O próximo 3 de maio na fermosa praia fluvial da Calzada, no Concello de Ponte Caldelas, o club de motos “Os Lóstregos” organiza unha xuntanza moteira para gozar dunha comida en común, e facernos desfrutar aos asistentes con numerosas actividades relacionadas co universo das motos, alén de varias actuacións musicais e espectáculos adecuados a todas as idades.
Os Lóstregos é un club de arredor dun ano de vida, creado por un grupo de mozos de Ponte Caldelas que con moita ilusión e traballo lograron poñelo en marcha. A súa presidente é a nosa amiga Victoria González, da tapería Victoria de Ponte Caldelas. E sendo un proxecto no que participa unha muller tan traballadora, intelixente, sensible e teimuda como Victoria , atrévome a prognosticar que Os Lóstregos terán moitos éxitos e moitos anos de vida.
Victoria González, presidenta do club .
“O ambiente no noso club é marabilloso. Somos un para todos e todos para un”
Fálame do Lóstregos, quen sodes e desde cando tedes este grupo?
Eu xa son moteira desde hai doce anos. Adoro o mundo da moto. Son unha muller independente que tiven que facer a miña vida eu soa desde moi nova, paso a paso e pada a pada igual que arrinca o mineiro o carbón da mina, e a moto é unha forma marabillosa de sentirme libre. É certo que tiven un accidente e collín certo medo a rodar, polo que estiven un tempo afastada. Pero hai un par de anos, uns rapaces do pobo querían crear grupo de moteiros e querían que fose no pobo.
E falaron contigo, claro?
Si, e convencéronme.
Ben, non é que te coñeza en profundidade pero, despois de dúas conversas extensas contigo xa che vou collendo un pouco o teu perfil de persoa, e teño a sensación de que rápida e veloz, igual que Laia Sanz, puxécheste a traballar para poder concretar o proxecto, e que o club vise a luz?
Ha, ha, ha ha, ha..Agrádame que menciones a unha corredora muller. Neste mundo tan masculinizado as mulleres temos que reivindicar referentes femininos que amosen que nós debemos de ter espazos dignos en calquera contexto. Non sei se tan rápida como Laia, pero ilusioneime, si. Entón busquei información e souben que mínimo tiñamos que ser seis persoas na directiva. Conseguímolas e así nacemos. Levounos case dous anos concretar todos os papeis necesarios.
Malia que evidentemente es unha moza valente , non tiveches reparos en ser a presidenta do club ?
Si que cando o xestor me informou de todas as responsabilidades legais que tería ser a presidenta, deume un pouco de reparo. Pero eu non son das que mira para outro lado, e se é algo que me gusta tiro cara diante. O Noso Motoclub quedou oficialmente constituído como tal en maio do pasado ano.
Cantas persoas formades parte do Motoclub a día de hoxe?
Agora mesmo somos corenta persoas.
Cantos homes e cantas mulleres?
Seremos unhas quince mulleres, dez con moto en propiedade. Temos xente de todas as idades, isto é algo que me gusta moito.
De que abano de idades estamos a falar?
Desde vinte anos os máis mozos ata uns sesenta anos os maiores.
O que si é complicado xuntarnos todos. Cando facemos unha quedada ao mellor non somos máis de dez. Para as festas si que conseguimos xuntarnos case todos, pero aquí cada cal ven cando pode.
O ambiente no club que tal é?
Marabilloso. Somos como aquilo que dicía D´Artagnan: “ Un para todos, e todos para un”
As corenta persoas sodes todas de Ponte Caldelas?
Non ,temos xente de Arcade, de Soutomaior, de Fornelos de Montes, algún de Pontevedra… Do pobo somos quince.
Cales son as vosas actividades?
Nos invernos estamos algo parados, é agora, cara o verán, cando comezamos a quedar os domingos pola tarde para rodar.
Onde quedades?
Aquí na Tapería, é a nosa sede oficial.
Por onde facedes estas saídas?
As Neves,Sanxenxo, Vigo….por moitos sitios. Logo imos as concentracións doutras vilas como a de Redondela. Esta é moi grande e alí imos un grupo de xente da noso club.
Que hai que facer se algún dos nosos lectores ou lectoras quere ser socio ou socia do voso club?
Pagar unha cota anual. Agora está a 30€ e se alguén quere mercar roupa ten que pagala a parte.
Ter moto é imprescindible?
Pois non, xa temos xente que non ten moto, que lle gusta ir de paquete e axuda e colabora igual.
Que facedes cos cartos desa cota?
Ata agora investímola toda en mercar roupa. Temos camisetas, suadoiros e cazadoras. Agora mesmo estamos recadando fondos para organizar o noso primeiro evento.
Fálame deste evento?
Será o 3 de maio e queremos facer un Moto churrasco. Pretendemos que sexa como unha concentración pero sen saír a rodar. Á comida principal ao mediodía pode asistir quen queira con previa inscrición. Farémola na Calzada, ao carón do río. Teremos algunha actuación musical tamén. O Concello corta a rúa para facer este xantar e non molestar aos demais veciños, veciñas ou actividades da vila nese día. O único que necesitamos é que haxa bo tempo.
Que é necesario para asistir?
Para o xantar si que hai que facer inscrición, temos un cátering encargado da comida e hai que reservar as racións, o prezo do prato son 28€, o resto do día é libre. A partir das cinco da tarde haberá varios postos de comida como churros, cans quentes, patacas fritidas, hamburguesas, bocadillos, churrasco e máis. Tamén haberá posto de rosquillas, a idea é que haxa variedade para que a xente poda quedar cear e a escoitar música pola noite.
Tamén temos dúas actuación de Stunt, veñen dous profesionais a facer exhibicións coas motos, Pichu e Óscar Balles. Unha Stunt é as 17 h. en recinto pechado, e a outra será ás 22:00h. Haberá sorpresas e mesmo actuacións con lume.
Tamén teremos inchables para á rapazada, e xogos populares. Haberá algúns premios para os asistentes como aceites de moto, produtos de limpeza e algunha cousa máis por aí.
Con canto tempo hai que anotarse para o xantar e onde hai que facelo?
Hai que facer o ingreso de 28€ no número de conta que temos no cartel engadindo nome, apelidos e DNI. Pódese facer ata unha semana antes do día 3.
Non saídes coas motos, por que?
Porque é a primeira edición e pedir os permisos de tráfico é complicado, queremos probar así a primeira vez, e para a vindeira xa se verá como se fai.
Como vedes a implicación do pobo con esta festa?
Pois estou moi contenta, agradecida e emocionada co apoio recibido. conseguimos máis de 40 patrocinadores.
Conseguiches ti eses patrocinadores?
Volvo a citar a a Alejandro Dumas: “Un para todos e todos para un”.Eu son unha máis, pero aquí estamos todos e todas ao mesmo: Facer dos lóstregos un club de motos sólido, solvente e que poida ser un orgullo para toda a veciñanza de Ponte Caldelas. Queremos contribuír a levar o noso fermoso pobo por todos os currunchos de Galicia
A presidencia do club non che quita moito tempo da túa vida persoal e laboral?
Agora mesmo si. Levo dous meses sen parar para organizar o Moto churrasco.
Cal foi a ruta que máis che gustou de todas as que tedes organizado?
Desfrútoas todas moito. Se cadra a concentración do Club de Redondela en Ponte Caldelas gustoume moito,porque foi nos nosos inicios, xa eramos máis de 30 persoa. Ese día xuntámonos todos para esta concentración e pasámolo tan ben. Fixemos tantas cousas enriba das motos que xeramos moita expectación. Había tal cantidade de xente vendo as motos a carón do local que semellaba o concerto dunha estrela de rock. A verdade foi un día deses que deixa pegada na alma de todas as persoas que temos implicación emocional co club.
Tedes previsión de afluencia?
Contamos con que veñan ao redor de 3.000 persoas ao longo do día. Ter todos os papeis en regra e todo ben organizado foi laborioso e levou tempo, pero penso que vai saír moi ben e o esforzo vai pagar a pena.
Alén de que o pobo portouse moi ben contigo, como se portou o Concello?
Moi ben tamén, déronos facilidades para ocupar o espazo, aínda que nós somos un grupo novo e non temos experiencia en organizar este tipo de eventos. A maioría somos xente nova e é normal que teñan as súas reticencias, pero o goberno municipal portouse moi ben con nós e eu, como non podía ser doutra maneira, agradézollo.
Rematamos Victoria, moitas grazas
Se me permites quixera dicir unhas palabras para acabar

O que ti queiras por suposto, ti dominas a arte da oratoria e seguro que o que digas está ben dito
Ha, ha,ha.Grazas. Verás: eu creo que unha sociedade decente é aquela na que todos colaboremos con todos, na que todos fagamos máis fácil a vida das demais persoas, e nese sentido é de xustiza agradecer a axuda que nos prestan os nosos colaboradores e amigos que coa súa xenerosidade fixeron posible que algo ten bonito puidera ser realidade.Camiñar con eles fai a vida máis doada. Tamén quixera destacar que o club de motos de Xeve “plántalle lume” é unha referencia para nós e que seguimos o seu exemplo con admiración e respecto
Ben, neste caso máis que camiñar será andar en moto
ha, ha, ha, ha…Os lóstregos imos plantar lumeeeee o 3 de maio. Vinde facernos compañía e xa veredes que ben o imos pasar
