MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ LORES, alcalde de Pontevedra

MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ LORES, alcalde de Pontevedra
Montse Fajardo

ENCE díxome que lle custaba máis o traslado que comprar a opinión pública, e iso está a facer”

O alcalde pontevedrés cre que a única forma de que a celulosa siga activa é buscarlle un novo emprazamento, mellorar a súa tecnoloxía, ampliar o ciclo de produción e ata diversificalo coa entrada no téxtil

Acusa á dirección da fábrica de Lourizán de mentir á poboación ao falar de 5.000 postos de traballo, “o que supón contar ata o señor que lles vendeu un eucalipto un día”

A imaxe de persoal de ENCE increpando na antesala do despacho ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a parte do seu equipo de goberno, ocupou todos os medios. A visión da xente da fábrica golpeándolles os coches á saída do aparcamento testemuñou o incremento da violencia no compás de espera dunha sentenza da Audiencia Nacional que deberá avalar se a ampliación da concesión, outorgada polo goberno popular de Mariano Rajoy cando xa estaba en funcións, se axusta á legalidade. A recuperación de Lourizán debía terse iniciado en 2018 e acabar así cos privilexios da multinacional, que non só ocupa terreos públicos nunha localización única, senón que goza de exencións fiscais, -por exemplo, de máis do 90 por cento no canón de auga-das que carecen outras empresas menos solventes e mesmo a cidadanía pontevedresa, que cada ano dedica a este concepto 2,5 millóns de euros, case cinco veces máis que ENCE pese a que a pasteira consume o triplo de auga. Porén, os cartos aforrados, que deberían engrosar as arcas públicas, son repartidos pola dirección da empresa ao seu antollo, como parte dunha campaña tendente a evitar o traslado e, de paso, no empeño, frustrado polo de agora, de cambiar o goberno da cidade.

Converteuse ENCE na súa principal oposición?

Si, creo que si, porque ENCE e o PP son a mesma cousa.

Cre que a cidadanía de Pontevedra está maioritariamente a favor do traslado de ENCE?

Eu estou convencido de que si, sinceramente. O que pasa é que a súa capacidade de propaganda é moi grande. Cando nos falamos coa empresa, estando xa de presidente Méndez, do que daquela era CaixaGalicia, dixéronnos claramente que lles custaba máis trasladar a fábrica que comprar a opinión pública. E iso están a facer. Foi aí cando empezaron a meter cartos a punta pala.

Compraron vontades?

Intentárono. Intentaron comprar medios de comunicación, equipos deportivos… e seguen igual. Agora están dándolle cartos a todo o mundo: a asociacións, a comunidades de montes e a non sei quen para que faga un estudo que diga o bo que é o eucalipto.

A campaña logrou tamén cambiar a postura do goberno galego? Porque Feijóo fixo un consello da Xunta en Pontevedra en maio de 2009 no que dixo “Ence non pode seguir na ría. Non imos dicir unha cousa e facer a contraria”, e de aí pasouse, tras a Lei de Costas, a dicir que se facía investimentos podía seguir.

O PP díxolle a ENCE: “Vasme facer unha depuradora -e non sei que máis- e eu garántoche que ficas aquí, pero claro, para iso tes que facer campaña por nós e repartir tres millóns de euros cada ano entre distintos colectivos”. E levan anos así: pretenden vender como proposta social o que non é máis ca un intento de compra de vontades.

Sen embargo, no último pleno sacaron un vello recorte de prensa que recollía que era vostede o que cambiara de postura. Que en 1989, cando estaba na oposición, aceptara manter a ENCE na ría a cambio de que crease máis postos de traballo. Foi así?

Pero como ía dicir eu iso? A miña postura sempre foi a mesma. Xa de mozo fun detido por colocar carteis en contra da Celulosa e pouco despois de chegar ao goberno, xa ENCE nos ofreceu 500 millóns de pesetas para investir no Concello, nas obras que quixeramos, e non aceptei. Xa lles dixen que son fillo de Pepe o Carballal e non había nada que facer.

Que quixo dicir con iso?

O meu pai non tiña un peso pero os domingos puña o traxe, baixaba dar un paseo pola vila e ninguén lle torcía a vista. A dignidade non se merca con cartos e a min non me move nin María Santísima. Viñan ver se me convencían, comprándome, e dixen que non, claro.

Aínda así, a pesar da campaña en contra de ENCE, gaña vostede elección tras elección.

No 2007 estivemos a punto de perder a alcaldía, pero é certo que nós tamén cometeramos moitos erros. No primeiro mandato manexamos moi ben os tempos e xa no primeiro mes empezamos a facer peonil o centro histórico. Pero no segundo tiñamos máis de 200 proxectos previstos e non fomos quen de sacalos adiante. Ao concello faltáballe capacidade administrativa. Por iso no seguinte mandato, a primeira decisión que tomamos foi reforzar todo o aparato central da administración municipal: contratación, intervención, asesoría xurídica… a xente non lle dá importancia a esas cousas e son as que fan que o concello funcione.

Nesas eleccións o candidato popular foi Telmo Martín, que tamén apostou publicamente polo traslado de ENCE.

Si, si. O PP, aparentemente, tiña outra posición respecto a ENCE pero xa se viu despois que foi pura demagoxia na campaña electoral. Nós, en cambio, non cambiamos de postura nunca.

Máis alá do traslado de Lourizán, cre que ENCE debe permanecer en Galiza?

Partimos da base de que en Galiza hai pinos e eucaliptos e temos sitio para unha Celulosa pero hai que buscarlle un novo emprazamento. A única forma de que se manteña a actividade económica será buscarlle outro espazo porque nós temos todo o dereito do mundo a recuperar Lourizán. ENCE só vai ter viabilidade fóra da ría de Pontevedra. Se ti queres realmente manter a actividade económica e á xente traballando, tes que buscar unha alternativa fóra de aquí.

Cre vostede entón que o que sería realmente beneficioso para garantir o futuro dos postos de traballo sería o traslado?

Claro. A solución para a plantilla sería buscar unha fábrica noutro emprazamento, cunha tecnoloxía máis actual e pechando o proceso de produción ou diversificándoo, pero noutro sitio.

Pero ENCE noutro concello galego non mudaría a política forestal.

Certo que ENCE ten moito que ver coa política forestal, pero non ten que ser ENCE quen a dirixa. Temos capacidade de produción para unha celulosa, sería posíbel manter o funcionamento da fábrica co eucalipto acoutado a determinadas zonas, pero ten que trasladarse. Que se gasten os cartos no que deben, que é o que non queren facer.

O traslado supón unha inversión millonaria. Cre que seguiría sendo rendíbel?

Calculan gastar 400 millóns aquí, o traslado serían 700 e estase falando xa da posibilidade de usar fondos Next Generation ao obxecto de garantir a actividade económica. Ademais, agora mesmo o 95 por cento da pasta que produce ENCE expórtase e transfórmase noutros países. Non se pecha o círculo, non se fai o produto final: o papel, o cartón… Mesmo existe a posibilidade, noutro emprazamento e con outra tecnoloxía, de facer un proceso totalmente distinto: unha pasta especial para o téxtil que tamén se fai con celulosa. Así que, por suposto que é viábel.

Entón, por que ese empeño da dirección da empresa?

O máis rendible para a empresa é quedar onde está e intentar cambiar a opinión pública con cartos e mentindo descaradamente, porque neses 5.000 postos dos que falan contan ata un señor que lles vendeu un eucalipto un dia. Onde están eses 5.000 postos? Aquí había seiscentos e agora están entre douscentos e trescentos, ocupados por persoas de toda a comarca, non só do Concello de Pontevedra. Logo están os do monte, os que transportan as árbores, pero as árbores van ter que trasladalas igual estea onde estea a fábrica. Ou é que non imos producir madeira se marcha ENCE? Dedicaremos a madeira a outra cousa.

E quizais con maior valor engadido?

Seguramente porque o que está logrando ENCE é producir madeira cada vez máis barata. Todo se mete para leña, non se produce madeira de calidade, non se ordena o monte, e hai unha política forestal nefasta para toda Galiza. O que non quere dicir, insisto, que non poida haber unha celulosa con crecemento acoutado nunha zona determinada. De feito xa na provincia da Coruña o están a facer un pouco mellor, con plantacións máis acoutadas, pero aquí e un desastre e cando hai un incendio arde por todos lados. É unha peste.

Sería o desexábel recuperar eses terreos para outro tipo de plantacións?

Esa é outra. Na terceira ou cuarta corta non quedan máis que cañotas na terra. Tes que gastar máis cartos do que vale o terreo en quitalas para plantar outra cousa. Os eucaliptos teñen raíces do tamaño da propia árbore. Lembro que na miña casa, de neno, había un eucalipto e xa non saía o millo. Só un millo restebeiro, pequeniño, que era o que lles dabamos ás vacas. Onde chegaba o eucalipto non crecía nada, o meu pai odiábao.

Vostede ve só vantaxes no traslado pero o persoal da firma é cada vez máis belixerante coa idea. Cre que está sendo utilizado pola empresa?

Parte do persoal está sendo utilizado, e seguindo as instrucións da empresa de montar bulla creo que están buscando paus para o lombo. ENCE sempre foi belixerante. Cando a min me levaron ao cuartelillo estaba estudando en Santiago, debía ser 1975. Daquela usaban as forzas de seguridade para perseguirme e agora son máis finos… Ou menos finos, non sei, pero utilizan todos os métodos posíbeis porque aí teñen un filón. Pensa que están buscando que lles deixen ocupar terreo público durante sesenta anos máis, e estamos a falar de corenta ou cincuenta millóns de euros anuais, ou sexa, de 2.000 ou 3.000 millóns de euros de beneficio. As súas cifras danlles ben para facer o traslado pero é máis barato estar aí.

Ademais do privilexio de ocupar terreos públicos que deberían ser de desfrute de toda a cidadanía teñen redución no canon da auga, non?

E tanto que teñen. Tiñan que pagar uns seis millóns de euros polo canon de auga pero lles condonan máis do 90 por cento. Calquera empresa paga arredor de 0,40 euros por metro cúbico de auga sen depurar, mesmo a cidadanía de Pontevedra paga 2,5 millóns. ENCE non debe chegar nin á cuarta parte desa cifra a pesar de que consume o triplo de auga que todo o resto do Concello xunto. E así claro, con todos eses cartos que aforran cada ano teñen dabondo para pagar a Colmenares e a todo o consello de administración; e para intentar comprar vontades. E iso autorízallo a Xunta! Pero a nós non nos van dobregar.