O Concello de Nigrán celebra que a Xunta acepte as súas alegacións da PO-552 mantendo os semáforos da contorna de mallón e creando un itinerario peonil nesta zona

Concello de Nigrán A Nova Peneira

O alcalde de Nigrán mantivo unha reunión onte en Santiago coa conselleira de Infraestruturas na que se lle informou destas cuestións que viña reclamando o Concello

Outro dos asuntos tratados foi o acceso ao camiño do Pisco na PO-340 de A Ramallosa, onde a Xunta propón crear unha semi-rotonda a escasos metros que permita cambiar de sentido

“Estamos moi satisfeitos de que se teñan escoitado as nosas reclamacións da PO-552 e non temos dúbida de que deste xeito, falando entre as dúas administracións, o proxecto será moi beneficioso para Nigrán”, indica o rexedor

O alcalde de Nigrán, Juan González, mantivo onte en Santiago unha reunión coa conselleira de Infraestruturas Ethel Vázquel e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, para abordar os proxectos da Xunta na PO-552 e PO-340 ao seu paso polo municipio. Este encontro fora solicitado urxentemente dende a alcaldía ante a disconformidade do Concello con determinados aspectos que xa manifestara nas súas alegacións oficiais e mesmo por escrito á propia Xunta.

O Concello de Nigrán considera o resultado deste encontro moi satisfactorio ao confirmar de primeira man que as súas alegacións sobre a prioridade de manter os semáforos na contorna de Mallón (PO-552) foi aceptada, así como a de realizar un itinerario peonil seguro na zona da rotonda de Ureca ata a rúa Rans.

“Estamos moi satisfeitos de que se teñan escoitado as nosas reclamacións da PO-552 e non temos dúbida de que deste xeito, falando entre as dúas administracións, este proxecto e todos os que veñan serán moi beneficiosos para Nigrán”, indica o rexedor

Inicialmente a Xunta manifestara o seu rexeitamento ás alegacións do Concello ao proxecto de mellora da seguridade viaria na PO-552 (puntos quilométricos 10+600 a 13+800) na contorna de Mallón, xa que eliminaba a regulación semafórica de Cotros (á altura da panadería La Pintora) engadindo un carril central de incorporación na estrada e impoñendo ademais o sentido único nas rúas Cruceiros e Mallón, ambas municipais (esta última cuestión na que o Concello demanda manter o dobre sentido non a teñen resolta aínda pero non se amosan inicialmente disconformes). O Concello sempre mantivo que os semáforos instalados hai máis de catro anos como medida de seguridade demostraron funcionar moi ben, mentras que o aparcamento próximo á panadería é vital para os negocios alí existentes.

O outro aspecto fundamental que alegara o Concello e que non se contemplara inicialmente pero agora si é a mellora da accesibilidade peonil na contorna de Ureca (rotonda coa AG-57 a Porto do Molle ou Camiño A Camesella), xa que actualmente só dispón dun único itinerario peonil moi complexo a pesares de ser unha zona moi transitada, dado que dende aí se entra ao sendeiro do Río Muíños ou ás instalacións deportivas. Para o Concello resultaba imprescindible que se incluíse a construción de itinerarios peonís en toda esta zona que conectasen directamente coas beiravías da rúa Rans. “É unha moi boa nova porque ao fin se crea un tramo seguro e accesible que unirá A Ramallosa co centro de Nigrán, xa que ata agora era discontinuo e inviable”, subliña González, a quen lle comunicaron que as obras arrancarán no vindeiro mes.

PO-340

Finalmente, o alcalde de Nigrán transmitiu a disconformidade do Concello e dos veciños do Camiño do Pisco (A Ramallosa) con que tras levar a cabo a Xunta as obras para crear unha senda peonil na PO-340 se substituíse a liña discontínua por unha contínua á altura do seu camiño, o que lles obriga a desprazarse ata a rotonda de A Ramallosa para poder xirar cara a Gondomar. A alternativa que propón a Consellería para que os condutores non teñan que ir 1´2 km ata a Ramallosa e retroceder é crear unha semi-rotonda a escasos metros que lles posibilite virar con tódalas garantías. “Entenderon a nosa preocupación pero insisten en que os seus informes de seguridade alertan da perigosidade dese cruce nos meses de verán, cando se forma caravana na vía que limita moito a visibilidade e, por conseguinte, propoñen esta opción”, explica González.