A Lama S.D toca o ceo

Fútbol A Lama

O equipo de fútbol de A Lama acaba de ascender a 1º división autonómica. Sen dúbida un enorme éxito para un pobo tan pequeno, pero que ten unha vinculación superlativa co seu club. Nós falamos co seu presidente

MARCIAL PESO PRESIDENTE DO EQUIPO

De onde es ti natural?

Eu son de Ponte Caldelas

Vaia, que sorpresa. E como un home de Ponte Caldelas chega a ser presidente do equipo de fútbol de A Lama?

Pois hai 21 anos comezou a miña relación con este equipo, inicialmente fun xogador, e como comprenderás unha relación tan intensa pois xa é irrompible

Cando accediches á presidencia?

O anterior presidente, Daniel, cansouse e propuxéronme a min, xa no ano 2.005

Xa levas 15 anos ininterrompidos na presidencia?

Pois si. E xogando estiven ata o ano 2.015

Eu coñezo moitos presidentes de equipos modestos e a práctica totalidade dinme que o cargo irremediablemente ocasiona problemas familiares, pois hai que dedicarlle tanto tempo ao club que inevitablemente descoidas a familia. No teu caso é así?

Non, no meu caso non é así. O meu traballo permíteme dispor de tempo, e no que respecta á vida persoal casei hai moi pouco tempo, en decembro do ano pasado

Ah, como quen di es recen casado, aínda non tiveches tempo de ter problemas

Ha ha ha ha ha

Levando 15 anos na presidencia, aínda mantés a ilusión?

Si, a verdade é que sigo moi ilusionado en levar a este equipo o máis alto posible, e este ano puidemos culminar o noso traballo co éxito do ascenso, e foi algo marabilloso. A pena foi que tiveramos que parar a liga pola situación sanitaria que estamos a vivir

Cando parou en que posto estabades?

Nós estivemos toda a temporada de primeiros

Como é posible que un pobo tan pequeno como A Lama teña o equipo en 1º división?

Supoño que a explicación terá que combinar razóns derivadas dun traballo previo notable tanto en calidade como en cantidade, como dalgo de fortuna que sempre ten que ver nalgúns partidos. Ás veces a diferencia entre o éxito e o fracaso é tan delgada que pode depender dun balón que entre ou que dea no poste.

Cando asumiches a presidencia en que división estabades?

En terceira. Subimos ao segundo ano e mantivémonos en segunda ata o ano 2.015 que baixamos polos arrastres. En todo este tempo sempre coa mesma filosofía de traballo consistente en montar o equipo con rapaces da nosa contorna. Volvemos subir ao ano seguinte e ata esta temporada marabillosa que acadamos o ascenso a primeira

Lembras a última vez que estivestes en primeira?

Creo que hai 32 anos

Como é a implicación da sociedade de A Lama co equipo?

Magnífica. Temos unha masa social de 650 persoas. E é practicamente imposible que a asistencia aos nosos partidos baixe de 150 persoas

Nun pobo de pouco máis de 2.000 habitantes. Que barbaridade¡¡

Algúns son de fóra, pero si, como che dixen a implicación da sociedade co noso club é sobresaínte. Incluso temos socios emigrantes

A cuestión económica como a levades?

Moi ben. Agora mesmo temos un orzamento de 42.000€ e nos últimos anos temos superávit

Que tal se porta o concello con vós?

Moi ben. A súa axuda tanto económica como loxística é realmente importante

Cantos equipos tedes?

Na actualidade un só. Nalgún momento chegamos a ter xuvenís pero hai tan poucos nenos que non é viable

Unha moza do pobo queixóuseme porque a ela encántalle o fútbol e ten que ir xogar a Ponte Caldelas. Para cando o equipo feminino?

Claro que nos gustaría telo. O problema non é a falta de vontade de montalo, que si existe. A min encantaríame ter un equipo feminino, pero por desgraza non hai nenas dabondo para montalo

Cantos xogadores temos?

A idea é termos entre 20 e 21 fichas

Mantemos ao equipo técnico?

Si, o adestrador vai iniciar a cuarta temporada con nós. Confiamos plenamente na súa capacidade e no seu traballo

Temos previsto reforzarnos para afrontar esta temporada en primeira división?

De momento fichamos xa a tres rapaces, dous xogadores de campo que veñen do Marín, e un porteiro que ven do Zacande

O obxectivo deportivo para este ano cal é?

Manternos claro, pero sen renunciar a nada. Veremos como se estruturan os grupos

Cal é o derbi que se vive con máis paixón?

Contra o Ponte Caldelas claro. Neses partidos, tanto aquí como alí pode haber 500 espectadores tranquilamente

Como foron os dous partidos o ano pasado?

O partido na nosa casa non se puido xogar, polo COVID, e alá foi enormemente emocionante gañamos no desconto

Confesa Marcial, ti sendo natural de Ponte Caldelas, cando a S.D xoga contra o Ponte Caldelas, non tes un pouco o corazón partido?

Non o teño en absoluto. Sen ningún tipo de dúbida quero que gañe a S.D

Gustaríache que o Ponte Caldelas subira a 1º con vós?

Si, si que me gustaría. Eses derbis son moi emocionantes e encantaríame que eles estiveran en 1º con nós e poder disputalos nesa división tan bonita. Agora ben, que estean en primeira si, pero por baixo nosa, tamén.

Rematamos Marcial, o fútbol modesto sen público é viable?

Non, é absolutamente inviable. Agardo que mellore pronto a situación epidémica porque no caso contrario non sei que vai pasar.