DE COMO MANUEL MARIÑO MÉNDEZ, O ÚLTIMO ALCALDE REPUBLICANO, LOGROU FUXIR DUNHA MORTE CERTA.
Telegrama do Gobernador Civil, (Gonzalo Acosta Pan, fusilado o 12/09/36, 47 anos), dirixido ó Alcalde Manuel Mariño Méndez.
TRANSCRICIÓN TEXTO:
Del. Gober. Civil.- Dominados case totalmente focos facciosos, algunhas localidades Sur, alzáronse contra República, comunícolle V.S. para satisfacción elementos afectos Réxime. Convén, porén, que esa Alcaldía e Organizacións Fronte Popular sigan atentos. Advírtolle que nestes intres ten V.S. toda autoridade adoptar medidas necesarias para defensa Réxime, comunicándome canto ocorra. Saúdao.
Esa, e non outra, foi a orde que o Alcalde recibiu do Goberno Civil, e puxéronse de contado a tomar as medidas que consideraron precisas na defensa da II República, formándose o Comité de Defensa da República, fundamentalmente con elementos de Salvaterra, pero tamén con algúns do Concello das Neves.
O día 20 declarouse a folga xeral, comeza o recrutamento de milicianos, requisa de armas, detención de algún elemento de dereitas. O día 21, requisa de armas, controles nas rúas e nos cruces de estradas. O día 22, intento detención do cura de Taboexa, (disparou contra un miliciano, feríndoo), requisa na ferretería de Germán Alonso de armas e municións. O día 23, preséntase voluntariamente o cura, fórmase Tribunal Popular que o xulga e multa con 2000 ptas. O día 24 trátase de inutilizar a ponte sobre o río Mendo na estrada das Neves, en Alcabre, Oleiros, e a ponte da estrada de Salceda sobre o río Tea na Fillaboa. O día 25, arríncanse varios carrís do camiño de ferro na Fillaboa, trátase de voar o viaduto de Sta. Mariña, tamén do camiño de ferro en Liñares, As Neves. O día 26, córtanse piñeiros na estrada de Ponteareas, algúns comezan a fuxida ante a gravidade dos feitos na comarca, afúndense barcos para evitar fuxidas, parece ser que xa hai contactos para a entrega do Concello ás forzas de seguridade (Garda Civil e Carabineiros). O día 27 devólvense armas ós donos ou ás forzas de seguridade. O día 28, declárase o bando de guerra. O día 29, uns emprenden a fuga, outros fican inocentemente nas casas. O día 30, asasinan no lugar da Picada, antigo matadoiro, ó Concelleiro Bernardo Bernárdez Martínez, preso na cadea do Concello.
O avance dos facciosos era imparable e Salvaterra caeu sen loita entregada nas mans da Garda Civil e Carabineiros que estaban acuartelados na vila, ó mando do Brigada Evaristo Ordóñez Pérez e do Tenente Francisco Villarubia Fernández, respectivamente.
Até agora non se sabía como conseguira este obxectivo Manuel Mariño, pero a lectura atenta da causa 301/36, que se levantou posteriormente contra todos aqueles elementos que tomaron parte na defensa da República, e que se atopa depositada no Arquivo Militar de Ferrol, danos as pistas, chaves no desenrolo dos feitos.
Mariño nos últimos momentos acougou os ánimos e calmou os milicianos, e debía ter boas relacións coa sociedade salvaterrense, ser moi respectado, solo así se explica que varios elementos, de esquerdas e de dereitas, se confabulasen para polo a salvo, de xeito que:
Un dereitista, Carlos Suárez Orge, de 36 anos, comerciante, xefe da Falanxe local, en declaracións a G. Civil, sinala que pasara a Portugal o día 20 de xullo acompañado polo Cura Párroco Sr. Montero e de Manuel González Porto, este falanxista moi activo, non regresando até o día vinte e nove, segundo acredita co pasaporte.
O día dous de agosto el e Arturo Queimadelos Barros van xuntos a Monção sobre as catro da tarde, cousa que lle estrañou incluso ao garda portugués, coñecedor do credo político dos dous, mesmo lles preguntou a que ían, respondendo que ían a “merendar”· Un dos gardas pediulle informes sobre o Alcalde ó Sr. Suárez, dándollos en sentido favorable. En Monção estiveron unhas tres horas, regresando sobre as sete e media.
Arturo Queimadelos Barros, médico de 50 anos, adscrito a Esquerda Republicana. Preguntado pola Garda Civil se estivera xunto con Carlos Suárez en Monção o día cinco ou seis de agosto preparando o paso e refuxio ó Alcalde Mariño, naturalmente o negou, pero asegurou que tendo en conta o pouco fondo do río que permite pasalo a pé cree que así o faría. Preguntado se foi certo que estiveron xuntos en Monção el e Carlos Suárez o día dous de agosto, contestou afirmativamente.
Alfonso González Troncoso, de 62 anos, labrador, veciño de Salvaterra, falanxista acérrimo, recadador de impostos, ( Xuíz Municipal durante a ditadura do Xeneral Primo de Rivera), tivo agochado a Mariño nun alpendre da sua propiedade ate o día da fuxida, cando pasou a pé o río no lugar da Fillaboa, a altura da illa grande, e de alí a Portugal. Preguntado este por que non o denunciara, respondeu que non sabía que o estaban buscando. É de suliñar que o Doutor Arturo Queimadelos Barros se interesara ante el para que puxera unha barca a flote, sen éxito.
Evaristo Ordóñez Pérez, de 44 anos, Brigada da Garda Civil de Salvaterra, declara ó Capitán de Tui “na evasión do ex Alcalde, interviu o Sr. Queimadelos e Carlos Suárez, este de dereitas”, “ tamén é certo o paso a Monção dos dous citados, paso moi significativo tratándose de distinta ideoloxía, no mesmo día e hora, e solo para merendar, chamándolle a atención mesmo ao policía portugués”, “tamén é significativo que Queimadelos tratase de pór unha das barcas que estaban afundidas, a flote”. En declaración posterior afirma, “que por referencias sabe que o citado ex Alcalde estivo cinco días agochado na casa de Alfonso González e que en Monção practicou xestións o Dr. Queimadelos.”
José Ramón Alonso Álvarez, propietario, dereitista do clan caciquil dos Bugallales, declara, “que por referencias soubo que o ex Alcalde estivo oculto na casa de José Bértolo, mestre, (este negouno), que despois andou ocultándose entre os milleiros, ata que apareceu nun alpendre de Alfonso González. O paso do río fíxoo a pé por un vao que hai na Fillaboa, deica as illas, e que dous cambiadores de Monção (tal vez un fora un tal Francisco Estéves) fixeron xestións coa policía portuguesa, para que non puxeran impedimento a sua estadía en Portugal.”
E así foi como se abriu o Proceso nº 925/36 e a conseguinte Biografía Prisional, existente no Arquivo da Torre do Tombo en Lisboa, fondo da PIDE (policía política portuguesa), folio nº 3655, “Entregue pela Guarda Fiscal deu entrada no Posto de Monção em 05-08-36, motivo entrada clandestina em Portugal, recolhendo á Cadeia Civil da Comarca de Monção. Transferido para a Delegação do Porto em 28-08-36. Transferido para esta Cidade em 31-08-36, recolhendo a 1ª Esquadra. Embarcou para Tarragona em 10-10-36.”
Nota: Este traballo foi posible grazas a colaboración do tamén membro da Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica, Baixo Miño, Condado e A Louriña, Don Anxo López, mestre xubilado, Cabreira, Salvaterra.
Salvaterra de Miño, 18 de maio de 2024
Antón “Xaque”.