Rita Pérez Táboas concelleira de Cultura de Redondela

Rita Pérez Táboas concelleira de Cultura de Redondela

Un ano máis unha parte importante da alma colectiva do pobo de Redondela, a festa da Coca, chega ás nosas rúas, e nós conversamos , unha vez máis, coa concelleira de cultura, Rita Pérez, para que nos conte o máis salientable da edición do 2024.

A Coca é parte da esencia de Redondela. Non se pode concibir Redondela sen a Coca, nin a Coca sen Redondela”

Remata o Choco, comezan os monicreques….A cultura e o lecer en Redondela é un camiño sen final, concelleira?

Xa temos falado máis dunha vez, Marcos, sobre a natureza tan especial que ten Redondela. É un orgullo ser veciña, e por suposto concelleira, dun concello no que exista unha implicación tan relevante, eu creo que como en ningún outro lugar do mundo, da súa sociedade civil coa cultura e as tradicións que nos definen como sociedade.

Na festa da Coca, o goberno municipal vai ir baixo palio na procesión?

Non, nos últimos catro anos da alcaldía de Digna Rivas non o fixemos, e así seguiremos. As crenzas individuais de cada persoa son moi respectables e o que queira facer cada un a nivel persoal tamén, pero España é un estado aconfesional.

Cando comeza a festa da Coca?

O 29 pola tarde arrincamos co pregón. A Pregoeira será Sonia Carrera Piedras, burra durante 13 anos. Ela aínda que non baile segue a traballar para a festa da Coca.

Rematamos o primeiro domingo de xuño?

Si. Neses días poderemos gozar das nosas marabillosas alfombras florais. Esta é unha das festas máis importantes de todo o ano para nós, e así está inserida na psique colectiva. Nós trataremos de combinar a tradición( A Coca, os cabezudos….) cunha programación creo que moi atractiva: Gozaremos da música do grupo Revólver,teremos tamén o rock de Reincidentes e propostas locais como por exemplo Chocolate Sexi, Bolboreta ou RMS. Tamén teremos orquestras e unha sesión DJ.

Os espectáculos no Campo da Feira?

Si, sempre no Campo da Feira.

As expectativas de asistencia que temos este ano?

Temos unhas expectativas moi elevadas. Como che comentei antes, está festa é parte xa da esencia de Redondela. Non se pode concibir Redondela sen a Coca nin a Coca sen Redondela. Así o senten os corazóns da totalidade da veciñanza de Redondela que estou segura que un ano máis gozará desta festa, que é unha parte da alma de todas e todos nós. Aproveito a oportunidade das voas páxinas,Marcos, para convidar no meu nome, no nome da alcaldesa Digna Rivas e no nome de todo o goberno municipal a todos os lectores e lectoras de ANP que non sexan de Redondela a que nos acompañen nestes días tan especiais para nós.

O pobo de Redondela é acolledor, amable e cordial e vailles facer sentir a todas as persoas que nos visiten que a nosa casa é tamén a súa.