
Negar a evidencia, a realidade, feitos relevantes e datos obxectivos, alegando a existencia dunha conspiración ou trama oculta. Iso é o negacionismo. As e os negacionistas rexeitan todo o que non convén ao seu marco de pensamento, o que contradí o seu relato sobre o que aconteceu ou o está a acontecer. Algo na mesma liña do tan coñecido conto do traxe do emperador.
A continuación van unha serie de datos obxectivos. Non están todos os que deberían pero son todos os que están, por razóns obvias de espazo e non cansar a quen le. Falan sobre a xestión da cousa pública e o transcorrer da política municipal no Porriño dende o 2015 ata hoxe.
O Consello de Contas di no seu informe sobre os exercicios 2017 e 2018 que no Concello do Porriño se utiliza como habitual a práctica de contratar directa e verbalmente sen procedemento algún, sen crédito e sen fiscalización. Tamén di que dita situación segue a manterse no 2019, ano de finalización da elaboración do informe, sen que obedeza a necesidades excepcionais. O informe está ao dispor de calquera que queira botarlle unha ollada na páxina web do Consello de Contas de Galicia.
O maxistrado do Xulgado do Contencioso – Administrativo nº 1 de Pontevedra en varias sentenzas deste mesmo ano conclúe que a contratación do Concello do Porriño é irregular, masiva, descontrolada e xeralizada nos últimos anos. Cualifica o acontecido como moi grave e intolerable para unha Administración pública. Fala dunha actuación “consciente y groseramente ilegal” e que provoca un prexuízo notorio ao interese público.
A alcaldesa está investigada, xunto con outro concelleiro, un exconcelleiro e varios empresarios, no “Caso Desbroces” no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 2 do Porriño por presunta falsificación, tráfico de influencias e prevaricación. A Fiscalía pide tamén agora que sexa investigada por malversación a raíz dos testemuños do maxistrado do Contencioso Administrativo nº 1 de Pontevedra con relación á contratación.
En canto á situación económico financeira sabemos en EU Son, como grupo da Corporación Municipal, que as contas municipais suman un importe de 4.626.494,96 de euros en concepto de “acredores por operacións pendentes de aplicar ao orzamento”, ou o que podemos chamar para entendernos mellor, facturas contabilizadas e impagadas “no caixón” porque non se aplicaron a ninguha partida orzamentaria. Veñen acumulándose dende o 2016 ata o 2020 por servizos e subministracións encargados verbalmente na súa maioría.
Dentro deste importe figura unha débeda por subministración eléctrica de 716.000 euros. En febreiro de 2020 cortouse a luz en varios edificios municipais por falta de pagamento. Usouse o diñeiro en pagar outros gastos correntes. O mesmo xeito de proceder deuse coa xestión da piscina municipal e coa telefonía.
Á marxe deste cantidade millonaria temos unha débeda co Concello de Vigo pola auga que vén da presa de Eiras de máis de 1 millón de euros, xa reclamados por vía de constrinximento e que corresponden aos cinco últimos anos.
Son varias as subvencións perdidas para plans de emprego, infraestruturas, seguridade viaria e mellora de camiños, a última de case 30.000 euros. Houbo que devolver o importe por non presentar a documentación xustificativa en prazo, así o esixiu a Axencia de Desenvolvemento Rural.
Todo o anteriormente exposto é patente, claro, evidente, non admite discusión, non hai volta de folla, non hai controversia posible. É tan innegable como que a terra é redonda, que xira arredor do sol e que a auga molla.
Tamén é incuestionable a parálise e desgoberno. A falta de proxecto no Concello do Porriño é tamén consecuencia de levar sen orzamento tres anos. O descontrol na xestión económica e na contratación dende o ano 2015 é un feito. Esta situación mantense ao longo dos seis anos de alcaldía de Eva García de la Torre. E isto non o di EU Son, dio tanto o Consello de Contas nas súas conclusións, un maxistrado do Contencioso Administrativo en varias sentenzas e calquera membro da Corporación pode comprobalo coa información á que ten acceso para poder cumprir co seu labor, no noso caso de fiscalización e control do goberno.
Do mesmo xeito calquera veciño ou veciña ve e padece o descoido e abandono de rúas, estradas, parques infantís, dotacións e infraestruturas en xeral, que rascan como as silvas que enchen moitas beirarrúas. Isto é o tema de conversa a diario en rúas e redes sociais.
Outro asunto para a reflexión son o despotismo e as constantes faltas de respecto aos grupos da oposición por parte de quen deberá representar con dignidade e exemplaridade ao Porriño. As sesións plenarias están gravadas, que cadaquén tire as súas conclusións.
Chegando a este punto, analicemos quen anda neste negacionismo porriñés e por que.
Hai negacionistas por teren información terxiversada que alguén espalla intencionadamente pero tamén os hai por interese propio ou do grupo do que forman parte. Este segundo tipo de negacionistas non dubida en usar a mentira ou, de ser o caso, tratar de descualificar os argumentos de peso e datos obxectivos como os aquí expostos. Tentan facer a menos de quen lle retruca, por motivos partidistas ou simplemente pragmáticos e sen pudor de ningún tipo.
E quen e cales son os seus motivos? En primeiro lugar, a propia alcaldesa, por pura supervivencia. A seguir o seu grupo municipal, por idénticas razóns e por enfrontamentos internos. A agrupación do PSdG do Porriño tamén, xuíza e parte nestas tirapuxas e por intereses individuais cara as vindeiras eleccións municipais. Prefiren manter todo como está, aínda que sexa con respiración asistida. Non vaia ser que outra persoa do seu grupo, ou doutro, asuma a alcaldía e obteña réditos electorais cara ao 2023. “Las cosas de Porriño se arreglan en Porriño” pero o único que pensan en arranxar as súas, dalgo hai que vivir.
E por suposto, nun lugar moi destacado, destacadísimo, os señores Regades e Caballero, responsables provincial e autonómico, que coñecendo perfectamente o panorama que temos, sobre todo o primeiro, miran para outro lado. Non saben onde colocar a alcaldesa agora quen antes soubo que posto dar a outra persoa para ter unha alcaldía máis no seu marcador. Dato tamén comprobable.
É mellor para todas e todos os implicados usar o vitimismo como forma de manipulación, tentar desacreditar outras posturas e crear unha atmosfera de conspiranoia constante. Mesmo parece que o que está a pasar esta alcaldesa é un auténtico “vía crucis”, “antes todo se facía peor”, “no último ano están a sacarse a concurso case todos os contratos”, “todo se xudicializa” (as empresas queren cobrar). Ata as sesións plenarias semellan ás veces que sesións psicoterapéuticas e non de rendición de contas e achega de propostas.
A fantasía refórzase con títulos como os da “cidade amiga da infancia” e aspirantes a “cidade amigable coas persoas maiores”, un chiste ben triste, cando a única beneficiada foi a empresa que fixo os traballos de preparación da documentación. Que falen as criaturas, as familias e maiores, a ver que opinan.
Acadar este clima de delirio precisa tamén da colaboración necesaria de palmeiros e palmeiras, que sempre axudan á festa. Outro xeito de negacionismo. Aquí atopamos dúas castes: a de despacho, que se move por intereses económicos, e a de terraza e/ou redes sociais. Neste segundo equipo están as e os fans que consideran as siglas do PSdG e tamén do BNG un salvoconduto, un escudo ante calquera crítica ao goberno municipal. Fuxen da racionalidade e abrazan a fe nalgúns casos ata extremos propios do hooliganismo. Hai que dicir no seu favor que o fan case sempre sen ánimo de lucro, só agardan unha man polo lombo e un sorriso. Non dan un só argumento porque non lles interesa, porque non queren facerse as preguntas que saben van ter unha resposta incómoda. Dan como moito en tentar facer algunha graza, algún comentario “pavero” e algún insulto.
Calquera denuncia desta situación cualifícase como “facer o caldo gordo ao PP”. Todas e todos os citados negan o que pasou e o que segue a pasar. Agóchanse detrás da marca dun partido, mentres a maioría de veciñas e veciños o que queren é un goberno responsable e respectuoso cos cartos públicos que solucione os problemas do pobo e non os agrave. O seu negacionismo ponnos en perigo a todas e todos.
Serán tamén quen de negar que Eva García de la Torre levaba razón cando na campaña do 2015 dixo aquilo de: “Mano en la caja se puede meter de muchas maneras …no hace falta ir a la caja y llevarte el dinero metido en bolsas, no hace falta…cuando tú te saltas la ley, contratas a dedo, sin control…” ?
Unha vez máis apelamos a un mínimo de preocupación polas súas veciñas e veciños, que agardemos quede algunha, para que pola banda que di ser “de esquerda” e que está no goberno, se dea o paso para que outra persoa asuma a alcaldía.
Pode facerse algo digno nos dous anos que quedan desta lexislatura e sentar as bases dun Porriño para a maioría, para a xente traballadora (que somos o 99%). Covardía non é non entrar nun goberno liderado con maneiras xa moi cuestionables cando lle demos a investidura a Eva García. Sinalar as tremendas irregularidades e podremia descuberta logo non é ser as tontas útiles de ninguén. Chámase responsabilidade e é actuar conforme a principios, que mantemos firmes, para arremangarnos as primeiras e gobernar con quen respecte a transparencia, a participación e loite polo ben común. Nós non nos movemos por intereses e igual iso aínda a alguén non lle quedou claro, será que falamos idiomas diferentes. Con nós que non conten porque iso non é facer política senón vivir dela.
Covardía e negacionismo é ser de “estómago agradecido” e manter isto. Como dicía D. Julio Anguita, exemplo indiscutible de integridade e coherencia, “programa, programa y programa”. O que toca é traballar para cambiar as condicións de vida da xente dende as institucións e sempre, sen escusa, dende a rúa. O resto é antipolítica e dá de comer ao monstro tamén dende o municipal, non o esquezamos.
Posdata: Despois non vaian dicir que a xente non sabe votar.