A licitación do novo contrato de recollida de residuos de Nigrán

Xavier Rodríguez BNG á de Nigrán

O pasado 10 de decembro realizouse un pleno extraordinario do Concello de Nigrán a petición do Partido Popular, única formación da oposición con capacidade aritmética para solicitalo. O seu obxecto era pedir explicacións ao goberno municipal sobre a licitación do novo contrato de recollida de residuos urbanos, limpeza viaria e limpeza de praias do Concello de Nigrán. De fondo estaban todas as irregularidades feitas públicas polo BNG ao respecto desta actuación, ás que xa adiquei o meu anterior artigo en A Nova Peneira.
Neste pleno, o PP, ademais de esixir ao alcalde que dera todas as explicacións necesarias e a remisión dos informes e actas á Fiscalía, demandaba tamén a dimisión do concelleiro de vías e obras. Esta última petición foi emendada polo BNG, substituíndoa pola esixencia ao alcalde do cese do concelleiro se este actuou á marxe do seu criterio. En caso contrario esixíase do alcalde que asumira persoalmente a responsabilidade máxima de toda a tramitación da licitación. A proposta, apoiada por toda a oposición, foi rexeitada pola maioría do goberno.

No pleno ordinario de novembro o BNG xa sometera á corporación unha proposta para revogar as competencias anteriormente cedidas ao alcalde en relación coa tramitación deste contrato e, en consecuencia, recuperar para o pleno todas as facultades como órgano de contratación. Por suposto a moción tamén foi rexeitada polo goberno. Naquela altura, coas irregularidades sacadas á luz xa polos nacionalistas, semellaba un exercicio imprescindíbel de transparencia devolver ao máximo órgano colexiado de representación da veciñanza toda a toma de decisións respecto desta licitación. O alcalde negouse, retendo para si mesmo as competencias cedidas.

Por outra banda, co habitual golpe de efecto da súa política de comunicación, o mesmo día da realización do pleno extraordinario o goberno anunciaba en prensa a exclusión da oferta obxecto da polémica por incumprir o prego de prescricións técnicas particulares. En realidade esta exclusión, proposta pola mesa de contratación unha vez que se substituíu nela o asesor externo pola enxeñeira municipal, confirma o xa coñecido. O goberno municipal tentou favorecer unha empresa cuxa oferta incumpría as condicións mínimas establecidas no prego e a súa posterior eliminación non borra o intento de querer facelo.

Con todo, na altura na que nos atopamos, o peor xa non é o intento de favorecer a unha das licitadoras, senón o custe excesivo do contrato, e isto é algo que non soluciona a exclusión dunha oferta nin a dimisión dun concelleiro.
O informe da xefa de sección de residuos da Deputación de Pontevedra advertiu de que as frecuencias das recollidas da fracción resto e dos biorresiduos son desmesuradas e que estas esixencias conducen a unha previsión de medios humanos e materiais desproporcionada e, por tanto, ineficiente, incrementando os custes dun servizo xa de por si moi custoso.
No mesmo sentido van os informes da técnica de administración xeral do departamento de contratación do concello ou do secretario municipal insistindo nos informes que revelan frecuencias excesivas de recollida. Tamén o do anterior interventor do concello que considerou que non estaba acreditada documentalmente a procedencia das frecuencias mínimas de recollida de residuos municipais, o que supón maiores custos para o Concello de Nigrán e implicarán incrementos nos importes da taxa pola prestación do servizo de recollida do lixo.

Ao final trátase de inflar artificiosamente o contrato para facer negocio á costa do peto da veciñanza. Que agora poida adxudicarse con total limpeza o servizo do lixo non evita o incremento do gasto que proxecta o prego, e que acabará provocando un aumento da taxa por riba do necesario.