Na viaxe deste humilde cronista pola realidade social de Redondela hoxe toca deterse a falar con Amparo. Ela é a presidenta da Asociación Contra o Cancro do noso pobo, e nós non podiamos deixar de coñecer a quen dá o mellor de si mesma para axudar a quen ten que convivir coa indesexada compañía da enfermidade crónica.
“A sociedade redondelá e xenerosa e solidaria. E cando pedimos colaboración responde moi ben”
Canto tempo levas de presidenta na asociación?
Desde o ano 2018.
Colleuvos a pandemia polo medio?
Si, foi unha época moi dura para todos, pero para a xente con cancro foi especialmente difícil.
Tivestes que parar os servizos e a axuda que prestades?
Os persoais si, só funcionabamos en liña, sobre todo para a atención psicolóxica.
Que áreas abarca a asociación na delegación de Redondela?
O primeiro que quero dicir é que todos os servizos da asociación son totalmente gratuítos, tanto para os enfermos, para os seus familiares ou para a contorna máis próxima.
Os servizos que ofrecemos son atención psicolóxica, atención e orientación social, logopedia, talleres grupais con tarefa de acompañamento, préstamo de materiais como perrucas, camas articuladas, cadeiras de rodas, isto é o que os pacientes máis demandan. Temos asesoramento xurídico e médico sanitario ou inserción laboral e exercicio físico.
Manter todos estes servizos custa diñeiro, como vos financiades?
Sobre todo coas cotas dos socios, aínda que nos gustaría poder contar con máis xente asociada. Despois temos un convenio co Concello de Redondela e axudas da Deputación e do Estado.
Tendes moitos socios ou socias en Redondela?
Sobre unhas 200 persoas, ás veces facemos campañas para captación de máis asociados e poder aumentar os ingresos. Nós pertencemos á delegación de Pontevedra que á súa vez pertence á Rede do Estado. Tamén facemos actividades para recadar fondos.
Por exemplo?
A andaina solidaria de xuño á que asistiron 675 persoas, a xente de Redondela responde moi ben a estes actos, acoden familias, cuadrillas de amigas…
Hai moitos casos de cancro aquí?
Pois si, no ano 2023 a asociación fixo en Redondela 675 intervencións. Para a atención psicolóxica e de atención e orientación social desprázanse profesionais ao local social que temos na segunda planta do Multiusos da Xunqueira, fai moitos anos que o concello nos cedeu este local.
Estades todos os días nel?
Non, somos tres persoas voluntarias que estamos todos os mércores de 12:30 a 14:00 horas. Segundo o que nos pidan derivamos a Pontevedra o que sexa necesario. A Redondela veñen psicólogas e unha traballadora social, sempre dan o servizo con previa cita en diferentes días da semana.
Como se portan as institucións coa asociación?
Creo que bastante ben. Hai anos que temos un convenio asinado co concello e cada ano soben un pouco as achegas que nos fan, dá para cubrir os servizos que ofrecemos na vila.
E a Deputación?
A deputación dá as axudas á sede provincial de Pontevedra. Para as actividades que desempeñamos, tanto concello como deputación axúdannos e préstannos material, non temos problema.
Tendes moito voluntariado?
A xunta local de Redondela está composta por 12 persoas, temos xente que fai acompañamento a consultas ou hospitais de pacientes que non teñen recursos e non poden ir sos.
Despois do préstamo de materiais, cal é o servizo que ofrecedes que está máis demandado?
O de atención psicolóxica tanto para pacientes como para os seus familiares, é un servizo totalmente gratuíto que as persoas non teñen que ser socias para poder acceder a el. Se se fan socios e poden facelo para a asociación mellor, pero non é necesario.
Se algún lector ou lectora quere colaborar e facerse socio ou socia que ten que facer?
Pasándose os mércores polo local ou chamando por teléfono. Tamén poñemos mesas en campañas para captación de socios o día do cancro, o 4 de febreiro ou o 19 de outubro, día mundial do cancro de mama, aquí sempre temos información.
Tamén dicir que hai un teléfono gratuíto as 24 horas do día durante os 365 días do ano, 900-100-036. Aquí pode chamar as persoas que o necesite en calquera momento e aténdente profesionais, tanto en atención psicolóxica como para solicitar axuda.
Cantos enfermos de cancro hai na vila?
Ese datos nós non o podemos saber, sabemos os casos que atendemos e tampouco preguntamos ás persoas que veñen á asociación que tipo de cancro teñen, iso sabémolo se o queren contar, son datos privados e moi persoais.
E sabedes que índice de cancro de mama hai?
Non, supoño que os datos de estatísticas pódenos ter na delegación de Pontevedra.
Como vos dades a coñecer en Redondela?
Pois moito do boca a boca, antes non había tanta demanda dos nosos servizo, pero agora a xente coñécenos máis e élles máis cómodo poder ser atendidos en Redondela e non ter que desprazarse a Vigo, isto agradécese.
Tedes un obxectivo cara ao ano 2030 bastante optimista, fálame del.
Queremos reducir a incidencia de mortaldade de cancro nun 70%. Agora estamos nuns índices de supervivencia do 54% e o noso obxectivo é chegar ao 70% en seis anos, a ver se o conseguimos.
Sería unha boa nova.
Si, claro. Todo isto depende da investigación científica. Agora estamos centrados en investigación, somo a entidade privada e social que máis fondos destina a investigación oncolóxica en España. En Pontevedra hai dous proxectos de investigación financiados pola asociación provincial.
Á marxe do que desenvolve a vosa asociación, crees que o Estado inviste o suficiente en investigación?
Penso que en investigación todo é insuficiente, faría falta máis orzamento do estado para iso. Nós desde a asociación na provincia de Pontevedra destinamos un 18% do que se recadamos para investigación.
Para acabar, manda a mensaxe que estimes oportuna para que os nosos lectores e lectoras queiran facerse socios para colaborar coa asociación contra o cancro.
Penso que todas as persoas temos algún coñecido, veciño ou familiar que padeceu ou padeceu a enfermidade e todos e todas podemos padecela nalgún momento da nosa vida. Para poder ofrecer os nosos servizos totalmente gratuítos necesitamos toda a colaboración posible.
Como son estas achegas dos socios e socias, tedes unha cota fixa?
Non, cada persoa pode achegar o que estime, calquera cantidade é benvida, desde os 2€ mensuais ata a cantidade que queiran ou poidan achegar.
