O Concello de Tomiño ven de editar en papel a súa Axenda de Outono, na que se recollen todas as actividades previstas ata xaneiro, dende teatro ou concertos ata cursos, actividades deportivas e de voluntariado ou exposicións e obradoiros
Tomiño, 3 de outubro de 2019
Un programa de actividades transversal e integrador dirixido a todos os públicos. Así é a programación cultural, deportiva e lúdica que o Concello de Tomiño ten prevista para os vindeiros meses e que ven de recoller en papel na xa tradicional Axenda de Outono. Un completo programa trimestral no que se aglutinan todas as actividades de cultura, mocidade, deporte, voluntariado e transfronteirizas “dun xeito cómodo e planificado, informando debidamente á veciñanza e garantindo que todas as actividades son un éxito”, salienta a alcaldesa, Sandra González.
A nova edición da Axenda de Outono recolle as preto de 30 actividades que se levarán a cabo entre outubro, novembro e decembro, rematando coa ampla programación preparada para o Nadal. Así, a programación trimestral arrancará esta mesma fin de semana coa obra de teatro ‘#Camiños’, de Butaca Zero e, a vindeira semana, con dous cursos dirixidos á mocidade sobre cociña vegana e danzas urbanas, cursos para os que xa está aberto o prazo de inscrición.
A partir de aí comezará unha intensa lista de actividades entre as que destaca a ampla programación teatral, con 8 obras para toda a familia e outras 6 dirixidas a público adulto. Así, o público infantil poderá desfrutar o 13 e o 27 de outubro de Baobab Teatro e de Roque e os seus contos no Mercado Municipal de Tomiño; o 3 de novembro dos ‘Contos do recreo’ de Redrum Teatro; o 17 de novembro de Xarope Tulú e as súas ‘Nómades’; o 28 de decembro dos ‘Contos do animalario’ de Daboapipa; o 29 de decembro das espectaculares pompas de xabón de de ‘Os fabulosos Cleaners’ de Malasombra Producións e o 4 de xaneiro co último panda do planeta, ‘Mai-Mai’, de Baobab Teatro.
Pola súa banda, o público adulto disporá dun amplo abano de obras no auditorio de Goián: o 19 de outubro Contraproducións representará ‘Commedia’ no auditorio de Goián; o 2 de novembro Chévere chegará con ‘Anatomía dunha serea’; o 9 de novembro Artesacía presentará a ‘Chola, a It Girl’; o 16 de novembro Destexeito Producións estará con ‘Loló e mamá’ e o 24 de novembro Redrum Producións escenificará ‘Invisibles’.
Actividades para todos os gustos
A programación complétase cunha vintena de actividades e concertos, entre os que destacan os que ofrecerá Agrupación Musical de Goián en honra de Santa Icía (23 de novembro) e por Nadal (22 de decembro), os da Coral Polifónica de Tomiño (13 de outubro e 15 de decembro) ou o Festival de Nadal Virxe de Alivio. Pola súa banda, o Mercado Municipal de Tomiño acollerá en outubro unha exposición da Asociación de Cultivos do Baixo Miño e dende Voluntariado levaranse a cabo dúas actividades: a creación dun vídeo sobre a realidade das mulleres no rural e unha xornada de retirada de plantas invasoras.
Os amantes do deporte teñen dúas citas este trimestre. Por un lado, o vindeiro 27 de outubro a Eurocidade Cerveira-Tomiño celebra o remate do seu programa Deporte para todas as persoas cunha xornada de actividades no Parque de Lazer do Castelinho, en Vila Nova de Cerveira, e o 22 de decembro terá lugar unha nova edición da Carreira de Nadal.
E, como cada ano, Tomiño contará cunha programación especial de Nadal que comezará o 15 de decembro co concerto da Coral Polifónica e rematará coa tradicional Cabalgata de Reis o 5 de xaneiro. Entrementres, 20 días de música, actividades deportivas, contacontos, teatro, obradoiros, inchables e moito máis pensados para que toda a familia poida desfrutar destas datas.
Esta axenda en papel repartirase e colocarase en lugares de moito tránsito para difundir as actividades e facer chegar o programa a todos os veciños e veciñas da vila, pero tamén pode consultarse directamente na web do Concello: https://tomino.gal/axenda-de-outono-2019/.