
Jorge Canda é o alcalde de A Lama, leva toda unha vida como primeiro edil do seu pobo, un cuarto de século. Despois de pasar polo CDS e de chegar á alcaldía encabezando unha lista do PSOE como independente decidiu presentarse nas listas do PP alá polo 1.999.Semella que o PP, como estamos vendo na actualidade na provincia de Ourense, xa ten pedigree histórico no modus operandi consistente en captar a representantes políticos que proceden doutras organizacións. Nós conversamos con el e atendeunos moi amablemente.
“A nosa relación coa Xunta é excelente. Todo o que eu lle pido, fanmo”
De onde es natural ti Jorge?
Eu son natural de A Lama, somos unha familia bastante grande. O meu avó era de Avión e foi el quen se instalou aquí. Nacín no mesmo centro en concreto na zona da Pedreira. Antes o noso concello tiña o nome de Calde Vergazo
Vaia, non tiña nin idea e de que época estamos falando?
Do SXIX, de feito no dicionario xeográfico estatístico de España e Portugal publicado en 1.827 aínda aparecía así denominado
Creo que a túa familia ten bastante relación co equipo de fútbol non?
E tanto que si. Fíxate non somos nove irmáns, sete somos homes e os sete chegamos a xogar no equipo de fútbol. Todos os meus irmáns tiveron que emigrar menos eu que sempre quedei aquí. Eu mesmo tiven un papel importante na creación do equipo noso pobo. Tivemos épocas moi boas , chegamos a xogar contra o Xuvenil de Ponteareas ou contra o Goián
Véxoche a bufanda da S.D no teu despacho supoño que estarás moi satisfeito do ascenso á primeira división?
Abofé que o estou. Como che dixen antes eu teño moita vinculación co mundo do fútbol, de feito non é por nada pero creo que lle pegaba bastante ben. O noso Concello desde logo que apoia ao equipo absolutamente. De feito temos un campo marabilloso no que o concello ten investido moitos cartos
Cal foi a túa actividade profesional?
Estudiei en Ponteareas, e no ano 1.979 entrei na cámara agraria de A Lama levando temas de cobros. Logo metinme no sector dos seguros e na banca.
Cando iniciaches a túa actividade política?
Eu comecei a miña vida política no CDS, logo ese espazo político esvaeceuse
Desculpa, se comezaches no CDS, seguro que coincidiches co amigo Emiliano, o alcalde de Fornelos
Emiliano e eu somos como irmáns. Cando eramos mozos fomos xuntos á moitas festas. De feito eu metinme no CDS pola influencia de Emiliano e de Serafín, o antigo alcalde de Fornelos
Que voltas dá a vida , eles remataron no PSOE e ti no PP
Pois si, pero iso non quita, que tanto a nivel persoal como institucional sigamos tendo unha relación excelente
Pero no CDS non gañastes
Non, a primeira vez sacamos un bo resultado, catro de once, pero non nos deu para gobernar pois o PP quitou seis
E cando desapareceu o CDS que fixeches?
Pois presenteime como independente encabezando a lista do PSOE. Sacamos catro e pactamos cunha lista de independentes que tiñan dous. E alí asumín á alcaldía
En que ano foi?
En 1.995
Entón aínda que non foses afiliado, a primeira vez que accediches á alcaldía foi na lista do PSOE
Si.
E despois de 25 anos ininterrompidos como alcalde, non estás canso?
Si, sigo estando ilusionado, pero canso tamén. Eu xa teño 63 anos e xa dixen con claridade que este vai ser o meu último mandato
Como se produciu o teu paso de encabezar a lista do PSOE a ser alcalde polas listas do PP?
Foi n 1.999.O PP local estaba en mala situación, e eu estaba a desgusto no PSOE pois tiñan unha problemática interna que facía a convivencia moi difícil. O PP deume todas as facilidades e un grupo de persoas cabreámonos co psoe e decidimos cambiar
Na Lama gaña o PP ou gaña Jorge Canda?
Eu creo que non só na Lama senón na maioría dos concellos nas eleccións municipais vótase máis á persoa que á opción política que representa
Cales son os principais atractivos turísticos de A Lama?
A contorna natural é espectacular, a serra do Cando e as nosas fervenzas compoñen unha paisaxe inigualable e calquera viaxeiro que nos queira distinguir coa súa compañía estaría encantado de gozar con nós da inmensa beleza das paraxes na que se enclava o noso pobo. Temos cinco rutas de sendeirismo preciosas, un foxo do lobo que paga a pena coñecer. A nosa praia fluvial é do mellor que hai en Galicia..
Todos os sitios que mencionas oriéntanse cara ao sector turismo, pero este concello, corríxeme se me equivoco, carece de establecementos de hostalería para acoller turistas?
Agardo que no verán do ano próximo estea o hotel restaurado. Pero si, tes razón, malia que algún restaurante hai, necesitabamos algún establecemento de hostalaría máis para podermos acoller un volume máis elevado de visitantes. Teño que dicir, ao respecto disto, que os mellores cocidos do mundo, cómense na Lama, no Pelete, aínda que son por encargo. Aproveito a oportunidade que me dá A Nova Peneira para recomendar a todos os lectores a que nos fagan unha visita e os proben
Cantos habitantes ten A Lama, alcalde?
2.476.Estamos subindo
Toda a Galicia interior ten un moi grave problema de despoboamento e envellecemento da poboación. Supoño que A Lama non será allea a esa circunstancia tan preocupante?
Si claro é un problema que tamén temos. Nós temos moitísima emigración e nos meses de verán aumenta a nosa poboación significativamente
Xa, pero o idóneo sería que o aumento da poboación non fose algo estacional dos emigrantes que veñen pasar uns meses aquí e logo marchan senón que na Lama houbese alternativas e servizos suficientes para que os mozos e mozas que o desexen puidesen desenvolver un proxecto vital no pobo se así o quixesen?
Si, pero incluso a nosa poboación infantil está aumentando cada vez temos máis nenas e nenos
Que ben, canto me alegro. Outro mal endémico da Galicia rural e a situación da sanidade. Como estamos na Lama?
Aquí ata agora estabamos ben. Agora comeza a percibirse algunha queixa. Temos certa dificultade con pediatría, pero tamén teño que dicir que, ao meu xuízo, ás veces hai xente que vai demasiado aos médicos por cousas non demasiado importantes
Que tal son as relacións cos DEP?
Boas
O cambio de Louzán pola actual presidenta que resultado tivo na DEP ao teu xuízo?
Empeorou, as relacións seguen sendo boas pero agora a xestión é peor
O teu colega Emiliano di que cando Louzán era presidente da DEP Fornelos era claramente agraviado?
Cada un conta o conto segundo lle vai nel, pero que non diga iso Emiliano porque non é certo. Eu coñezo ben a Emiliano e quéixase moito.
E coa Xunta que tal?
Moi ben, sempre se portan ben co noso pobo. Todo o que eu lle pido a Feijoo faimo