Despois de 15 anos de maiorías absolutas da dereita, a vila de Baiona viu con esperanza como nas municipais do 19 o PP perdía as eleccións e un tripartito progresista, liderado pola alcalde socialista Carlos Gómez, asumía o goberno de Baiona. A piques de rematar o mandato nós falamos co alcalde baionés para coñecer a súa valoración política do tempo que acaba, e as súas perspectivas para o novo proceso electoral que xa está aí, petando na porta.
“ O noso obxectivo e a nosa ilusión, dígoo con rotundidade, é gañar as próximas eleccións municipais”
Como valoras este primeiro mandato teu como alcalde de Baiona que está a piques de rematar?.
Falando desde a humildade, estamos satisfeitos. Non ao cento por cento quero deixalo claro. E non pretendo escusarme pero tocáronnos circunstancias moi difíciles: unha pandemia mundial e diversos contratempos administrativos que levaron a que e en dous anos e medio tiveramos 3 secretarios e 3 interventores. Malia todo penso que demos os primeiros pasos, pasos moi firmes, para podermos executar un proxecto transformador de Baiona en chave humana, para podermos ter unha Baiona por e para as persoas na que que ninguén quede atrás e na que cada veciño e cada veciña sexan tratados con equidade e xustiza.
Chámame a atención o dos 3 secretarios e 3 interventores en tan pouco tempo. Por que motivo?
Así funciona a administración española. Creo que a administración, nestes momentos, debe de correr moitísimo para adaptarse ao que esixen os tempos, para pórse á altura de Europa e que poidamos ter unha administración áxil, dinámica e eficaz
Poño por exemplo o caso dos fondos Next Generation. Dos concellos medianos para abaixo non estamos preparados para xestionar este fluxo de diñeiro. Nós conseguimos unha importante inxección, 2 millóns de €, pero tivemos que contratar a unha consultaría para as xestións
Cales son os proxectos máis significativos que desenvolvestes neste mandato?
-Os dous millóns conseguidos dos Fondos Next Generations que mencionei antes.
-6.500.000 millóns de euros do Ministerio de Turismo para investir no Parador de Baiona.
-830.000€ do proxecto da Deputación para o Paseo Pinzón.
-Diferentes proxectos do Plan Concellos
-Reutilización de remanente de tesourería para investimento de saneamento, arranxo de camiños, traída de auga, … Mesmo agora imos comezar outro saneamento en Benito Fariñas.
Nun mandato, entre o que investimos e o que conseguimos para os próximos anos, estamos a falar de 14 millóns de euros para Baiona.
Carlos, ti sempre fuches unha persoa moi sensibilizada cos problemas sociais. Lin recentemente unha noticia sobre o enorme aumento de usuarios e usuarias do servizo de axuda no fogar en Baiona. Tan mal está a cousa?
Está mal en Baiona e en todos os sitios. A pandemia primeiro, a guerra, e a problemática coas enerxías poñen a toda a sociedade nun contexto económico moi preocupante e de moi difícil saída. Nós , na medida das posibilidades que ten un concello, non imos deixar a ninguén coas súas necesidades básicas sen atender. Iso por descontado. Para este alcalde e para este goberno a dignidade e o benestar de todos os seus veciños e veciñas están por diante de calquera outra circunstancia.
No que se refire ao SAF, nun abanico de 6 anos, pasamos de ter sobre 1200 persoas usuarias deste servizo no 2016, a case 3.000 persoas en agosto deste ano.
Neste tema teño que mencionar a intolerable política da Xunta pois esta é unha competencia súa, elude a súa responsabilidade, mira para outro lado e obriga aos concellos a asumir un custo que debera sufragar o goberno autonómico e ponnos nunha situación moi complicada.
Viñamos de achegar uns 300.000€ anuais para este servizo e agora increméntasenos o orzamento a case 800.000€.
Levamos uns días bastantes chuvias, supoño que estarás contento. Baiona ten un serio problema coa auga, como vai este tema da asunto?
Baiona e Nigrán, temos que estar contentos pola choiva. O noso encoro estaba ao 29% e o de Zamáns ao 32.
Creo que o conxunto da sociedade témonos que concienciar do que é a auga e a necesidade do seu uso responsable. O cambio climático é unha realidade que está aquí e agora. E se non actuamos con responsabilidade nun tema que debe de estar por riba da loita partidista imos pasar problemas moi serios.
Outro problema recorrente na política local é coa recollida de lixo. O PP leva tempo denunciando que ides privatizar este servizo e que o recibo se vai a encarecer moito para os veciños e veciñas do concello. É verdade?
Unha cousa é privatizar e outra externalizar. Cando nós chegamos ao concello xa estaba privatizado o servizo do punto limpo, o de mantemento de zonas verdes, rotondas e parroquias por 127.000€ anuais. Na actualidade para cubrir todo isto necesitariamos 430.000€.
A nosa prioridade é facer un convenio para os traballadores e unha RPT pois para un bo funcionamento do concello necesitariamos 15 persoas máis.
Váiselle a encarecer o recibo do lixo aos veciños e veciñas, si ou non?
Neste momento non.
Os orzamentos do 2023, coa maioría do tripartito sacarédelos adiante non?
Iso esperamos, temos que negocialos, esperamos presentalos en decembro para comezar o ano con eles.
A pouco tempo das eleccións, ves boa predisposición dos teus socios de goberno para aprobalos presupostos?
Sempre hai algunha discrepancia, pero é xusto é dicir que as decisións do alcalde sempre foron respectadas polos socios de goberno.
Estes orzamentos serán eminentemente sociais para poder atender a moitas familias que o necesitan.
Neste mandato as vosas relacións con De La Peña e co BNG podemos dicir que son óptimas?
Teño que dicir que é unha relación cómoda e cordial. Houbo algunha discrepancia, por exemplo: Este ano, o alcalde quedou só na organización da Festa da Arribada. Entendín que era necesario celebrala por toda esa xente que vive e traballa dos negocios da vila. Quero agradecer publicamente o comportamento exemplar de veciños, veciñas e visitantes. Por primeira vez en anos non saíu unha soa ambulancia en toda a fin de semana.
Vimos de celebrar o aniversario de “A volta dos 9”, o alcalde estivo aí. Seguirá estando no futuro?
Por suposto. Posiblemente non o soubemos explicar ben no seu momento, pero, nós cumprimos coa Memoria Histórica. Ademais de cumprir coa lei, isto é unha cuestión moral, ética e de principios. Temos que poder falar da nosa historia negra, para que non se repita . Mentres non entendamos que a Lei da Memoria Histórica vén para pechar feridas, e non para abrilas, seguiremos sendo unha sociedade pobre desde o punto de vista ético
Agradecer ao IEM (Instituto de Estudos Miñoráns) que leve facendo estes actos desde o ano 2005, todo o traballo que leva feito polo Val Miñor, pola cultura, a democracia, a historia… Motivos polo que lle concedemos a medalla de ouro de Baiona.
A recente anulación por parte do Tribunal Supremo do parque eólico do Albariño 1 na Serra da Groba, crees que abrirá a porta para que a ameaza eólica desapareza sa Groba?
Cando hai un goberno na Xunta de Galicia que fai unha modificación da lei express para a implantación dos eólicos, eu non me fío.
Isto é moi boa noticia, pero aínda quedan dous polígonos máis que afectan directamente á nosa vila, polo que estaremos atentos a ver como evolucionan.
Vas ser o candidato a alcalde do PSOE para as próximas eleccións do 2023?
Este verán fixemos unha asemblea na que me apoiaron os meus compañeiros e compañeiras e creo que se dan as circunstancias para que eu volva ser o candidato. Fun o primeiro candidato en gañar unhas eleccións en Baiona e teño a obriga moral de repetir. Quedan moitas cousas por facer na vila, sigo comprometido ao cento por cento con este proxecto e síntome con forzas e ganas de seguir cambiando o noso concello. Dicir tamén que aínda nos quedan moitísimos deberes por facer.
Cales son as expectativas realistas a rúa dos teus veciños e veciñas?
A nosa expectativa realista, a nosa vontade e a nosa ilusión é moi clara: gañar as próximas eleccións