Lonxe de atarnos

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero.

Si, si. Porque así é. Hai que recoñecer que só o libre exercicio das ideas é implacable contra toda forma de dominación, toda. Porque necesitamos non estar atados, porque necesitamos poder criticarnos a nós mesmos e quizais aos propios, anque tampouco o entenderían. Enténdase pola imposición dun pensamento trazado, dunha vía única de entendemento nos dominios ideolóxicos que campan ao noso arredor. Necesitamos perdernos, e moitas veces, para atoparnos e reconducirnos.

Non, o libre exercicio do pensamento debe estar enteiramente libre, lonxe das prácticas que incorporen limitacións ou apaisamentos. Ninguén que queira exercer ese pensamento pode estar atado aos comentarios, ás redes clientelares, aos beneficios particulares, a unha realidade privada con labras ofensivas. Non para acadar un pensamento fértil, terá que ser crítico e creativo. Poder dar fe do que sentimos, do que sabemos e dicimos sen presións de ningún tipo, na dignidade de sacudir os lixos mediáticos que enchen o aire mentres pretendemos aínda respirar. Si, esas voces coreadas que sempre din o mesmo, compracendo os oídos finos e delicados dos que mandan.

Poderemos quizais refuxiarnos en memorias, en músicas e choivas que recrean  muiñeiras e baladas cheas de saudade. Mais debemos fuxir da contaminación, volver sobre a lectura pousada, a explosión da primavera en cores e recendos, esa que ano a ano nos sorprende novamente. Mirar ao lonxe, buscando a liña do horizonte, buscar o fondo da paisaxe, entre os verdes impolutos da herba e as cores das flores que levamos tamén na memoria, convencidos de regresar para reconfortarnos e crernos a salvo vendo  bolboretas subir e baixar, quedándonos latentes nesa sensación que di que todo segue, a pesar de tanta xente que pon paus nas rodas. Senón, deixarémonos levar dese intrusísimo que fai perder valores, ese que contabiliza as horas e minutos, que conta as palabras que escribimos, que optimiza o cómputo por riba da existencia. Métricas aparentemente obxectivas que nos perseguen en enquisas e proporcións, en trampas numéricas en vez de emocións e experiencias.

Pésannos canto comemos, os litros que debemos beber, os gramos de información que debemos atender, as bolsas de moral e de ética que se consumen á semana, o osíxeno que debemos tomar a cada xeira, as proporcións de vicios que asumimos. Medidas de todo, e sen darnos conta caemos na trampa dos datos, onde os mesmos datos agonían e restan emocións, facéndonos máis manexables coa preocupación ousada de optimizarnos. De novo a produtividade estimula a destrución, desviando os pensamentos, facéndonos un pouco máis infelices con algo que, en realidade, non existe. Non debemos, anque podemos, entrar nese xogo perverso da métrica constante, do peso en moedas. Non é o diñeiro quen nos salva ou condena.

Non podemos deixar que todo nos poida desde os ollos, desde ese metrónomo que marca os ritmos desa cobiza nas colosais fortunas disparatadas. No sinxelo está a grande lección. Naquelas cousas máis pequenas é onde hai que aprender as verdadeiras dimensións do que en realidade máis valor ten. O resto quizais sexa todo espectáculo e aparencia, que son estériles e só convencen aos parvos, pero incapaz de dar lugar a algún obxectivo fértil, a unha aprendizaxe vizosa e xenerosa, a esteos de pensamento que nos leven a calquera sustento firme e sólido, a calquera avance de futuro. Non podemos deixarnos enganar desa maneira, porque nos levan en falsas informacións, porque son dogmas que nos restan pluralidade e diversidade, porque nos comen o tarro con mentiras, porque nos alimentan así desde virtuais conceptos interesados, para desviarnos do entendemento e dun pensamento libre, que quizais sexa veraz, anque si será sempre máis auténtico.