano a Vilagarcía, ata que decidín regresar a Pontevedra e abrín un local moi bonito na zona vella. Sígoo tendo a día de hoxepero está pechado. Tamén traballei como xefe de cociña para un obradoiro de menú do día. Con este local, o Nova Bora, levo catro meses.
Como valoras estes catro meses de percorrido?
Imos progresando de maneira moi positiva. A verdade aquí viña algún cliente que non me gustaba. A min gústame a xente seria, que che fai sentir cómodo traballar para eles, e eu procuro facelos sentir como na súa propia casa. Afortunadamente, a miña historia persoal no sector, e a historia da miña familia son un aval inmenso que fai que aos poucos esta casa , o novo Bora , se vaia convertendo no que eu desexo: un local tranquilo, familiar, cun servizo de primeira calidade a un prezo razoable no que todas as persoas que nos honren coa súa confianza se acaben sentindo moi a gusto.
Que servizos ofrecedes aquí no bar ?
A min gústame a cociña tradicional, creo que é a base de todo. Pero apaíxoname experimentar. De feito o local procura ofrecer unha mestura de comida tradicional como zorza, croquetas, luras, bocadillos e algo diferente e novo como tartar, carpacho, revoltos, etc. Temos servizos de bar e restauración
Entón ofreces un servizo de cafetería tradicional como de restaurante, non?
Si, de feito, o local ten licenza de restaurante.
Temos menú do día?
Empezamos agora a facelo este mes.
Que horario ten o local?
Abrimos ás 7:30 H da mañá e estamos en horario continuo ata ao redor das 00:30 H da noite que pechamos. Ofrecemos almorzos, comidas caseiras normais, bocadillos e o mesmo ás ceas. Todo con materias primas de primeira calidade e a uns prezos razoables.
Os sábados, por exemplo, como petisco, poñemos uns camaróns acompañando, pois a unha cervexa ou calquera outra bebida.
E facedes comidas por encargo?
Si. Podemos facer cocido, un bacallau… A comida que sexa e sempre adaptándonos ao espazo que temos no local. Podemos albergar eventos dunhas 20 persoas.
Cantas persoas traballades aquí agora mesmo?
Agora mesmo somos dous. En breve conto con incorporar a unha ou dúas persoas máis.
As túas expectativas son que isto sexa un negocio que dure no tempo?
Si, isto é un negocio con perspectivas de futuro. Mesmo teño en mente poder ampliar para acoller a máis xente, facer este proxecto máis grande se cabe.