A ruta tivo lugar esta tarde e contou cun percorrido de 22 quilómetros. Os centerarios pasos da Fraga, os Camiños Arrieiros ou a Castrelada foron algúns dos sitios polos que percorreu esta I Ruta Cabalar
Ponte Caldelas, 5 de outubro do 2019
Esta fin de semana o Concello de Ponte Caldelas organiza por primeiro vez esta Xuntanza Cabalar que se desenvolve na Carballeira da Chan en Caritel. Unha cita na que colaboran Hípica Rabaleira Atlántico Centro Ecuestre, Hípica Amazonas e Camino de Santiago a Caballo, Caminos Galicia.
Unha cita que comezou esta tarde coa ruta cabalar e na que participaron máis de 100 xinetes. Esta ruta contou cun percorrido de 22 quilómetros. Os pasos da Fraga, os Camiños Arrieiros, a Castrelada, os viveveiros de Pazos e o pincho na Calzada foron algúns dos espazos dos que puideron desfrutar todos os participantes nesta cita. Unha ruta que contou en todo momento coa presenza dun veterinario, que estará na Xuntanza ao longo de toda a fin de semana, e tamén contou cun ferrador que ofreceu durante toda a xornada asistencia para os participantes nesta ruta. Tralo percorrido os xinenetes poderán desfrutar da cea que terá lugar na Carballeira da Chan en Caritel, e a continuación, da actuación do Dúo Prisma.
Trala xornada de hoxe, o domingo 6 de outubro a actividade comezará ás 10:00, na Carballeira da Chan en Caritel, coa exhibición de saltos, a cargo do Centro Ecuestre Atlántico, ás 11:00 será a quenda da exhibición de doma, a cargo de Hípica Amazonas, e ás 12:00 haberá unha xincana de xinetes. Unha xornada onde haberá moitas sorpresas, sorteos, agasallos e premios.
Esta Xuntanza Cabalar ten como fin dar resposta a unha demanda das veciñas e veciños de Ponte Caldelas, un pobo, que tal e como lembra o alcalde “ten unha enorme tradición ecuestre”. Díaz considera que “con esta xuntanza saldamos unha débeda con todos os amantes do cabalo do noso concello”.
Dende o concello animan a todo o mundo a que participen nesta I Xuntanza. O alcalde agarda que no día de mañá esta cita conte cunha alta participación e sexan moitos os que veñan a desfrutar deste espectáculo en Ponte Caldelas. Andrés Díaz ten claro que conta “co pobo máis participativo co cal estou seguro de que esta será a I Xuntanza de moitas, porque sei que as nosas veciñas e veciños están facendo todo o posible para que sexa todo un éxito”.