
A parroquia de Soutelo de Montes aínda lembra hoxe a Avelino Cachafeiro, proclamado no ano 1924 como o mellor gaiteiro de Galicia.
Esta localidade do concello de Forcarei honra o seu afamado músico desde 1979 coa Festa do Gaiteiro, declarada de Interese Turístico Galego en 2010. Este festexo reúne centos de músicos cada ano e atrae miles de persoas de toda a comunidade e do país veciño, Portugal.

Avelino Nado en Soutelo de Montes o 26 de maio de 1899. Pasou a súa nenez ao son da gaita, debido a que o seu avó e o seu pai foron tamén gaiteiros, non tardou en formar un grupo familiar de gaiteiros, constituído polos seus irmáns Castor, a gaita, e Bautista, voz e caixa, o seu pai Fermín, ao bombo, e a súa tía Andrea, que de modo ocasional tocaba o pandeiro. Avelino era a alma do grupo, como director e compositor, as súas actuacións caracterizábanse polo baile e por contar chistes. Non tardaron en ser coñecidos por toda a comarca e tamén alén dos mares, co alcume de “Os Gaiteiros de Soutelo”.
Avelino é nomeado gaiteiro da Sociedade Artística de Pontevedra, e con só 25 anos preséntase a un concurso en Santiago onde se dirime quen é o mellor gaiteiro de Galicia. Un concurso con parte literaria, onde se presenta xente coma Otero Pedrayo, Vicente Risco, Filgueira Valverde, e que o final ganaría Eladio Rodríguez González.
Otero Pedrayo cualificaba a Avelino como “O grande e puro artista, por Castelao abrazado en data solemne pro esprito como o máis rexo e armoño Carballo do bosque antigo”.
No ano 1928 gravou unha peza transcendental no repertorio tradicional, a Muiñeira de Chantada, e levouna polo mundo cos seus irmáns, tamén músicos. A orixe da festa remóntase aos encontros que organizaba co alumnado do grupo de gaitas da comarca de Tabeirós-Terra de Montes. Actualmente, a celebración reúne na praza dos Gaiteiros centos de músicos chegados de toda Galicia e dalgúns países estranxeiros. As gaitas, tambores e pandereitas inundan a localidade de música e bailes tradicionais.
A Festa do gaiteiro de Soutelo de Montes, celébrase cada terceiro sábado de agosto en Forcarei desde comezos do século XX, e máis regularmente desde fai trinta anos.
A festa comeza co pregón e a ofrenda floral para honrar o recordo de Avelino, este prodixioso autodidacta que aprendeu a tocar os instrumentos do seu avó e que, xunto aos seus irmáns, obtivo tal éxito que chegou a tocar en Sudamérica e nas Olimpíadas de Amberes. A figura de pregoeira ou pregoeiro é de grande importancia, xa que se selecciona tendo en conta a aquelas persoas que poñan en valor e contribúan a condecorar a memoria do que foi o mellor gaiteiro de Galicia.
A sesión vermú e a comida popular na carballeira do parque Venezuela son algúns dos actos festivos. Despois lévase a cabo unha ruada popular multitudinaria que congrega músicos e persoas afeccionadas. A festa conclúe cunha actuación de música e baile tradicional. Así, a Festa do Gaiteiro, convértese nunha cita indispensable en Soutelo de Montes para enxalzar a súa cultura e a súa tradición.
O Concello de Forcarei comunicounos que para a edición deste ano, a número 43, está pensada para que toda a veciñanza e as persoas visitantes poidan gozar dunha xornada festiva nas rúas da localidade, cun fantástico ambiente e sobre todo con moita música. Ademais, neste 2022 cúmprense 50 anos do pasamento de Avelino Cachafeiro e o Concello de Forcarei completa con esta festa un programa de actos que o homenaxean ao longo do ano, incluída a recente inauguración dunha escultura conmemorativa na contorna da praza dos Gaiteiros.
A Festa do Gaiteiro de Soutelo está declarada como Festa de Interese Turístico de Galicia, pola súa historia, a súa singularidade, o arraigo e o gran valor cultural.
Despois de moitos anos nos que se encargou de organizar a festa unha asociación cultural de Soutelo, Can de San Roque, o Concello de Forcarei recuperou no 2019 o impulso da celebración, tan importante para un concello no que as gaiteiras e os gaiteiros teñen un protagonismo tan especial, cunha Banda de Gaitas de gran prestixio na que participan veciñas e veciños e que chegaron a tocar en festivais tan importantes como o intercéltico de Lorient (Francia).
As persoas que acudan a festa este ano poderán gozar das actuacións da Banda de Gaitas do concello de Forcarei, da banda Lembranzas da Terra de Guillarei de Tui, dos Abrentes, do Picadiscos Marifaltri e do mítico grupo de música tradicional Abóbriga. Ademais, poderán participar no xantar popular na carballeira do parque de Venezuela e nunha ruada de homenaxe a Cachafeiro. O pregón correrá a cargo de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía.
E non podiamos rematar esta viaxe polo universo musical das terras de Forcarei sen conversar co noso amigo Jose Antonio Vidueiros director dunha das bandas de gaitas máis importante de todo o país galego; a banda de Forcarei
Jose Antonio Vidueiros director da banda de gaitas de Forcarei
Fálanos un pouco da banda de gaitas, cando e por que nace?
A Banda de gaitas do Concello de Forcarei nace no ano 2016, estando David de alcalde e Javier Álvarez de concelleiro. No concello non existía ningunha agrupación musical e un compañeiro mestre de música do Colexio Soutelo de Montes e máis eu, que tamén son mestre de música do Colexio Nosa señora das Dores de Forcarei comezamos facendo unha pequena escola de música como actividade extraescolar dos colexios, arrancamos dando clases de percusión tradicional, gaita e linguaxe musical. O meu compañeiro dando clases de gaita, eu dou clases de linguaxe musical e trouxemos a outro mestre para dar clases de percusión. A raíz disto saíu a Banda de Gaitas. O Concello mercounos os primeiros traxes, as primeiras gaitas e instrumentos de percusión. Así comezamos a nosa andaina con esta Banda.
Tedes pensado perdurar no futuro con este proxecto, teremos Banda de gaitas do Concello de Forcarei por moitos anos?
Nestes poucos anos de vida chegamos a un nivel elevadísimo. Actuamos dúas veces na cidade de Lorient, Francia. A última vez, no ano 2019, fomos representando a Galicia e tocamos no concerto de apertura no Auditorio de Lorient, disto poucas agrupación poden presumir…
Tocamos coas mellores bandas de música do país, coa Municipal de A Coruña, Municipal de Santiago, Municipal de Pontevedra. Demos varios concertos na Quintana, tocamos nas festas de María Pita, mesmo o pasado día 25 de xullo tocamos nas festas grandes de Santander. Viaxamos moitísimo, estivemos tocando en Italia, Portugal, moitos lugares de España. Tocamos tamén con artistas galegos de moito renome coo Uxía, Abraham Cupeiro ou David Salgado entre outros.
Como colofón acaban de concedernos os Amigos de Terra de Montes este ano a medalla de ouro pola traxectoria da Banda. Este galardón concédenllo a persoas ou agrupacións salientables da comarca que destacan pola súa labor na conservación e difusión da cultura da zona.
Neste pouco tempo non podemos pedir máis e esperamos durar moitos anos máis.
Que papel vai desempeñar a Banda de Gaitas do Concello de Forcarei, que ti dirixes, na edición 2022 da festa do gaiteiro de Soutelo?
Xa participamos no acto que se fixo no cemiterio conmemorando o 50 aniversario do seu falecemento o pasado sábado 16 abril. Alí tocamos temas como a Muiñeira de Chantada ou o Himno Galego, entre outros, durante a ofrenda floral celebrada ante el panteón de Cachafeiro.
Na festa deste ano participaremos como o facemos todos os anos. Daremos un pequeno pasarrúas e contaremos coa axuda da Banda de Gaitas de Guillarei. Despois interpretaremos o Himno Galego cando se lle fago a ofrenda floral ao monumento dos Gaiteiros de Soutelo. Ao rematar, as dúas bandas daremos un concerto dunha media horiña para rematar os actos.
E para rematar, como se porta o Concello de Forcarei coa banda de gaitas?
Pórtase ben, aínda que de cara ao vindeiro ano nós esperamos que nos presupostos orzamentarios poidan mellorar a achega que nos fan. Este ano cedérennolo Auditorio de Soutelo de Montes e agora é o noso local de ensaio, ata agora faciámolo nos dous colexios onde somos mestres. Levamos varios anos coa mesma asignación económica e temos expectativas de que poida aumentarse para o ano.