Asinado. Paulo S. Carril Vázquez
Secretario Xeral da CIG
Afrontamos este 25 de xullo, Día da Patria Galega, nunha crítica situación internacional marcada polo xenocidio ao pobo palestino, os efectos do cambio climático e a ofensiva do imperialismo, dos EUA, facendo apoloxía da guerra e da OTAN. Nun momento no que o capitalismo neoliberal é máis incapaz de resolver as necesidades básicas da humanidade e ser respectuoso coa natureza, refórzase a explotación de clase, a dominación colonial dos pobos e das nacións nunha carreira desenfreada pola depredación dos recursos, mentres se aceleran as transformacións da economía pola descarbonización e a dixitalización.
Hoxe, máis que nunca, é necesario reclamar respecto á soberanía económica e política dos pobos e nacións, é urxente a construción dun mundo asentado na xustiza, solidariedade, cooperación, igualdade e paz.
Galiza somos unha nación sen Estado, negada nos dereitos nacionais. A CIG somos o sindicato maioritario da clase traballadora galega, dunha nación oprimida, co galego como lingua propia en situación de emerxencia. Somos a expresión da capacidade de auto-organización do pobo galego como vía para decidir nós e por nós o noso futuro como clase e nación.
As nosas reivindicacións por unhas mellores condicións de vida, por avanzar na igualdade e benestar da clase traballadora galega están directamente relacionadas co dereito a decidir do pobo galego, con dispor dun Marco Galego de Relacións Laborais con plenas competencias lexislativas, que consolide o respecto dos dereitos laborais e a mellora das condicións de traballo.
Dereito a decidir sobre o noso modelo económico para levar adiante políticas públicas en favor das maiorías sociais, única maneira real de ter emprego, salarios e pensións dignas. Decidir sobre o noso modelo social para garantir, sen exclusións, unha protección social plena, o acceso á vivenda digna a todas as persoas, independentemente da súa renda ou condición social.
Necesitamos soberanía para aproveitar todos os recursos que temos dispoñíbeis no noso país (produción de enerxía, recursos minerais, riqueza forestal, actividade de produción e transformación no sector agrario, pesqueiro e marisqueiro, etc.) e poñelos ao servizo de crear emprego digno, de completar os ciclos produtivos, aumentar o valor engadido da nosa economía, diversificar as capacidades produtivas e industriais, procurando un mellor equilibrio territorial e ambiental, garantindo a rendibilidade social e non privada, evitando a destrución de emprego e a emigración.
Cómprenos autogoberno real para defender os servizos públicos, ter un maior e mellor ensino galego público (universitario e non universitario), máis sanidade pública e construír un sistema galego público de atención ás persoas maiores e dependentes.
No mes maio tivo lugar o IX Congreso da CIG co lema Coa forza da nosa clase, traballo, dereitos, soberanía, expresando a nosa vontade de actuar, a importancia da organización sindical para revitalizar a solidariedade, a unidade da clase traballadora e as fortalezas do feminismo galego e de clase, demostrando a enorme capacidade de acción que temos cando hai sindicato, cando hai CIG.
Vivimos tempos que chaman a ocupar as rúas, a intensificar a loita nos centros de traballo, a seguir condicionando as decisións dos Gobernos, a impedir que a dereita e ultradereita avancen, porque grazas á capacidade de mobilizacións das forzas sindicais, sociais e políticas soberanistas temos freado máis derivas españolistas e reaccionarias.
Por todo isto, no Día da Patria Galega, reivindicar o dereito a decidir é vital para facer fronte xusta e democraticamente a toda esta situación, apostando por unha alternativa e viabilidade de futuro, no que poidamos vivir e traballar dignamente na nosa Terra e na nosa lingua galega. Porque como escribiu Castelao no Sempre en Galiza, a liberdade das nacións afecta ao proletariado máis que a burguesía.
