Acaba de pasar o día das Letras Galegas. Costa ser optimista na paisaxe que vemos, costa ser optimista se optamos por ser realistas e racionais, se ollamos nos arquivos da memoria, se nos vemos na extinción de especies e cultivos, no deterioro medioambiental, na falta de recursos, nas secas, na contaminación, nas montañas de lixo que nos van quedando despois da esquilma das grandes empresas “liberadoras”, despois da sobre explotación da terra, da escaseza alimentaria, dos incendios que se producen despois de sementar pólvora nos montes con especies invasoras e que arden de marabilla, despois das enfermidades novidosas e dos conflitos do mundo, da desfeita social, do quentamento global, da continua emigración e inmigración, das tantas e numerosas enfermidades mentais, da agresividade que se respira a todas horas en todos os lugares, despois da soidade non desexada e enfermiza que cohabita tanta xente maior, despois da falta de humanidade e orgullo, da pasividade e cegueira dos responsables e poderosos. E en mans de quen estamos!
Esta forma de vida dependente da industrialización, dos monocultivos extensivos, da sobre explotación, da cuantificación, do preciso beneficio enorme que non reparte. Ata aquí chegamos con este modo de facer, e chegamos a onde estamos. Nós tamén debemos ver e vernos. Darnos conta de como son as cousas! Porque, ademais de todos os problemas do mundo, ademais dos propios que abarcan educación e cultura, sanidade, axuda social, somos Patria por ser Lingua, definida e propia, e por moitas cousas máis que todos coñecemos.
Visto o que se ve todo depende do caso que se lle faga ao noso, da vontade de esixir e da axuda para que se enganchen falantes, practicantes da intelixencia coa que se asiste a unha lingua tanto tempo minorizada e excluída, aínda ferida na dor dos tantos esquecementos. Aínda no consolo de institucións que calan educada e relixiosamente, que se abeiran a números e enquisas falsas que os xustifican. Falo tamén de institucións que non deberan abaixarse tanto, que deberan servir á verdade e dicir como son as cousas. Falo de institucións que viven por e para a Lingua, …e calan. Nin sequera loitan, nin se enfadan e non son quen de oporse á música coral dos que dan subvencións. Por iso as outras linguas, a Nosa, as que están en perigo de extinción -como din os protagonistas da palabra- van ben, véselles satisfeitos. O coro funciona e canta a unísono. Mais a realidade non é esa! Non é o caso noso, perdemos capacidade e “exercitantes” do galego. Todo está programado para que, segundo a lei vixente, o deterioro da Nosa Lingua vaia minguando lentamente e nun momento impreciso do tempo, nin se note a súa ausencia, xa sexa porque a lei estaba mal redactada -cousa sabida, para doernos do pasado- ou porque é inxusta, claramente, e non o quixeron recoñecer. Nin sequera obteremos as mesmas prerrogativas que as outras. Non hai vontade porque nola rouban e menten nas enquisas, axudadas de organismos pregados ao poder, sobre todo cando avalían o seu emprego e abondan en pantomimas aparentes, porque esa lei non obriga ao cumprimento debido, ao
coñecemento e protección como lingua desdeixada e minorada -cal debera ser considerada para a súa pronta incorporación a unha situación normal, ou tamén porque o procedemento para aprendela, en uso e propiedade, só pode fundamentarse nunha inmersións verdadeiramente efectiva do noso, tal como fan e fixeron co inglés e co castelán, ou como se fai con calquera lingua do mundo que nos propoñamos aprender. A nosa había ser menos? Poderiamos pór mil exemplos desa inmersión en
inglés e comprobar que toda a maquinaria tecnolóxica inexorablemente recorre a esa lingua, en canto ao español, só chega con ver os xornais e revistas de calquera quiosco. O galego é para os que somos “raritos e puntillosos”, como eles pensan.
Nesta socialización das perdas, que é a que se ve, costa moito ser optimista se somos realistas e algo racionais. Aí están estoutros, figurinos que acadan o poder agasallados co beneficio da lei que os ampara, na mudez e inactividade que non os sinala. Sempre inocentes, mentres nós temos que dar probas e xustificarnos, alegar e buscar documentos que dean fe do que dicimos. Seguimos a ser supostamente culpables sempre, mesmo de escribir nunha lingua que non queren entender. Nunca viñeron a nós nin entenderon este acento que nos concilia. Nunca, a pesar de que a escasa lei di o contrario. Quizais nunca cumpriron esa lei, como tantas outras, e aínda así gañan votos e esixen dos demais o cumprimento da única lei que respectan, a mesma lei que os empoleira.