Roberto Jorge candidato do BNG á alcaldía de Forcarei

Roberto Jorge Correa, concelleiro do BNG no Concello de Forcarei

Roberto Jorge vai ser novamente o candidato do BNG á alcaldía deste concello da comarca da terra de Montes. El é un home sólido, solvente e moi comprometido emocionalmente co seu pobo co que foi un pracer compartir novamente unha conversa.

Nas eleccións de Maio a nosa perspectiva é medrar substancialmente. E se o BNG medra Forcarei mellora”

Vas ser o candidato do BNG nas vindeiras municipais?

Non é aínda oficial pero xa podo adiantar que si. A idea é que eu encabece a candidatura do BNG. Así mesmo despois de coñecer tanto o goberno do PP como o do PSOE estou cada vez máis convencido da necesidade de que o BNG incremente de maneira substancial a súa presenza no nosos concello.

Tes decidido o equipo que che vai acompañar?

Estamos traballando niso. Vai ser unha candidatura moi sólida que combinará a experiencia coa renovación.

Como valoras o mandato da alcaldesa Verónica Pichel?

O cambio despois de tanto tempo co PP era moi necesario. Foi un mandato no que se fixeron cousas interesantes pero ao xuízo do BNG manifestamente insuficientes e claramente mellorables .A nosa aspiración é protagonizar o cambio real, de moita máis densidade, que precisa Forcarei e que estamos seguros de que demanda a maioría da sociedade do noso pobo.

Neste mandato que remata o BNG apoiou a investidura da alcaldesa do PSOE pero estivo na oposición. Por que non entrastes no goberno?

Ben, non houbo química de abondo por ningunha das dúas partes. Nin a nós o proxecto socialista nos parecía o suficientemente ambicioso para levar a cabo o cambio profundo que precisa Forcarei, nin o PSOE amosou moito interese por contar con nós no goberno.

A aritmética actual do voso concello é PP 5 PSOE 5 BNG 1.O voso voto foi decisivo para que o PSOE acadase alcaldía pois no caso de empate a candidata popular Belén Cachafeiro tería sido alcaldesa, xa que o PP foi a lista máis votada. Hoxe,4 anos despois, consideras que ter propiciado o cambio de alcaldía foi unha decisión correcta?, ou arrepínteste?

Si, foi unha decisión correcta e non me arrepinto. Como antes mencionei o noso concello precisaba un cambio , despois de tantos anos co PP, un PP botado ao monte, con urxencia. O que non é incompatible co que tamén penso: a xestión do goberno socialista é manifestamente mellorable. Agora xa che digo que nas dinámicas de traballo hai un cambio en positivo en relación ao que facía o PP.

Dime un exemplo dese suposto cambio en positivo?

Na alcaldía de Belén Cachafeiro o rural estivo case completamente abandonado.

Dicía nas nosas páxinas a candidata popular que a xestión económica do actual goberno é nefasta e moi mellorable. Cal é a túa opinión?

Eu creo que os períodos de pago son moi mellorables, si, iso non é cuestionable. Hai empresarios que fixeron traballos para o Concello e que levan 6 meses sen cobrar as súas facturas .E iso desde logo que non pode ser. Non ten sentido porque o noso é un concello solvente, un concello que ten fondos como para non ter que facer agardar tampo tempo a quen fixo un traballo para cobrar o que é seu.

Que opinas da urbanización de Soutelo que está a facer o goberno municipal?

Esa foi unha obra que consensuou o BNG co goberno. E tanto a de Soutelo como a de Forcarei entendemos que son importantes e necesarias pois todo estaba moi abandonado e deteriorado. As beirarrúas levaban moitísimos anos sen que se lles tocara.

Cal é a túa opinión acerca da reforma da casa da xuventude?

É algo moi necesario para dotar ás asociacións e colectivos dun espazo en condicións, pero o proxecto non nos acaba de convencer. Ao noso xuízo ten eivas que deben de ser solucionadas. Avisámolo varias veces e non entendo como non se contemplaron as deficiencias estruturais.

Cales son as perspectivas realistas coas que o BNG se presenta ás eleccións ?

Medrar, medrar substancialmente . É que se o BNG medra Forcarei mellora. Estou convencido.

Se os votos do BNG fosen novamente decisivos para decidir quen vai ocupar a alcaldía de Forcarei contemplas a posibilidade de que desta volta entredes no goberno?

Todo dependerá da aritmética municipal e do programa de goberno que, de ser o caso de que se dese esa hipótese, pactaramos co PSOE.

Entón non o desbotas?

Non, non o desboto.

Rematamos Roberto. Que podería encontrar un veciño ou veciña de Forcarei en ti como alcalde?

Son un home moi responsable, moi traballador que quero moito ao meu pobo e creo firmemente que Forcarei ten moitas potencias que están sen explotar.