Lino Costas
Galicia é unha comunidade humana cun territorio, cun idioma, cunha cultura e cunha economía propias. Galicia é polo tanto unha nación coma un feito obxectivo, non coma unha opinión ou un sentimento. Un grupo humano con identidade propia dentro do mosaico de nacións que conforman a humanidade. Unha humanidade que nestes tempos afronta novos desafíos nun mundo no que xa quedou claro que as normas de convivencia a nivel mundial, por xustas que poidan ser, sempre foron utilizadas para manter dominados aos pobos baixo os intereses dos poderosos, baixo os intereses do capital. E quedou claro tamén que estas normas son desbotadas sen ningún problema en canto supoñen algún tipo de obstrución para os obxectivos de acrecentar o enriquecemento das clases dominantes.
Temos dereito a desenvolvernos coma nación, a densenvolver o noso idioma, a nosa cultura, a nosa economía. E a facelo respectando e facendo respectar o noso entorno, os nosos montes, os nosos ríos, os campos e o mar e todo o noso territorio que compartimos xunto coas demais vidas que conforman a natureza, o medio ambiente. E sobre todo temos dereito a desenvolver as nosas vidas con seguridade. Coa seguridade de que imos a ter unha sanidade pública eficaz, eficiente e universal. Coa seguridade de que se nos garante unha educación pública, gratuíta e de calidade a todos os niveis. Coa seguridade de que imos a ter unha vivenda digna e de que, pase o que pase, non nos imos a quedar na rúa. Coa seguridade de que temos garantida unha alimentación sa. Coa seguridade de que imos a ter un traballo en boas condicións laborais e económicas que nos permita ter suficiente tempo libre para utilizalo en vivir. Coa seguridade de que non imos a caer na pobreza e que poderemos desenvolvernos plenamente coma persoas. A todo iso temos dereito e esa é a Galicia que queremos. Unha Galicia que, ademais, recoñece solidariamente o dereito das demais nacións a desenvolverse sen inxerencias externas e a ter estas mesmas seguridades. Unha Galicia que existe para aportar á humanidade e non para competir contra as demais nacións.
Pero ser unha nación non nos libra de contradicións internas. Tan galego é calquera traballador ou traballadora coma calquera empresario explotador máis ou menos enriquecido. Uns viven do seu traballo. Outros se enriquecen co traballo dos demais. E nesa contradición, nesa loita de clases que é o motor da historia, radica o feito de que as traballadoras e traballadores temos máis en común entre nos, sexamos da nación que sexamos, que cos nosos explotadores. Acaso deberíamos defender os intereses dun capitalista galego antes que os dunha campesiña andaluza ou ecuatoriana? Acaso non deberíamos unir forzas as clases traballadoras de todos os pobos en tódolos ámbitos nos que fora posible, para defender os nosos intereses comúns coma clase? Ou é que nos conformamos con que medren os nosos explotadores porque asi sempre nos caerá algunha migalla?
Por iso a idea de nación non debe ser empregada en ningún caso coma elemento de división da clase traballadora. Caer nese erro, na defensa da idea de nación por riba da solidariedade de clase traballadora, en impedir a unidade de acción alí onde é posible, soamente serve para debilitar a loita obreira e polo tanto favorecer os intereses do capital. E por iso cando alguén di defender a Galicia hai que preguntarlle a que parte de Galicia se refire. Porque se non o ten claro ou pensa que os intereses da clase obreira e os do capital son os mesmos, non está a defender á clase obreira se non aos seus explotadores e tapando as súas vergoñas coa bandeira.
Por iso neste 25 de xullo, celebremos Galicia coma a nosa nación e celebremos tamén o noso orgullo de clase.





