Miguel é un director de cinema cuxo traballo “ La ciudad de la selva” foi seleccionado no Festival de Cinema Independente de Valencia como candidato ao premio de mellor dirección e ao de mellor documental. E finalmente galardoado co premio ao mellor documental. Este traballo refírese a unha historia verdadeiramente apaixonante : un lugar lugar oculto no monte preto da aldea de Casiao, en Ourense, que foi fundado por distintas persoas que fuxían da represión franquista. O paso do tempo fixo que estas persoas acabasen convertidas en guerrilleiros que subsisten e loitan contra a garda civil. Carlos Tejerizo, director do proxecto arqueolóxico “ Sputnik Labrego” é unha persoa moi importante na produción deste traballo pois das súas prospeccións conclúense que “ La ciudad de la selva” é o lugar de Europa occidental con máis xacementos de guerrilla. Desde as nosas páxinas non podemos máis que darlle os parabéns emocionados a Miguel e a todo o seu equipo, por ter a valentía de contribuír a dignificar a memoria dos guerrilleiros antifranquistas persoas cuxo valor e dignidade fan mellor á humanidade.
“A guerrilla era moito mellor valorada polas comunidades onde existía que os representantes do estado franquista”
O primeiro que me chama a atención Miguel, case me emociona, é que sendo ti de Valladolid fales un galego impecable..?
Moitas grazas Marcos. Eu procedo dunha familia emigrante, parte procede de La Rioja, parte de Segovia e parte de Galicia. Sei o que supón ten que desenvolver un proxecto de vida lonxe de onde naciches e son un home moi respectuoso. A miña parella é galega , eu vivo en Vigo e teño amigos que me ensinaron o idioma.
Pero non che impuxeron a súa aprendizaxe non como defenden algúns?
Iso carece de sentido. Aprender idiomas non ten nada de malo, todo o contrario supón unha enorme riqueza e eu se vou vivir a calquera sitio procuro coñecer o idioma que falen alí. Paréceme o natural.
Estás presentando o teu traballo“ La ciudad de la selva”.Cóntanos que é?
É moitas cousas, se cadra unha das máis importantes é a que nós denominamos : a derradeira fronte de batalla da guerra civil. É un espazo físico singular no que hai unha fronte de batalla concreta entre a guerrilla e o exército de Franco, despois de finalizada a guerra.
Este documental ten unha peculiaridade significativa pois alén das testemuñas orais utilizastes a arqueoloxía?
Si, e foi un formato que me fixo sentir enormemente cómodo. O noso obxectivo é contribuír a que o público sexa quen de construír un pensamento autónomo sobre unha realidade complexa que cómpre observar desde unha perspectiva multi disciplinar.
Como foi a rodaxe?
A verdade houbo que facer desprazamentos moi longos ata a zona de rodaxe, Pena Trevinca, con equipos moi pesados que o facían todo complicado. Entre as viaxes en coche e as andainas investiamos entre 6 e 8 horas só para desprazarnos ao lugar de traballo. Pero ben, forma parte do traballo na natureza e a verdade paga a pena porque eses son montes fermosísimos.
Supoño que o momento no que viches por primeira vez “ La ciudad de la selva” sería moi emocionante?
Absolutamente Marcos. Pensar que alguén viviu alí voluntariamente foi algo que a min me convenceu de que o compromiso e a determinación que tiña esta xente merecía ser contada Detrás dese asentamento había un traballo moi complexo, profundamente razoado que indica que as persoas que alí viviron estaban preparadísimas.
Cal era a relación dos nativos cos guerrilleiros?
Os primeiros fuxidos que chegaron ao asentamento eran locais, e logo foron xuntándose con outras persoas que chegaron doutros puntos e que escapaban por motivacións políticas diversas. A constante represión exercida polo estado franquista levou á existencia de certo nivel de simpatía da comunidade local cara á guerrilla, que se materializa en axuda, enlaces e colaboracións. Hai unha idea xeral referente á honestidade dos guerrilleiros cos xente das aldeas, e pola contra tamén a a hai sobre que a garda civil sobrepasábase con moita frecuencia.
O acoso da garda civil foi tan duro?
Si, foi moi duro, de aí que se lembre de maneira pexorativa á garda civil naquelas circunstancias. O mal que o facía a garda civil supuxo que a pouco que fixeran os guerrilleiros a súa imaxe no pobo fose magnífica. A guerrilla, e isto que vou dicir transcende calquera visión ideoloxizada, cometendo errores , que tamén os cometeu, era un colectivo moi respaldado polas comunidades dos sitios nos que existía. Non teño ningunha dúbida de que a guerrilla era moito mellor valorada pola xente que os representantes do estado franquista.
Cóntanos en que consiste METROPOLIS o proxecto de cooperativa audiovisual da que formas parte?
Pois o seu obxecto é basicamente permitirnos traballar no noso, o mundo da comunicación, ás persoas que a constituímos. A colaboración é un xeito de organización social mellor que a competición e é o camiño para dignificar as condicións de traballo. Hai en España en xeral, e en particular no noso sector tamén, moita xente con enormes capacidades para o traballo que non están suficientemente valoradas. A nosa idea é irmos integrando cada vez a máis profesionais na cooperativa para podermos repartir máis traballo. Nós seguimos aprendendo para podelo facer cada vez mellor
Como valoras a acollida do público nas salas nas que proxectastes o documental?
Moi boa. Estamos moi satisfeitos. Ogallá poidamos darlle continuidade ao proxecto
As sensacións ao recibir o premio ao mellor documental?
Non esperaba este resultado, dúas seleccións e un premio. O resultado superou as miñas expectativas. Estou enormemente contento, ilusionado, agradecido e orgulloso.