Suso e Marga de novo na Cova

Suso e Marga de novo na Cova

A cova é un dos locais de restauración con máis historia, e máis encanto da nosa vila. Despois de 40 anos ininterrompidos no sector e de 17 coa cova , Suso e Marga, a parella que o xestiona, viron como as circunstancias da pandemia sanitaria obrigábanlles a facer un parón. E agora, o vindeiro 1 de abril, volveremos a gozar da exquisita comida que prepara Marga e da amabilidade e profesionalidade do noso amigo Suso. Nós conversamos con eles

Seguiremos ofrecendo un produto de proximidade, da máxima calidade ao menor prezo que sexa posible”

Volvemos á cova non?

Si. Imos reabrir o 1 de abril. O día 30 de marzo daremos uns petiscos e brindaremos pola vida cos nosos amigos e amigas, despois de tanto tempo fóra da cova, pero a reapertura será o día 1.

Reabrimos despois de canto tempo?

Despois de dous anos. Nós pechamos en coincidencia co inicio do confinamento

Ademais creo que a vós o confinamento colleuvos nunhas circunstancias un pouco “especiais”?

E tanto que si. Agora co paso do tempo ata o podes tomar a risa. Pero naquel momento foi moi desagradable. Colleunos en Málaga, estabamos pasando uns días de vacacións. E a volta a Galicia foi toda unha odisea, non como a de Ulises, pero pouco lle faltou. Suspendéronos o voo a última hora. Quixeron mandarnos a Santander. Tivemos que alugar un coche e facer a volta case dun tirón, comprando comida nas áreas de servizo, e coméndoa no coche que conduciamos por estradas desertas como se foramos os protagonistas dunha película apocalíptica..

Despois de algo máis de dous anos parados lembraredes o oficio?

Ha ha ha ha. Nós cremos que si. Vai custar un pouco non cabe dúbida, pero ambos levamos toda unha vida no sector. Sempre procuramos que os clientes e clientas se sentisen na cosa casa como se estivesen na súa e tantos de esforzo, cariño e profesionalidade non se esquecen. Así por exemplo-fala Suso- eu levo 41 anos no oficio. Comecei con 13 anos no antigo bar Porrón de Redondela

E coa Cova canto tempo levades?

17 anos ininterrompidos. Tivemos 19 anos o Bar Regueiro na estrada de Porriño. Estabamos alugados e cando nos ía rematar o contrato decidimos mudarnos ao local actual que é da nosa propiedade

Cales son as características máis significativas do voso negocio?

Ofrecer un produto de máxima calidade a un prezo razoable. Ao mellor prezo que nos é posible. E sempre ofrecer un produto que ven do comercio de proximidade desde logo. O peixe e marisco é da ría. Agás que un cliente nolo demande de maneira específica nós rexeitamos o produto de que ven de fóra.

Seica ides incorporar unha novidade importante?

Pois si. Estes dous anos de peche aproveitámolos para facer algo que nos gusta moito aos dous e fixemos unha horta ecolóxica. E todo o que cultivemos imos servilo no noso local. Os tomates, cebolas, pementos, allos, repolos…. cos que cociñemos van ser todos de colleita propia

E despois de catro décadas detrás das barras aínda é posible conservar a ilusión?

Absolutamente si. Non é o mesmo que cando tiñamos 20 anos pero de outra maneira, coa serenidade que che outorga o paso do tempo, seguimos estando moi ilusionados por facer ben o noso traballo.

Vós tendes unha filla pero non está no voso sector non?

Non, ela está no teu. Ela traballa en prensa

En todos estes anos tedes que ter unha clientela moi numerosa. Non vos preguntaban cando poderían volver entrar na cova?

Pois si, moitísimas veces. Tanto se nos cruzabamos polas rúas como a través de chamadas. A verdade a nosa clientela é o maior tesouro da cova, máis que os nosos clientes son, en moitos casos, os nosos amigos. De feito unha das razóns polas que atrasamos a reapertura foi porque temos moita clientela maior. E queriamos que ao abrir houbera as máximas condicións de seguridade posibles.

E cando cheguen as meles da xubilación pechamos a cova definitivamemte?

A nosa ilusión é que non. Agardemos que haxa alguén novo que veña por atrás e que queira continuar con ela.