Presidente e Fundador da Escola de Fútbol Base “TERRA de Montes” de Forcarei
Xunto coa banda de gaitas, a escola de fútbol base “Terra de Montes” se cadra é o máis importante proxecto colectivo de comunidade no pobo de Forcarei. Nós falamos co seu presidente e fundador Tino Novoa
“TODA A SOCIEDADE DE FORCAREI ESTÁ MOI IMPLICADA COA ESCOLA DE FÚTBOL”
De onde es ti natural Tino?
De Forcarei.
A que te dedicas?
Teño un negocio de hostalería que ten 43 anos, un ano máis ca min. Xa era dos meus sogros. Nestes tempos de COVID atravesamos un momento complicado.
Cóntanos un pouco a túa historia
Eduqueime e estudei en Vigo. Traballei varios anos no sector do automóbil ata que a miña muller e máis eu decidimos vir atender o Paris. Dende pequeno gústame o fútbol, crieime preto de Balaídos. Son do Celta, pero penso que non é bo para Galicia que o Deportivo estea en 2ªB.
Como decidiches crear a escola?
Levaba varios xunto co meu cuñado, que é a outra base desta escola, quen levaba dende cativo no último equipo do concello de Forcarei “Sociedade Deportiva Pesqueiras”. Xa non existe tampouco dende hai 2 anos. Empecei como directivo no Pesqueiras durante 6 anos, para botar unha man. Era un equipo senior e en decembro de 2013 fundamos un equipo novo dende Forcarei, non en Pesqueiras, tamén para rapaces. No mes de decembro xa faremos 7 anos.
Cantos rapaces ten a Escola de Fútbol Base Terra de Montes?
Ao principio empezamos con 4 equipos, todos de base, despois fomos incorporando veteranos, que xa existía pero entrou dentro do paraugas da Escola, senior feminino, senior de fútbol sala. Así pois, entre os rapaces e estes 3 equipos , sobre 115 fichas. Entón temos rapaces dende 4 anos ata veteranos de 50 anos. Os nenos e nenas xogan mesturados nos equipos base. Na base temos 2 rapazas.
Onde adestrades?
No campo municipal de Forcarei. É un campo de terra. En principio a Deputación ten xa aprobado o proxecto para facer un campo de herba artificial. Polo que nos din no Concello, a idea é ter o céspede sintético antes do final deste ano.
Que vinculación observas na rapazada de Forcarei? En todo o colexio hai 90 alumnos e vos tedes máis fichas, como é posible?
A ver, porque en base, ou sexa rapaces, andarán polos 70. Tamén veñen rapaces de Cerdedo, de Beariz, concello limítrofe da provincia de Ourense, onde hai moi pouquiños rapaces pero á nosa Escola veñen 4.
Como fixestes, o teu cuñado e máis ti, para captar os rapaces?
Naquel momento, o que primeiro fixemos, antes incluso de fundar a Escola, foi un campus para ver realmente que interese podería suscitar o tema do fútbol e tamén para entrar en contacto coa xente, porque unha vez que entras en contacto aquí, que é unha vila pequena, xa se coñece o que presentas. E despois si, fomos aos colexios. Somos poucos e rapidamente coñecémonos todos. A xente respondeu con moito interese aínda que o primeiro ano, loxicamente, entramos con dúbidas. As dúbidas tamén as tiña a xente, pero pouco a pouco foise incorporando.
Cal é a cor da equipaxe?
O tema de por as cores e facer o escudo foi fácil porque comezamos polo nome. Tiñamos unha idea clara para o nome, queriamos “Terra de Montes”, que abrangue non so Forcarei senón toda a comarca : Cerdedo-Cotobade, A Estradai, Beariz, que aínda que é Ourense tamén toca.
A miña irmá é a que lle dá forma as ideas que se nos pasan pola cabeza. A camiseta é amarela, o pantalón verde e medias verdes, representa un toxo con flor, un toxo con chorima.
Que tal a relación coas alcaldesas, a anterior e a actual?
Con Belén moi boa. Ao principio xa sabes que todo o que é novo xera desconfianza, pero despois vaise vendo o proxecto. Tamén pasou cos patrocinadores. Pero conforme o proxecto se vai asentando a xente vai respondendo. Con Verónica tamén ben, desde o primeiro momento sempre estivo ao lado da Escola e botouse para adiante tamén a renovación do campo de fútbol. Certamente, non notamos o cambio, non hai queixa.
Un dos principais problemas de levar fútbol base é o do financiamento porque hai que pagar viaxes, equipaxes e material. Como levades a cuestión económica?
Temos unha cota anual para os rapaces, e o resto que é o groso, con subvencións e patrocinios. Recibimos unha subvención do Concello e outra da Deputación. As empresas tamén axudan con patrocinios. Aínda que non temos na bisbarra grandes empresas, as que hai colaboran todas. En definitiva, toda a sociedade de Forcarei se implica coa Escola.
Falemos de adestradores
Este ano contabamos con oito monitores, que tamén son todos rapaces da zona. É un traballo vocacional, o único que reciben é unha axuda para os desprazamentos e un equipamento. Aproveito a ocasión que me dá A Peneira para agradecérllelo, en nome da directiva e dos cativos que adestran.
Na directiva cantas persoas sodes?
Somos seis. A verdade é que lle dedicamos moitísimo tempo, agora mesmo quizais menos, pero canda arranca a tempada o que nos salva é que sempre somos os mesmos, coñecémonos ben, e vai andando de rutina. Pero hai cousiñas que non alcanzamos a facer. Por exemplo, quixeramos acompañar sempre os nenos nos partidos pero tamén temos que acompañar aos nosos propios fillos, e hai que repartirse. En fin, estas cousas falas porque che gustan senón sería imposible dedicarlle tanto tempo e esforzo. Fundamos esta Escola con moita ilusión pero o que desexamos é asentar este proxecto para que continúe cando xa non esteamos as persoas da actual directiva. É un proceso aberto, cada catro anos hai eleccións e pode presentarse todo aquel que queira.
Entendo que con máis de 100 fichas o futuro está asegurado, non si?
Pois é complicado, cada ano Forcarei perde poboación, decrece. Ten o problema da Galicia interior da escasa natalidade. Nós imos montando os equipos, digamos que un equipo alevín montámolo con 6 alevíns e 7 benxamíns que temos que subir de categoría. O equipo infantil tivemos que desfacelo porque todos xogaron cos cadetes, é dicir, a intención é ter o maior número de equipos pero hai que ir facendo segundo nos dá. De feito, ao principio, de catro equipos tres eran de fútbol sala porque requiren menos xogadores. Aos rapaces hai que mantelos en competición. Os equipos senior, masculino e feminino, compiten a nivel local, ou sexa, a nivel de Pontevedra.
Falemos da asistencia ao campo de fútbol
Os nenos e nenas están sempre acompañados polos pais e as nais, así que é onde máis veciños se moven. Nas categorías base hai moita paixón e intensidade.
A que se lle dá máis importancia nos equipos, aos resultados deportivos ou á formación?
Desde o principio a idea nosa foi facer unha escola porque nos gustaba o fútbol. Iso é o primeiro, e en segundo lugar, o importante era facer pobo porque os rapaces non teñen grandes ofertas de ocio en Forcarei. Ademais, na idade dos cadetes, cando comezan a marchar fóra para estudar, a Pontevedra e por aí, volven ao pobo para adestrar e xogar ao fútbol. Iso crea vínculos. Os meus propios fillos de 10 e 12 anos veñen de Pontevedra ilusionados para o pobo. Xunto coa Banda de Gaitas son as dúas organizacións que crean vínculos.