(Este fragmento do diario de Senlúa Arraiana foi recuperado e adiantado ao noso tempo por Cristóbal López, fiel camarada do avó da lider da resistencia arraiana).
Chámome Senlúa e vivo na Raia. Nacín o día que explotou a lúa, o día que a Tripla Alianza a fixo anacos para mudar a velocidade de rotación da Terra. Adecuando a rotación ao tempo de translación ao redor do sol medio planeta quedou mergullado nunha eterna e xélida noite ao resgardo dos devastadores raios solares.
A vida no planeta foi reducida a un hálito coa asoballadora vaga de maremotos e corrementos tectónicos que provocou a detonación simultánea da Lúa e dos dous polos da Terra. A operación aínda así foi un éxito, a vida persistiu. O xénero humano eludiu a extinción á que estaba abocado polos efectos do cambio climático.
Cando a temperatura media do planeta superou os 40 graos celsius a vida converteuse nun luxo só ao alcance dos países máis ricos. Unha década máis tarde cunha poboación dezmada ano tras ano a Tripla Alianza, formada pola OTAN, a Federación Rusa e China, executou a operación Salvar a Gea.
O meu pai sempre abxuraba da Tripe Alianza, duns gobernos que en cuestións de semanas puxeron en marcha a arriscada operación pero que durante século e medio pola súa cobiza e ambición desmedida foron incapaces de ir máis aló dos titulares grandilocuentes e de cónclaves estériles para reducir a emisión de CO2 e reverter o calentamento global. Nembargantes meu pai deixouse a vida construíndo ao servizo da Tripe Alianza unha nova sociedade sobre as cinzas. Aínda embárgame a dor cando lembro o día que o meu pai esgotado polo esforzo de anos tomouse un respiro para contemplar a súa idílica sociedade, foi tan grande a súa decepción que sen mediar palabra botou a andar e inmolouse perseguindo o sol do oeste.
O acoplamento da rotación á translación non resultou perfecto. Un pequeno desfase entre ambos movementos facía que a devastación solar avanzara polo leste a un ritmo de 218 m por día. Os efectos desta asincronía foron a principal eiva para edificar unha nova sociedade a semellanza da imaxinada pola conciencia ecosocialista despertada como unha epifanía colectiva entre os superviventes.
O permanente estado de excepción desta sociedade nómade fixo que a desexada solidariedade entre iguais dexenerara nunha obediencia cega á casta dominante herdada dos gobernos que integraban a Tripla Alianza.
Este condicionamento masivo da conduta foi produto da inestabilidade provocada pola continuo estado en movemento da poboación para manterse dentro da franxa de terra onde unicamente florecía a vida. Unha estreita franxa entre a zona xélida central da cara escura da Terra e a raia do sol poñente do oeste. A medida que retrocede o sol do oeste e a terra arrefría, esta é colonizada pola sociedade colmea da Tripla Alianza.
A miña nai, aínda hoxe, repíteme como unha letanía a lección vital que rematou coa vida do meu pai. Segundo ela para non esquecernos nunca de levantar a cabeza de vez en cando e tomar perspectiva para repensarnos.
Vivimos como proscritas na raia do sol nacente. No angosto espazo entre Mortefría, a escura e xélida zona central, e a zona tormentosa que precede ao avance do devastador sol do leste. Somos arraianas, somos a resistencia e a cada avance somos máis.
A Colmea expulsa automaticamente a calquera individuo que teña o atrevemento de pensar e opinar por si mesmo cuestionando a cadea de mando. Son desterrados e abandonados á súa sorte na xélida zona escura. Os poucos que sobreviven a longa noite de Mortefría son rescatados por nós para que se unan aos arraianos ou queden a morrer calcinados polo sol do leste.
Así morreron os meus avós, entregaron as súas vidas ao sol nacente na primeira purga decretada pola Tripla Alianza. Dúas vidas por cada familia foi a cota para minguar a poboación ante a escaseza de alimentos. Miles de voluntarios entregaron as súas vidas, daquela aínda existían os lazos familiares e os individuos tiñan vontade propia. Agora na Colmea a reprodución está totalmente controlada e deshumanizada, os fillos nacen sen país.
Onte chegamos ao lugar onde meus avós se inmolaron por nós. Corenta anos despois, tras unha volta completa ao planeta neste eterno éxodo pola erma terra estamos de novo aquí no val dos cinco outeiros onde se fundou o pobo arraiano. Hai corenta anos meus avós extenuados xaceron ao pé deste outeiro agardando o despiadado sol nacente pero antes sementaron o xerme da disidencia entre os patibularios máis xoves. Comináronlles a loitar pola súa vida, a adaptarse para sobrevivir nesta árida e indómita terra coa permanente ameaza do sol do leste. Conseguírono e agora somos máis fortes.
Antes de despedirse, o meu avó contoume unha historia de cando el era mozo, a terra aínda era verde con mares e ríos e a lúa asomaba de noite. Contoume como el xunto cos comuneiros da súa parroquia loitaron contra a cobiza e ambición desmedida para impedir a devastación dos seus montes comunais. Contoume como se deron miles destas pelexas por todo o planeta e que se non se perderan a inmensa maioría a historia recente non estaría escrita con lume e sangue. Advertiume das mil formas que ten o poder da cobiza de corromper ás persoas para que por unhas migallas sentencien á súa propia proxenie ao averno. Contoume como algúns cargos públicos carecían de límites éticos e que provistos dunha ambición desmedida non dubidaban en enganar e enfrontar á veciñanza dos seus pobos para acadar os seus propósitos en detrimento do ben común. O que daríamos hoxe por ter un anaco dese monte verde e azul onde a vida se perpetúa, moitas xa só o podemos soñar ou albiscar polos relatos dos nosos antergos pero nunca o veremos.
Soa a sirena, a temperatura exterior supera os 50 graos hai que pórse en movemento, toca avance. Mañá continuarei coa nosa historia porque sei que un día seremos lexión e mudaremos as cousas.