Carlos Gómez Alcalde de Baiona

Alcalde de Baiona

Carlos é alcalde de Baiona polo PSOE, preside un goberno tripartito que en maio do ano pasado logrou arrebatar a alcaldía desta vila á dereita local. Achegámonos ata o Concello para conversar con el sobre como van as cousas pola fermosa e eterna Baiona.

NON ACEPTO, E SE É ASÍ VOUME OPOR, QUE UNHA ADMINISTRACIÓN SUPRAMUNICIPAL NOS IMPOÑA METER 40 MUIÑOS NA GROBA, SEN BUSCAR O CONSENSO CO CONCELLO, COAS COMUNIDADES, COA VECIÑANZA E CON TODOS OS AXENTES IMPLICADOS”

T¡ e eu falamos pouco tempo despois da túa investidura como alcalde. Nesa conversa manifestaches unha enorme ilusión pola responsabilidade que acababas de asumir. Agora, un ano e poucos meses despois e unha pandemia mundial engadida , como estás?

Sigo tan ilusionado ou máis que ao principio. A situación é tan complicada que esixe de todas as persoas que temos responsabilidades políticas un esforzo superlativo, enormes doses de compromiso , ilusión e responsabilidade para garantir o benestar da veciñanza.

Algún alcalde e alcaldesa cos que teño falado ultimamente amosáronme unha grande preocupación polo aumento significativo de persoas que precisan axuda dos servizos sociais para atender as súas necesidades máis básicas, incluso para poder comer. Como está a situación en Baiona?

Douche datos do mes de xuño porque a época estival, dadas as características do noso concello, non ofrece unha diagnose realista da situación. Na actualidade estamos pendentes de coñecer como están as cousas a 15 de novembro, pero ata o mes de xuño tiñamos un aumento da emerxencia social moi preocupante, en concreto un 400% por riba do ano pasado.

Ufff, si que é preocupante

Para min a atención social ás persoas máis vulnerables do noso concello pasa a ser obxectivo prioritario por encima de calquera outro. Se temos que retrasar algún proxecto retrasarémolo, pero que todo o mundo teña moi claro que este alcalde e este goberno van facer todo o que estea nas súas mans para que non haxa ningún veciño de Baiona que quede atrás.

Para poder derivar partidas adicionais cómpre ter unha situación económica saneada. Como estades vós?

O concello ten remanente de tesourería para tratar coa necesaria sensibilidade este problema. Esta semana procuraremos ter rematados os orzamentos 20-21 para telos aprobados inicialmente en novembro e de maneira definitiva en decembro. E eses presupostos van ter un moi importante carácter social

Os orzamentos estádelos preparando de maneira consensuada cos teus dous socios de goberno?

Por suposto. Somos un goberno tripartito e temos que actuar en consecuencia. Quero dicir que a prioridade social que ten o grupo do partido socialista é compartida polos dous grupos que nos acompañan no goberno , polo que non preveo que existan problemas ao respecto

Estás satisfeito do nivel de cohesión cos teus dous socios?

Si, estou. Temos as nosas diferencias claro, pero como tamén as podo ter con calquera compañeiro da agrupación socialista .Eu creo que o consenso e o diálogo son fundamentais para a convivencia nas sociedades democráticas. Incluso coas maiorías absolutas así debera ser.

E en relación a oposición do PP, que nos tes que dicir?

Non é unha forma de facer oposición que a min me guste. Eu creo que debera ser de tipo construtivo e na procura do ben común.

Vouche preguntar polo parque eólico da Groba e quixera que manifestaras a túa posición con claridade?

É un tema complexo, e si, vou falar con claridade nidia. Eu estou a favor das enerxías renovables claro que si, pero estou radicalmente en contra de que un proxecto deste calado sexa un “trágala”. Non acepto, e se é así voume a opor, que unha administración superior nos impoña meter 40 muíños sen o consenso do concello, das comunidade e dos veciños afectados. Agora ben, se se nos presenta un proxecto razoable, sostible, e se busca o consenso de todos os actores implicados nós estudiariámolo con moita atención e con actitude sumamente construtiva.

Esa é unha zona na que a presenza artística rupestre é moi importante. Para cando en Baiona un centro de interpretación da arte rupestre?

Eu vexo esa proposta con moita simpatía. Creo que debe de ser un obxectivo deste concello. Honestamente non o vexo posible ao longo deste mandato, pero comprométome a traballar intensamente co IEM para tentar que sexa posible no mandato vindeiro. Estou seguro de que sería moi interesante non só para Baiona senón para todo o Val Miñor.

Ben, falando do IEM dicirche que estou moi contento polo recoñecemento que lle deu o concello de Baiona, creo que absolutamente merecido

Eu comparto a túa opinión abofé que si. A entrega do Lazo de Ouro ao IEM , a distinción máis elevada que outorga o noso Concello , é un acto de xustiza por todo o seu inmenso traballo nos anos que teñen de vida

Cal é a túa posición en relación coa polémica sobre a instalación dunha gasolineira no barrio do Outeiro da Ramallosa?

Ese é un tema que está en estudio. Estamos analizando todos os datos con moita atención e cando teñamos unha posición definida, manifestarémola.

Ides privatizar a recollida de Lixo?

Nós non privatizamos nada. Nós o que temos é que mellorar o servizo de limpeza e recollida de lixo. Nós temos un problema herdado e non podemos contratar. E precisamos para cubrir adecuadamente a limpeza da rúa un mínimo de 5 persoas. Eu quero ter limpo Baiona non só no verán senón durante todo o ano

E como se soluciona esa necesidade de persoal?

Nun principio temos que facer as valoracións económicas pertinentes porque a solución é complexa

A denuncia sobre o suposto uso do glifosfato?

Aquí teño que entoar o mea culpa. No momento presente hai unha orde escrita miña e do concelleiro correspondente e confío en que non se volva a utilizar.

Es o presidente da Mancomunidade do Val Miñor, como valoras o seu funcionamento?

Eu creo que os tres concellos debemos de involucrarnos moitísimo máis para traballar de maneira conxunta en proxectos conxuntos. Sería desexable unha maior labor pedagóxica para explicarlles á veciñanza as avantaxes de traballarmos xuntos

Vai haber ARRIBADA No 2.021?

Si, a ver como chegamos alá claro. Pero o que semella obvio é que vai ser unha festa bastante diferente