O BNG volve pedir explicacións á Xunta ante a inacción na vivenda de Arbo asolagada por obras

Cristina Fernández logra o compromiso da Xunta de visitar a vivenda en busca dunha solución

A deputada do BNG, Cristina Fernández, volveu tratar no Parlamento Galego a problemática da familia de Arbo que leva case dous anos soportando a entrada de auga na súa vivenda a causa das obras de humanización dunha rúa.

Fernández lembrou que “os traballos no subsolo realizados nesta obra, financiada pola Xunta de Galiza, provocaron o asolagamento na parcela desta familia e na súa vivenda. Estas filtracións permanentes de auga no interior levan dende o 2023 causando estragos na vivenda, no mobiliario e nos equipamentos da mesma, e mesmo pode afectar á súa estrutura”, lamentou a deputada do Bloque, que esixiu á Xunta que asuma a responsabilidade dos problemas que está a padecer esta familia, resolvendo o problema e repoñendo os útiles estragados.

“A familia advertiu dende o primeiro instante da situación, e mesmo se realizou, sen éxito, un traballo de drenaxe para intentar corrixir a situación”, sinalou a parlamentaria nacionalista. A vista de que así non se resolveu o problema, Cristina Fernández instou á Xunta a que planifiquen cos seus servizos técnicos unha nova actuación para evitar as filtracións de auga na vivenda de xeito definitivo, logrando o compromiso da Xunta de visitar a zona para avaliar posibles actuacións.

Cristina Fernández indicou que “a propia Directora Xeral de Urbanismo da Xunta admitiu en sede parlamentaria que non estaban a realizar ningunha actuación para resolver o problema”. A deputada do BNG lamentou esta inacción “mentres a familia continúa desesperada cun grave problema sen resolver. As persoas propietarias da vivenda asolagada están ao límite das súas forzas e frustradas ante a ineficacia e a desidia dos gobernos do PP á fronte da Xunta e do Concello”, concluíu Fernández.