Xoan Carlos González candidato do BNG á alcaldía de Redondela

Xoan Carlos González candidato do BNG á alcaldía de Redondela
Marcos Santos e Tino Lago.

A situación aritmética da corporación de Redondela é complexa e non resulta fácil prever o resultado que depararán as urnas o vindeiro día 28. Pero se hai unha consideración previsible é que os nacionalistas van experimentar unha suba moi importante. O rigor e o traballo serio e constante do seu voceiro Xoan Carlos González e da súa compañeira Jéssica García no mandato que remata, semella que poden exercer de catalizador para achegar ao BNG de Redondela aos seus máximos históricos. Nós falamos con Xoan Carlos quen se amosa ilusionado en que as máis de 4.000 veciñas e veciños de Redondela que confiaron no proxecto do Bloque nas pasadas autonómicas, poidan situalos en disposición de liderar o vindeiro goberno da vila dos viadutos.

É realista e verosímil que o BNG lidere o próximo goberno de Redondela”

Javier Bas descoñece a realidade do noso concello. El foi a Madrid a aprender as actitudes chulescas, despóticas e prepotentes que a dereita e a ultradereita amosan a diario no congreso”

Digna Rivas estivo máis preocupada estes catro anos en que o PP apoiara as súas propostas, que en chegar a acordos co BNG”.

A moi poucos días das vindeiras eleccións municipais cales son os teus ánimos a as túas sensacións neste momento?

Eu levo moito tempo no BNG , moitos anos tratando de achegar o mellor de min mesmo a un proxecto colectivo que non ten outro obxectivo que ser unha ferramenta útil para facilitar o ben común dos meus veciños e veciñas. Nunca tiven unhas sensacións tan positivas de que podemos chegar a alcaldía de Redondela como as teño agora.

Explícate?

Creo que unha ampla maioría dos nosos veciños e veciñas percibe que as mulleres e homes do Bloque non somos “ salvadores” que aparezamos , cando hai procesos electorais, pero que escapamos cando non obtemos os resultados esperados, nin persoas que utilicemos a política como medio de vida, nin persoas pouco serias que hoxe din si, mañá non e pasado nin se sabe. Os homes e mulleres do BNG somos xente seria, nunca abandonamos, sempre estamos, facemos política todo o ano, non vivimos da política, amamos Redondela e con acertos e erros sempre tratamos de facer o correcto.

Comprobamos en cada acto que realizamos que medra a corrente de simpatía cara á nosa candidatura. Teño a convicción de que o 28 de maio vaise reflectir nas urnas cun moi bo resultado.

Semella que concordas con aquela apreciación da túa compañeira Jéssica García que hai uns meses dicía nas nosas páxinas: “ Redondela ten gañas do BNG e o BNG adora Redondela”?

Estou absolutamente de acordo con ela. É máis, ela é unha muller moi intelixente e capacitada pero creo que nesa ocasión estivo especialmente atinada. Redondela ten gañas do BNG, si, así o percibimos nós nas rúas , camiños e corredoiras de todo o noso concello. E o BNG adora Redondela, si, no máis profundo e íntimo dos nosos corazóns. Cremos que imos ter un grande resultado. Pero cada redondelán e cada redondelá pode ter a certeza absoluta de que se non fose así, ningún de nós vai marchar de Redondela como si fixeron outros que dicían iso de ante todo Redondela.

Aquel “ Ante todo Redondela” de Javier Bas non era verdade?

O proxecto de Javier Bas é todo mentira. El traizoou a Redondela con todas as da lei. E se non acada a alcaldía todo indica que o vai volver facer. Por outra parte as iniciativas que tomou para defender Redondela foron mínimas. O deputado Néstor Rego, compañeiro do BNG, presentou máis iniciativas estes anos vinculadas a Redondela que o propio Javier Bas. O candidato do PP está a demostrar que descoñece a realidade do noso concello. Durante estes catro anos desconectou de Redondela. É moito peor agora que antes de marchar para Madrid. Javier Bas foi ao congreso a aprender as actitudes prepotentes, chulescas e despóticas que a dereita e a ultra dereita amosan no congreso un día si e outro tamén.

Catro anos despois aquela decisión de non entrar no goberno de Redondela, co PSOE e AER, segues considerando que foi unha posición política acertada?

Visto como se desenvolveron os acontecementos semella que foi unha decisión moi acertada. O BNG fai unha valoración moi negativa do goberno de Digna Rivas, tanto do bipartito como do goberno do PSOE en solitario. Redondela non se pode espertar cada mañá sen saber que vai pasar co seu goberno. A sensación que se trasladou á veciñanza de leas constantes foi moi desagradable e impropia dun goberno minimamente responsable.

Por outro lado sendo un goberno , agora, de 7 sobre 21, actuaron como se tivesen maioría absoluta. Nin sequera téndoa se debe actuar así, pois o correcto é sempre a procura dos máximos consensos posibles pero sendo 1/3 do pleno resulta disparatado non procurar acordos. E a alcaldesa estivo estes 4 anos máis preocupada de que o PP apoiara as súas propostas que de chegar a acordos co BNG.

En relación ás declaracións que AER expresou en ANP sobre que se a elección de alcalde/esa dependía deles non apoiarían en ningún caso a candidatura de Digna Rivas co que , de ser o caso que a aritmética así o determinase, poderían propiciar unha nova alcaldía de Javier Bas, que opina o BNG?

Para nós esas declaracións van na liña de tratar de solucionar un problema de división interna que ten o PSOE e nós nese xogo non entramos.

Que tipo de oposición fixestes nestes 4 anos?

Leal, construtiva, en positivo e de propostas en beneficio de Redondela.

Por exemplo?

Os únicos orzamentos que se aprobaron en Redondela tiveron un perfil social moi importante porque así o impulsou o BNG.

Neses orzamentos inicialmente votastes en contra?

Si, e aprobámolos cando se cumpriron as nosas exixencias, como por exemplo as axudas ás traídas de augas ou a ordenanza de emerxencia social, ou manter as pistas de tenis e pádel baixo a xestión pública municipal. Con nós pódese dialogar a acordar, pero os intereses de Redondela defendémolos con firmeza.

Con radical sinceridade Xoan Carlos: é realista pensar que o BNG pode aspirar a liderar o vindeiro goberno de Redondela?

Con radical sinceridade, si, si que é posible. Nas últimas autonómicas recibimos a confianza do 28,27% da veciñanza, 4.087 veciñas e veciños de Redondela depositaron na urna a papeleta do BNG. É certo que son procesos electorais diferentes, pero aí se amosa que a xente non ten medo a votar bloque, e a nosa ilusión e a nosa intención é tratar de convencer a cada unha desas 4.087 persoas, e a máis que aínda non o fixeron tamén, de que o BNG é o mesmo sempre, de que o BNG en todos os procesos electorais ten o mesmo obxectivo: Servir ao ben común.

En relación a un asunto moi relevante para o BNG como a participación cidadá, cal é a túa opinión da xestión do goberno actual?

Por desgraza a valoración é moi mala. Os órganos de participación cidadá, os consellos parroquiais,deixaron de existir.

Por desleixo?

Non, por interese político.

Contigo de alcalde que pasaría cos consellos parroquiais?

Cun goberno do BNG recuperaríanse de contado, e asemade traballariamos para darlle moito máis peso na dinámica política municipal.

O SAF está tan mal como parece estar?

O servizo que dá é malo si, pero tamén teño que dicir que non é moito peor có que servizo que había no goberno do PP de Javier Bas. O PP trata de quitar rédito político dun mal servizo, que tamén era malo cando Bas era alcalde e naquel momento o PP estaba mirando para outro lado.

Cal é a proposta do BNG?

Traballar para remunicipalizar o servizo.

E mentres non se faga?

Nós levaremos no noso programa a constitución dunha concellería de servizos privatizados, que terá como misión velar para que todos eses servizos se cumpran de maneira eficaz e dilixente.

Sobre a proposta do PP para o SAF que opinas?

Que entra na súa dinámica de crear tensión na vida política de Redondela.

Antes dun proceso electoral municipal unha crítica política recorrente que reciben os gobernos locais, sexan do signo que sexan, é que non tratan igual ás parroquias que aos cascos urbanos. No caso de Redondela?

No caso do noso concello hai unha evidencia: os consellos parroquiais abandonáronse, polo tanto os problemas reais que coñecen os veciños e veciñas que os padecen directamente non estiveron enriba da mesa. En canto aos investimentos este goberno seguiu as liñas do PP: asfaltados e farois, pero nada máis que sexa en verdade relevante para mellorar a calidade de vida das persoas que alí viven.

Ao meu xuízo o que diferencia a un mal goberno un bo goberno municipal é , entre outras cousas , que un mal goberno se limita a zafar como poden os problemas do día a día mentres que un bo goberno ten un modelo para a súa localidade. O BNG ten un modelo de vila para Redondela?

Desde logo que si, como o ten para a todas as vilas nas que goberna. Redondela está nunha situación complexa, pois leva unha década perdendo poboación e cómpre tomar medidas de contado para reverter a tendencia. O noso modelo de concello ten como obxectivo crear unha Redondela xusta, humana e accesible, unha Redondela para as persoas na que se adopten medidas valentes para dinamizar o comercio local, mellorar a comunicación interna das parroquias e cos núcleos urbanos. Alí temos que prestarlle especial atención a Chapela a grande esquecida de todos os gobernos de Redondela.

Rematamos. As expectativas realistas o 28 de maio?

Non nos pomos teito. Saímos a gañar.

Que podería encontrar un veciño ou veciña de Redondela en ti como alcalde?.

Compromiso absoluto co meu pobo. Escrupuloso rigor na xestión. E atención preferente a quen máis a necesite.