Restaurante Casa Lola 1968

Casa Lola

En Pontevedra, na avenida de Montecelo nº 23, moi cerca do hospital, encontrámonos este restaurante que pode presumir de levar máis de medio século dándolle un servizo de calidade aos veciños e veciñas de Pontevedra. Hoxe xa é a terceira xeración quen o rexenta, Daniel,un mozo de 24 anos, neto dos fundadores, que naceu nunha cociña, na cociña dos seus avós e do seu tío, cun bar pegado ao seu, vive con enorme paixón nunha cociña, e morrerá ,dentro de moitos anos, nunha cociña. El realiza o seu traballo con enorme paixón, leva traballando desde os 16 anos, e é un excepcional cociñeiro. Para nós foi un pracer conversar con el. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.

Máis de medio século facendo as delicias da veciñanza de Pontevedra.

Daniel Domínguez Gallego, propietario.

A nosa intención é que cada persoa que entre na nosa casa sinta que se lle trata exactamente igual que na súa”

Cóntanos a historia de Casa Lola?

Fundárona os meus avós paternos en 1968, e logo pasou polas mans dos meus país. Estivo aberta ininterrompidamente ata o ano 2019, logo durante uns anos non quedou outra que pechar ata que a collín eu recentemente.

Supoño que o nome co ano incluído é unha homenaxe aos fundadores?

Si, é así. Para min a miña familia é un compoñente esencial na miña vida. Grazas a eles son o que son e estou onde estou. Eles ensináronme a miña profesión, eles ensináronme a facer o traballo con amor a tratar de que o cliente que entrase na nosa casa se sentise como se estivese na súa. E o nome do local, xunto co ano no que se fundou, é unha humilde homenaxe aos meus avós que traballaron moi duro, en circunstancias difíciles, para sacar o negocio adiante.

O local naceu antes ou despois que o hospital?

Ao mesmo tempo.

Por que eses anos de paréntese?

Ben, digamos que a expropiación de Montecelo supuxo un pau moi gordo para a miña familia e unhas circunstancias moi difíciles. Pero agora retomo eu con enorme ilusión , con moitas gañas de traballar e coa intención de que o noso restaurante siga a ser unha referencia na cociña de Pontevedra.

Case se podería dicir que ti naciches nunha cociña?

Pode dicirse sen o case. Eu nacín nunha cociña e os 24 anos da miña vida desenvolvinos nun restaurante. Adoro o meu traballo e me resultaría inconcibible a vida facendo outra cousa distinta.

De feito nos anos de paréntese ti non paraches?

Non, non parei. Tiven outros dous locais pero sempre mantiven moi viva a ilusión por poder reabrir o local familiar.

Cantas persoas traballades en casa Lola?

A miña parella, o meu pai, eu e catro empregados. Somos en total 7 persoas.

Que horario tendes?

Abrimos de luns a venres de 8:00 ás 12 da noite. As fins de semana pechamos á mesma hora pero abrimos ás 11:00. De momento non pechamos ningún día.

Que tipo de servizos ofrecedes á vosa clientela?

Damos almorzos, comidas e ceas.

Nas comidas temos menú do día?

Si, temos menú do día a un prezo moi razoable:12:50€ e tamén temos carta. Podemos adaptarnos ao interese do cliente. É dicir se alguén quere facer unha comida ou unha cea dalgún produto en concreto, faise. A nosa filosofía sempre foi mesturar a calidade, o produto que se oferta nas nosas cartas é de calidade superior, e os prezos razoables. Queremos que quen veña a nosa casa teña gañas de repetir, tanto porque comeu ben como porque recibiu un trato cálido e cordial que lle fixo sentirse moi a gusto.

Ben, e eu que xa probei a túa cociña nalgunhas ocasións sei que a ti te gusta experimentar, verdade?

Si, si que me gusta, non te equivocas. No noso sector, como en todo na vida creo eu,innovar é fundamental. Ofrecer novos sabores e novas experiencias á clientela é unha forma de amosarlles o noso respecto pois tratamos sempre de buscar o mellor para eles.

Cónstame que é así, e de feito recomendo a quen non coñeza a túa cociña que trate de coñecela porque paga a pena

Moitas grazas.

Que tipo de clientela adoita vir pola vosa casa?

De todo tipo. Temos desde persoas que teñen algún familiar no hospital e teñen que comer nalgún sitio, ata xente que nos coñece por calquera outra cosa e lle gusta o servizo que lles damos e nos distingue coa súa confianza.

Recordo Dani que nun dos negocios que rexentaches nos anos de paréntese preguntárache se era o negocio da túa vida e dixérasme que non, que ías tratar de facelo o mellor posible, desde logo, pero que a túa ilusión era volver abrir “ Casa Lola 1968”.Rematamos a entrevista coa mesma pregunta: Este é o negocio da túa vida?

Agora si que che digo que si. Este é o negocio da miña vida. Por min ,por toda a miña familia que tanto loitou, polos que están e polos que xa non están e por Montecelo que tanto quero digo rotundamente que este é o negocio da miña vida. Só quixera despedirme reiterando o meu agradecemento inmenso, inmenso como o máis inmenso dos océanos, á miña familia por ensinarme e por darme todo. Teño a certeza de que cos que xa non están algún día poderei volver gozar dunha comida na súa compañía.