Eva Solla Coordinadora Nacional De Esquerda Unida

Eva Solla coordinadora nacional de Esquerda Unida. A Nova Peneira

Sempre é un pracer para min conversar con Eva, ela é unha muller lúcida, intelixente e cordial coa que é moi doado sentirse cómodo alén de que sempre ten algo interesante que dicir. Lamentablemente, malia que estabamos emprazados a vernos en persoa, polas circunstancias que estamos a vivir non nos quedou máis remedio que conversar por teléfono. Agardo que pronto poidamos volver a ter a oportunidade de falar sentados nunha mesa.

TODA A MILITANCIA DE ESQUERDA UNIDA ESTAMOS AO DISPÓR DA SOCIEDADE GALEGA PARA COLABORAR EN TODO AQUELO NO QUE POIDAMOS SER DE UTILIDADE”

Eva, ti e eu xa temos falado unhas cantas veces e dame a sensación de que , coma min, es unha persoa bastante activa, a min cóstame bastante o estar pechado na casa, lévoo razoablemente ben , pero cóstame, e ti como o levas?

Ben, pois traballando na casa, non queda outra

No momento de facermos esta entrevista acabamos de coñecer que as eleccións galegas previstas para o 5 de abril foron aprazadas

Formalmente aínda non, pero todos os partidos tomamos o acordo de facelo así. Agora haberá que ver cal é o procedemento legal para formalizalo, e cal o necesario para que cando sexa posible, retomalas.

Alén de que circunstancialmente te dediques á política a túa profesión está no sector da sanidade, polo tanto es unha persoa adecuada para valorar como consideras que poden evolucionar, desde unha óptica científica , os acontecementos?

É difícil facer conxeturas, os epidemiólogos preveen que no caso de Galicia o pico máis elevado de contaxios chegará a principios de abril, pois malia que presenta algunhas diferencias o seu comportamento parece semellante a outros virus de tipo respiratorio, pero en calquera caso haberá que estar atentos á súa evolución porque o número de contaxios é moi superior a os de outros virus.

Segundo a túa opinión profesional, o confinamento da poboación é necesario?

Si, é necesario, o motivo non é tanto a gravidade da enfermidade en si, pois o seu índice de mortalidade é algo superior ao da gripe pero tampouco moi elevado senón pola inmensa facilidade de propagación que ten ,e o obxectivo do estado de alarma é dupla, por unha parte evitar que haxa un número de contaxios inasumible para o sistema sanitario e que o poida levar ao seu colapso, e por outro , na medida do posible, tratar de evitar a estacionalidade

Estarmos varias semanas encerrados na casa, pode ter, seguro que vai ter, un forte impacto psicolóxico en segmentos importantes da poboación e con certeza absoluta vai ser un golpe económico brutal para case todos, especialmente para os máis débiles. Podes darnos algún consello para levalo o mellor posible?, e cal é a túa valoración no que respecta ás medidas económicas que se deberan tomar(esta entrevista realizouse o día anterior ao anuncio do paquete de medidas económicas por parte do goberno) para que os danos sexan os menos posibles?

No que respecta ao aspecto psicolóxico é obvio que o cese de actividade social é un elemento psicoloxicamente impactante, especialmente duro para quen viva en soidade. Non é doado atopar unha fórmula que nos permita levalo sen experimentar, nalgún momento, algún tipo de sufrimento, pero eu creo que para levalo o mellor posible é moi importante tratar de establecer comportamentos de rutina. Facer exercicio a unha hora determinada, estudar, ler, tratar de informarse de realidades diferentes á que parece ser a única realidade, tratar de manter o contacto co mundo exterior coas persoas que queremos de maneira virtual, transmitirlles que estamos alí e que non desaparecemos. É moi difícil seino, pero ao meu xuízo a chave para que o sufrimento sexa o menor posible, está en organizar unha rutina de actividades e dar o mellor de nós, o noso afecto e a nosa solidariedade aos nosos achegados e achegadas. No que respecta ao tema económico é un desafío de proporcións colosais, xa a situación económica da que partiamos non era desexable e agardo que as medidas económicas aprobadas polo goberno do estado poidan minimizar o impacto o máximo posible.

Nesta situación tan grave a exixencia de deixar a un lado as diferencias políticas e traballar todos e todas na mesma dirección debera ser case dogma de fe, consideras que a oposición do PP está a altura dun desafío deste calibre?

Eu creo que a posición do PP, en absoluto é unha posición de estado, por máis que apelen ao seu suposto sentido de estado os feitos amosan o contrario e u creo que o PP , e especialmente Pablo Casado están sendo moi desacertados

Ben, como isto o imos superar, e algún día, agardo que o antes posible, volveremos ás nosas vidas normais, vou facer caso do teu consello anterior e preguntarche por unha realidade diferente, as eleccións galegas, prevés cando poden volver ser convocadas? 

Non é posible poder contestar a iso de momento. Ata que non se resolva a situación epidemiolóxica non se pode pensar en procurar unha nova data.

Ti, estás contenta de como foron as negociacións e do resultado da conformación das candidaturas de Galicia en Común?

É certo que o adianto electoral deixou menos marxe, e é certo que nos tería gustado ter disposto de algo máis de tempo nesa negociación ,pero estou razoablemente satisfeita do resultado da conformación das nosas listas.

Pois fíxate, eu creo que das tres forzas que compondes Galicia en Común, vos sodes os que tendes un corpo real, non virtual, de militantes máis numeroso, máis político, e os que sen dúbida van soportar en maior medida o peso da campaña electoral, e ao meu xuízo esquerda unida quitou moi pouco, a número un por Pontevedra e a número 2 por Lugo, paréceme moi escaso resultado en función da vosa dimensión?

Ben, as negociacións son sempre complexas, o que para nós era unha prioridade era establecer unha coalición na que estiveramos as tres forzas políticas que viñemos traballando cóbado con cóbado os últimos anos Anova, Esquerda Unida e Podemos. Neste momento en que existe a posibilidade real de que Feijjo perda o poder o prioritario era máis lograr un acordo amplo, que os postos que se levase cada forza política.

Moitas grazas Eva, por atenderme tan amablemente como sempre, unha pregunta para rematar; neste contexto tan difícil é posible seguir facendo política, malia que sexa baixo mínimos, fora da realidade do coronavirus? Como o leva a militancia de Esquerda Unida?

A militancia nosa, é marabillosa, e está a dispor do que decida a organización. A situación non é nada doada, as nosas xuntanzas son por vía on line, e nós estamos para servir á sociedade procurando na medida do posible ser de utilidade na resolución de problemas.