Ana Pontón, Portavoz Nacional do BNG.
Hai momentos na historia nos que un País comprende que chegou a súa hora. Creo sinceramente que Galiza está nese momento. Hai un cambio profundo na sociedade galega, co orgullo polo que somos como motor.
Durante décadas acostumáronnos a pensar en pequeño, a aceptar que as grandes decisións sempre se tomaban noutro lugar, a conformarnos con administrar o que outros decidían, como se reclamar un trato xusto fose unha excentricidade e non unha obriga de calquera goberno responsable. Mais a realidade mudou.
Vivimos unha época na que a economía mundial se reorganiza, na que se pon en evidencia a necesidade de recuperar capacidade produtiva, na que a seguridade enerxética e alimentaria deixaron de ser conceptos teóricos para se converteren en prioridades políticas. A revolución da intelixencia artificial e da dixitalización abre enormes oportunidades, pero tamén riscos para quen quede atrás.
Nese novo escenario, Galiza debe ser protagonista e xogar coas súas cartas, sen ataduras. Temos enerxía renovable, posición atlántica estratéxica, innovación, capacidade de desenvolvemento na industria, no mar, no forestal e no agro, coñecemento científico e unha xeración de mozos e mozas extraordinariamente preparada. Temos unha identidade forte que nunca foi un límite, senón unha forma singular de estar e contribuír ao mundo.
O que non podemos permitir é seguir actuando como se nada disto tivese valor. Cada vez que aceptamos que os beneficios dos nosos recursos marchen fóra; cada vez que unha decisión sobre as nosas infraestruturas ou o noso financiamento se toma sen contar con Galiza; cada vez que se priorizan intereses partidistas sobre os intereses do país, estamos perdendo oportunidades que dificilmente regresan.
Mais, para avanzar, tamén cómpre dicir unha verdade incómoda. Galiza continúa sufrindo decisións do Estado que a prexudican: un financiamento insuficiente, infraestruturas demoradas, competencias estatutarias aínda sen transferir ou unha política enerxética que non recoñece o esforzo dun país produtor como o noso. Esa discriminación existe. O que resulta incomprensíbel é que quen leva máis de década e media gobernando a Xunta renuncie sistematicamente a combatela.
O Partido Popular non traballa para defender os intereses galegos. En todos os temas relevantes preferiu sempre exercer de delegado dos intereses do seu partido en Madrid antes que actuar desde a Xunta como un verdadeiro goberno de Galiza. E cando un Goberno deixa de defender ao seu País, quen perde sempre é a súa xente.
Por iso defender Galiza non é unha cuestión simbólica, é unha cuestión profundamente práctica e significa que a riqueza producida aquí sirva para mellorar os salarios, crear emprego, fortalecer os servizos públicos, impulsar a innovación, apoiar ás pequenas e medianas empresas e garantir que ningún mozo ou moza teña que emigrar por falta de oportunidades.
Significa entender que máis capacidade de decisión é tamén máis capacidade para resolver problemas. E para iso precisamos avanzar en autogoberno real, asumindo todas as competencias pendentes no Estatuto catro décadas despois da súa aprobación, avanzar en autogoberno de cara a reivindicación dun novo status de nación para Galiza. O BNG leva tempo defendendo unha idea que hoxe resulta máis actual ca nunca: Galiza debe falar con voz propia alí onde se toman as decisións importantes, sen dependencia de Madrid, sen subordinación a intereses alleos e sen renunciar nunca á colaboración leal con quen respecte os intereses do noso País.
Porque o mundo respecta máis a quen se respecta a si mesmo. O Día da Patria Galega é unha invitación a pensar no futuro, nunha Galiza que confíe nas súas capacidades e saiba transformar todo o seu potencial en prosperidade compartida.
Temos recursos, temos talento, temos experiencia, temos identidade, temos un pobo que acredita en si mesmo. O que toca agora é estar á altura dese País, facernos valer, porque cando Galiza se fai valer, Galiza avanza. E Galiza merece avanzar e gañar un futuro mellor para todas e todos.





