A Lama é un concello no que, se non se len os resultados electorais con profundidade e rigor, a súa aritmética municipal pode trasladar unha imaxe da situación sociolóxica do Concello que non se corresponde estritamente coa realidade. A priori un ve que o PP ten 7 concelleiros fronte a 4 do conxunto da oposición e o que parece é que os populares gozan dunha maioría abafadora, pero non é así. Eles teñen a maioría absoluta, desde logo que si, e gobernan de maneira lexítima pois así o decidiu a maioría da veciñanza. Pero se confrontamos os votos que acadou o PP 814, cos da suma das 4 forzas de oposición que presentaron candidatura 671( 251 UCIN, 202 IPR, 152 PSOE, 66 BNG) vemos que a diferenza só son 143 votos. A situación non é que sexa de empate técnico entre os veciños que queren que siga a gobernar o PP e os que queren cambio , pero case, fáltalle moi pouco para o empate técnico e a tendencia do PP é claramente descendente. Así pois vemos como baixan 2,5 puntos porcentuais en relación co voto do 2019( 56,94% no 19 e 54,44% no 23), baixan 48 votos en voto directo ao PP(862 no 19 e 814 no 23), que en realidade son moitos máis, pois tendo integrado a Andrés Cal nas súas listas , o antigo concelleiro de Ciudadanos no 2019 que naquel momento recibira 155 votos, non logran captar nin un só dos apoios que recibiu no 2019 unha persoa que no 23 vai nas listas populares.
A diferenza de 3 concelleiros entre o goberno e a oposición resulta de dous factores:1) A dispersión do voto da oposición, 4 opcións diferentes nun concello tan pequeno como este, practicamente asegura a vitoria do goberno.2) O sistema electoral premia ao máis votado. Na Lama o PP ten o 54,44% dos votos e o 63,63% dos concelleiros.
Nós falamos con Carlos Rivero, o xefe da oposición , para coñecer a súa visión do estado das cousas. El amosouse, na conversa, moi ilusionado e firmemente convencido de que máis pronto que tarde o cambio necesario chegará tamén a A Lama.
“ No Concello de A Lama quen segue mandando realmente é Jorge Canda”
Tres meses despois, tempo suficiente para poder opinar con frialdade e rigor, cal é a túa valoración sobre o resultado electoral?.
O resultado non responde á realidade social do noso pobo. A situación está moito máis polarizada, pouco menos que en empate técnico, entre o PP e a oposición. Houbo varios factores que explican ese 7-4 da corporación actual que , repito, non responde á realidade.
Cales foron ?
Cando , motivado pola urxente necesidade de cambio que hai no noso pobo, decidín presentar a miña candidatura, o entorno do PP comezou unha intensa campaña contra a miña persoa presentándome como un cocainómano.
Tes constancia de que iso é así, de que desde o entorno do PP che chamaban “ cocainómano”?
Si, e non só iso. Tamén me calumniaron tachándome de moroso. Ambos aspectos son radicalmente falsos, pero sospeito que de tanto que se repite unha mentira pode que algunha persoa a asuma como verdade.
E houbo máis elementos que contribuíron ao resultado final: o carrexo de votantes por parte de persoas do PP, someténdoas a presión para que os votasen. Incluso o anterior alcalde, Jorge Canda foi buscar a señoras maiores, que non visita en todo o ano para levalas a votar co sobre na man. E por último a dispersión do voto da oposición facilitou a vitoria do PP. Dáte de conta de que houbo 4 opcións diferentes que confrontamos co PP. E iso, nun pobo tan pequeno como o noso, no que a situación política está polarizada na dinámica goberno/ oposición , practicamente asegura a vitoria do goberno pois o seu voto está todo concentrado , mentres que o voto da oposición está dividido en múltiples opcións.
Como están os teus ánimos?
Estou moi ben, con moita forza e coa ilusión a tope. Eu era consciente de que ía ser difícil pero que non se engane o PP, isto foi só a semente, a primeira pedra dunha nova forma de facer política: limpa , honesta e digna ao servizo do interese xeral da veciñanza. A Lama precisa un cambio e máis pronto que tarde ese cambio chegará.
Con 7 concelleiros que teñen non parece que sexa moi fácil ese cambio?
A min preocúpanme máis as prácticas políticas do goberno que a aritmética municipal. A aritmética é variable, hoxe é dunha maneira e mañá pode ser doutra completamente distinta. Por outra parte o PP está sobrerepresentado, pois se todo o voto da oposición fose concentrado só terían gañado as eleccións por 143 votos, pero como sabes o sistema electoral español premia sempre ao máis votado.
Como comezamos o mandato?
Situándonos no lugar que nos puxo a veciñanza: liderando a oposición. Denunciaremos con firmeza as prácticas que consideremos inaceptables, por suposto apoiaremos aquilo que consideremos que é bo para A Lama, e faremos propostas en positivo para mellorar a vida das persoas. Somos unha organización responsable e exerceremos con responsabilidade o labor que nos encomendou a cidadanía de A Lama, de feito agora estamos a revisar todos os contratos e licitacións.
Tedes facilidade para acceder á documentación?
Non. Nós estámola conseguindo a través do portal de contratación do estado, porque aquí xa pedimos algún expediente e aínda non nolos facilitaron. O concello funciona moi mal, fíxate por exemplo que o primeiro pleno ordinario ímolo ter a finais do mes de setembro, algo absolutamente inexplicable.
Pero xa tivestes un extraordinario, non?
Si, un pleno que foi solicitado pola oposición para abordar o tema dos eólicos.
Cal foi a posición da oposición nese pleno ao respecto do asunto dos eólicos?
Claramente, sen matices nin ambigüidades , en contra.
E a do goberno?
Malia que de palabra din que van axudar ao colectivo que loita para que non se instalen eses muíños, os seus actos non se corresponden coas súas palabras.
Por exemplo?
Pedíuselle que axudaran economicamente a sufragar os gastos dos avogados que implican a defensa xurídica dos intereses da veciñanza afectada e negáronse.
Tivestes algunha xuntanza co novo alcalde?
Si, fomos levarlle as nosas propostas.
En que clima se desenvolveu a reunión?
O clima foi moi bo, pero entendo que este alcalde non ten potestade para facer nada.
Por que?
O alcalde actual é un monicreque en mans dun monicrequeiro.
Estásme dicindo que o que manda no Concello, ao teu xuízo, segue a ser Jorge Canda?
Sí, é así.
Creo que unha compañeira túa tivo un episodio desagradable con Jorge Canda. Cóntanolo?
Nós, desde que se constituíu a corporación comezamos a acudir a diario, a primeira hora da mañá, ao concello para cumprir o noso labor de traballar na fiscalización da acción de goberno, de estudo de como está a situación real do concello e para atender a calquera veciño ou veciña que quixese falar con nós .Esto foi durante máis ou menos unha semana e media , ata que un bo día aparece o ex alcalde Jorge Canda e nos prohibe a entrada.
En base a que?
En base a nada, pois el non pode facer iso. Nós dixémoslle que somos concelleiros electos, igual cal el e que de ningún modo nos podía prohibir o acceso á casa do Concello. Entón Jorge Canda empurrou á miña compañeira polo peito. Nós denunciamos o episodio ante a Garda Civil de Ponte Caldelas.
Temos resposta?
Aínda non.
E cal foi a reacción do goberno municipal?
Dicir todo o contrario do que pasou en realidade.
Cal é a túa opinión sobre as razóns reais que explican a dimisión de Andrea, a concelleira electa de IXR?.
Nós cremos, toda a oposición así o cre, que recibiu presións, non puido con elas e tomou a decisión de dimitir.
Que relación tedes cos outros dous grupos da oposición?
Moi boa. Hai unha vontade común, nos tres grupos que formamos a oposición, de traballar con rigor para que o noso concello saia adiante. De feito de vez en cando nos xuntamos para compartir análises e consensuar estratexias para que o goberno faga algo efectivo polo noso concello que segue sendo, por desgraza, o 3º máis pobre de Galicia e o 1º máis pobre da provincia de Pontevedra.
E por que un concello como o voso, con potencialidades tan importantes para un adecuado desenvolvemento económico, ocupa o vagón de cola nos índices de riqueza dos concellos galegos?
Claramente pola mala xestión do goberno municipal. Especialmente mala nos últimos doce anos.
Rematamos Carlos, que sensacións percibes polas rúas de A Lama?
Que o obxectivo, o fermoso obxectivo de traballar polo ben común dos nosos veciños e veciñas paga a pena. Hai xa moitos votantes do PP que están desilusionados e arrepentidos, así mo transmiten a min. Ista vai ser unha loita longa e difícil, pero ímola gañar. O máis pronto que poidamos A Lama vai ter un goberno digno que se preocupe polo interese xeral. Non imos parar ata que sexa así.