XIV Festival Millo Verde de Redondela

XIV Festival Millo Verde de Redondela
Marcos Santos

Os próximos días 17, 18 e 19 de setembro, na praia de Cesantes, volve un ano máis, e xa son XIV , o festival Millo Verde de Redondela, unha das citas imprescindibles nos veráns da nosa vila antes de que a pandemia vírica viñera ás nosas vidas a facer normal a anormalidade. Agardemos que esteamos, paso a paso e pinga a pinga, dando os pasos necesarios, e no camiño correcto, para podermos esquecer pronto estas horribles circunstancias. Nós falamos con Lucía, unha das responsables da organización do festival

Lucía Barreiro

Convido aos lectores e lectoras a que se acheguen a gozar con nós do Millo, que se vai celebrar en condicións de absoluta seguridade”

Por que edición imos xa Lucía?

Pois xa van 14

Contamos a do ano pasado non?

Si claro foi diferente, foi o “millo confinado”, pero foi .E foi posible grazas á colaboración de artistas locais e tivo moita aceptación por parte do público polas redes

E este ano temos de novo o millo sen confinar?

Pois si. Agardo que a situación epidémica evolucione ben e non haxa nada que o poida impedir. Nós estámonos preparando moi ben para cumprirmos de maneira estrita todos os protocolos sanitarios para que se poida facer o festival de maneira absolutamente segura

Cóntanos as medidas máis significativas?

A diferencia doutros anos non nos vai quedar outra que cobrar entrada para controlarmos que a asistencia se adecúe ao que o protocolo sanitario permita. Debemos ter persoal de seguridade para que controle as distancias de seguridade e haberá puntos para dispensar xel…

E non pensastes en non pór carpas e facelo ao aire libre?

Si, pero nós temos meigallo con relación ao tempo e non sei que pasa pero sempre que facemos o festival chove

Como podemos facer para mercar as entradas?

A venda on line comezará nos vindeiros días por unha páxina de venda de entradas que pronto facilitaremos, e logo teremos puntos físicos nos que se poderán adquirir

Dentro do propio festival?

Non, é preciso facelo de maneira anticipada. Quero deixar claro que o feito de cobrar entrada é inevitable. No caso contrario o festival non se podería facer pois desta volta as limitacións existentes fan que a afluencia de público e as barras sexan moito menos que habitualmente e , sen entrada, non sería posible

Supoño que na disco tasca poderemos mercalas?

Ha ha ha ha..Eu tamén o supoño

Ben, falemos dos grupos comezando por exemplo con “Pillabáns”?

Pois si, de Redondela temos aos “Pillabáns” e quixera destacar que o 80% das actuacións van ser galegas.

E o outro 20%?

Son de España e de Arxentina. Os grupos que temos de fóra son xa os que tiñamos pechados para a edición do ano pasado , que por circunstancias obvias non puideron vir

Os grupos na liña do Millo verdade?

Absolutamente. Música orixinal , de calidade, pouco coñecida e tamén para bailar desde logo

E o gañador das maquetas?

Como cada ano abrirá o festival.

Que horarios imos ter?

Dependerán das normas que estean vixentes nese momento en relación coa situación sanitaria. A verdade a un mes do comezo do festival aínda hai moitas cousas que temos no aire porque todo dependerá de como vaia evolucionando a pandemia. Pero o que damos por seguro é que o festival vaise facer. E quero aproveitar a oportunidade para convidar a todas e todos os lectores a que nos acompañen. Teño a certeza de que o van pasar xenial e de maneira segura.