Castelao e Reboiras chegan a Redondela

O xoves 11 deste mes de decembro desenvolveuse un acto na oficina de turismo de Redondela, organizado polo BNG local, que tiña por obxecto dar a coñecer a enorme dimensión histórica de dúas figuras moi relevantes para nacionalismo galego: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, e Moncho Reboiras. O acto foi presentado por Xoan Carlos González, voceiro do BNG local, e contou coa participación de Montse Prado, deputada do BNG, e de Alberte Mera que alén de exercer de director dos nosos colegas de Nós Diario, dirixiu un documental sobre a vida de Moncho Reboiras.

A figura de Castelao é moi coñecida, e malia os intentos do españolismo de apropiarse dela non é posible obviar que el foi un nacionalista galego que tiña moi claro que Galiza é un pobo de seu que ten dereito a decidir libremente o seu futuro, un futuro que, ao seu xuízo, só podería vir da auto organización do propio pobo galego. A tese fundamental do pensamento político de Castelao está nas antípodas do que significa, do que representa e do que defende o PPdeG. Cando os populares tratan de apropiarse da súa figura, o que están a facer é unha vulgar apropiación indebida.

A figura de Moncho Reboiras non é tan coñecida, pois tivo unha vida moi curta. El morreu asasinado pola policía española con tan só 25 anos. Reboiras foi un destacado militante da UPG na clandestinidade que tivo un papel significativo nas orixes do sindicalismo nacionalista. El visitaba empresas nas que trataba de crear células sindicais que confrontasen co sindicato vertical. O traballo de Moncho Reboiras foi esencial para que máis tarde aparecese o SOG, e hoxe a CIG, un sindicato nacionalista que é a 1º central sindical do país galego.

As intervencións de Montse e de Alberte trataron de amosar a existencia dun fío condutor entre ambas figuras, que viría ser unha metonimia do nexo conector que une ao nacionalismo galego ao longo de toda a súa historia pasada, presente e futura.