Millo Verde 2024

Millo Verde

Entre os próximos 6 e 8 de Xuño poderemos gozar na praia de Cesantes dunha nova edición do Festival Millo Verde. Xa son 18 os anos de vida deste evento, e 17 as edicións pois unha delas , por mor da pandemia, só se puido realizar de forma virtual. O Millo é un festival de enorme calidade, neste sentido cómpre valorar o traballo da organización que sempre trae a grupos de moita solvencia e recoñecido prestixio, que durante uns días situará a Redondela no cumio da música actual. Nós non podiamos faltar a unha nova cita con eles e conversamos co noso amigo “DJ One” responsable de prensa do evento.

Juan Manuel Lago” DJ One” responsable de prensa da organización do Millo.

A Xente que ven unha vez ao Millo Verde acaba por repetir”

Onde che ven o alcume?

De rapaz tiña amigos que me chamaban “ one” como unha forma abreviada e un tanto simpática de pronunciar o “Juan”.E o de DJ pois porque sempre me entusiasmou a música.

Vas estar no Millo deste ano?

Iso non o podo anticipar aínda. Non estou no cartaz pero todo é posible. Como moito estarei o xoves a primeira ou a última hora, pero xa che digo que non o podo asegurar.

Xa son 17 anos de Millo ?

É a XVII edición do Millo verde, pero xa son 18 anos. Un dos Millos tivo que ser on line, a causa da pandemia. Esa non a contamos como edición

Supoño que a preparación dun festival desta dimensión, de tres días de duración e coa calidade que ten, suporá un traballo considerable?

Si claro. Unha vez que remata unha edición hai que facer moito traballo administrativo e de contabilidade sobre os resultados do festival. E para comezar coa preparación da seguinte facémolo aproximadamente entre outubro e novembro do ano anterior. Este non é un evento que se prepare nunhas semanas nin moito menos.

Como valoras o concurso de maquetas deste ano?

Estamos moi contentos co encontro que fixemos co Arte Lixo. O resultado foi un éxito, malia que cadrou nunha fin de semana de moita calor a xente respondeu moi ben. Tivemos público de todas as idades e tanto nós como os amigos do Arte Lixo saímos moi satisfeitos.

Cando comezamos co festival este ano?

Comezamos o xoves seis de Xuño e seguimos o venres 7 e o sábado 8.Seguimos coa nosa idea de xuntarmos grupos do país, de Galiza, con grupos internacionais. Tratamos de traer grupos novos de estilos diferentes como é tradición no Millo.

A que hora rematan os concertos?

Entre ás 3:00 e ás 3:30 da madrugada. Logo na zona de día quedará o DJ algo máis de tempo para rematarmos sobre ás 4:30-5:00.

O sábado, o día máis importante, temos actividades de día?

Si, este ano conseguimos recuperar o “escala birras” unha actividade moi importante do Millo que a xente reclamou o ano anterior. Tamén teremos obradoiros de Arte Lixo e Paxaretas. E este ano, como novidade, teremos un espectáculo de circo pola mañá, antes da sesión vermú, co famoso Brais das hortas.

Seica teremos deporte, verdade?

Si. Organizado pola SAR faremos un campionato de balonmán praia.

Facerdes un campionato de balonmán praia cando sabemos que a chuvia e o millo verde sempre camiñan unidos xa ten mérito…

Haa ha ha …Afortunadamente vivimos nun país con moita chuvia. Iso a nós non nos asusta. Se finalmente, como case sempre, acaba por chover xa organizaremos o mellor posible para respectar o máximo posible as distintas actividades.

Vexo o cartel que traemos este ano e ímonos saír?

A verdade é que temos un cartel moi chulo si…Acabaremos cos grandes “Dios ke te crew” que son o noso cabeza de cartel e que nos deleitarán na explosión final do seu espectáculo, para pecharmos un Millo Verde 2024 que estou seguro que será de grande calidade.

Que expectativas de asistencia temos?

As expectativas son semellantes ás do ano pasado. O 2023 foi o primeiro ano no que cobramos entrada, un cambio de perspectiva importante para o Millo Verde. Pero funcionou bastante ben. Este ano tamén teremos servizo de autobuses en tránsito permanente desde Redondela ata a praia de Cesantes.

O da entrada era necesario ,verdade?

Si, claramente si. É necesario ter un control de aforo para podermos seguir traballando e facer un festival da dimensión que acadou o Millo Verde. Este ano ampliamos un pouco o aforo e temos a ilusión de poder vender todas as entradas.

Seguides traballando con voluntarios?

Si. Teremos xente contratada e, como é tradición, tamén xente voluntaria.

Onde podemos adquirir as entradas?

Xa están á venda si, tanto as entradas como o bono para os dous días, recordo que o xoves os concertos don de balde. As entradas poden adquirirse na nosa web www.milloverde.org no apartado mercar entradas.

Remato, Marcos, agradecendo a oportunidade das vosas páxinas e convidando ao todos os lectores e lectoras de ANP a que nos veñan acompañar. A xente que ven unha vez ao Millo Verde, repite. É un festival que se vende moi ben polo boca a boca.