O dianteiro do Cesantes, David Álvarez entra na historia do fútbol mundial

Ás veces non é necesario irmos moi lonxe para sermos testemuña de fazañas deportivas dun valor extraordinario. Ás veces témolas a carón das nosas casas. Este é o caso de David Álvarez un mozo de Cabeiro de 27 anos de idade que xoga de dianteiro no equipo de fútbol do Cesantes, equipo que,no momento de facermos esta entrevista, lidera a categoría de terceira autonómica. O pasado 21 de setembro o Cesantes xogou contra o equipo do Santomé, o resultado foi unha incontestable vitoria por 10 goles a 0 dos de Redondela. E aínda que pareza incrible todos e cada un dos goles foron anotados por David. Este feito apenas ten antecedentes na propia historia do fútbol, considerando incluso aos grandes astros deste deporte, e sitúa ao dianteiro do Cesantes nun lugar de honra nos libros de historia do deporte rei. Nós conversamos con el.

David Álvarez, xogador do Cesantes.

O mérito dos 10 goles foi dos meus compañeiros”

De onde es ti David?

De Cabeiro.

Cal é a túa traxectoria deportiva?

Estiven no Casa Paco, pasei polo Choco, polo Soutomaior e agora polo Cesantes.

Creo que houbo un momento da túa vida no que tiveches contactos co Atlético de Madrid?

Pois si, nun torneo de fútbol base. Eu tiña entre 10 e 12 anos.

Por que no marchaches?

Eu era un neno. E naquel momento a posibilidade de abandonar a miña casa, a miña familia e o meu entorno parecíame impensable.

En que posto xogas?

Son dianteiro.

Lembras o motivo de empezares no fútbol?

Si, xa desde moi neno me gustaba moito.

De que equipo es?

Por esta orde: Cesantes, Celta e Real Madrid.

Non sería ese o motivo que explica que non aceptaras a oferta do Atlético de Madrid?

Ha, ha, ha. Non. O motivo foi o que antes mencionei: era un neno.

Ben, seica vas pasar á historia. Resulta que gañades 10 a 0 un partido e ti marcas os 10 goles. Como foi iso?

O mérito foi dos meus compañeiros.

E un carallo¡.É dicir marcas 10 goles nun partido e vasme dicir que ti non tes mérito?

Ha, ha, ha. Pois a verdade nin me dei de conta..Ían caendo os goles e non tiña consciencia de cantos eran.

Cantos foron en cada parte?

Catro na primeira e seis na segunda.

Que raro que o adestrador non te cambiara?

Pois seica era esa a súa intención, pero finalmente decidiu non facelo. A verdade é que a min me facía falta confianza. Viña dun ano de moitas lesións

Pois vaia doses de confianza..Imaxino que estás para comerte o mundo?

Ha, ha ha, ha..Home para tanto non. Pero estou en moi boa racha, si. Levo 18 goles en 8 partidos.

Cales foron os teus sentimentos ao faceres historia, como fixeches, marcando 10 goles no mesmo partido?

Nese momento, como antes dixen, non me daba de conta. Para min foi un partido máis. Uns días despois, cando as chamadas e mensaxes foron tan numerosas foi cando comecei a tomar conciencia da importancia.

O equipo tamén vai moi ben, verdade?

Pois si, aínda que a nosa liga é moi dura. Está todo moi igualado. De feito nós imos primeiros no momento de realizar esta entrevista( 12 de Novembro)), pero non nos podemos despistar en absoluto porque só levamos 6 puntos de marxe cos postos que nos quitarían da fase de ascenso.

O obxectivo deportivo esta temporada é o ascenso a segunda autonómica?

Indiscutiblemente si.

Cales son os rivais principais?

Como antes mencionei está todo moi igualado. Se cadra o Poio e o Sampaio son equipos moi fortes pero calquera che pode dar un susto.

Como está o campo de fútbol?

O noso campo está moi mal. De feito temos moitas lesións como resultado do mal estado do terreo de xogo. Os vestiarios fanse pequenos tamén. É que incluso se levantan tiras de céspede enteiras. O noso campo é un perigo. Eu levo toda a vida xogando e nunca xoguei nun campo que estivera tan mal como ese.

Ti tes 27 anos, aínda che queda corda no fútbol para tempo, vaste retirar no Cesantes?

Iso nunca se sabe. Se chama algún equipo de superior categoría pois poderíao valorar. Pero en principio a miña idea e a miña ilusión é ascender co Cesantes. Ascender máis que á segunda autonómica, e retirarme aquí, si.

Un equipo como o Cesantes é viable desde o punto de vista económico en 2º ou incluso en 1º autonómica?

Non sería fácil, a medida que ascendes de categoría as esixencias económicas son maiores. Pero eu creo que si sería viable. A afección que ten o noso equipo, co seu entusiasmo e ilusión, faríao posible seguro.