En Ponteareas, na rúa Paseo Matutino número 17 está Don Kebab. Este negocio rexéntao un emprendedor das Neves que hai 18 anos tivo a idea de abrir o primeiro local deste tipo na vila de Ponteareas. E nunha ocasión especial como esta, o negocio faise maior de idade, A Nova Peneira non se podía quedar sen conversar co seu propietario
Manuel Rodríguez Alonso, propietario de Don Kebab de Ponteareas.
“Traballamos só con carnes premium. No caso contrario non sería posible levar tanto tempo como levamos co Kebab”
Manuel. Queremos coñecerte un pouco?
Ben, pois eu son unha persoa da comarca, natural da parroquia de Tortoreos no concello de As Neves, levo moito tempo no sector, adoro o meu traballo e trato de facelo sempre mellor para obter a plena satisfacción do cliente.
Como e cando se inicia a túa relación coa hostalería?
Eu comecei a traballar nos cines de Ponteareas .Estaban nas galerías do parque das Pombas e eran propiedade da miña familia. Traballaba nos cines as fins de semana cando estudaba, estaba vendendo as entradas ou os flocos de millo.
En que ano pecharon os cines? lembro de vir algunha vez cando era mozo.
Os cines inauguráronse no ano 1998 e pecharon sobre o ano 2008, eu abrín o Kebab no ano 2006 .
Entón combinaches o traballar nos cines e no Kebab ao mesmo tempo?
Non, eu traballei nos cines mentres estudaba, cando rematei de estudar estiven traballando nunha oficina tres anos, nunhas vacacións fixen unha viaxe a Inglaterra e foi neste país cando probei os Kebabs e gustáronme moitísimo.
En que ano foi isto?
Polo 2004. Despois de rematar as vacacións volvín ao meu traballo na oficina e, nas seguintes vacacións fun a Francia, alí vivía a miña tía xusto no centro de París. Casualidade que debaixo da súa casa había un local de Kebab e volvín comelos, a sensación foi a mesma, pensei que estaba boísima esa comida e decidín que tiña que facer algo. En Ponteareas non había nada deste tipo de comida e como na parte de arriba dos cines tiñamos un espazo baleiro, decidín abrir no emprazamento dos cines o meu primeiro local de Kebab.
Lémbraste da data?
Si claro. Lémbroa con moito cariño, foi o 9 de agosto do ano 2006 na Rúa das Pombas, aí abrín o primeiro local de kebab de Ponteareas.
Canto tempo estiveches con ese local?
Entre cinco ou seis anos.
Como foi a acollida da xente de Ponteareas deste local pioneiro na vila?
Tiven moi boa acollida. Lembro como os primeiros días había colas para poder probar a comida.
Estabas ti só?
Non, estaba miña irmá comigo.
Como aprendiches a facer os Kebabs?
Cando comecei a interesarme por este tipo de comida busquei información e fomos a Valladolid un par de semanas, a unha empresa que eran provedores desta maquinaria e rexentaban tamén un local de kebabs na cidade. Alí ensináronnos como cociñala e comprámoslle a maquinaria, a carne e todo o necesario para comezar co local aquí en Ponteareas.
Descríbeme o kebab e como se fai.
O Kebab é unha comida típica turca. Elabórase cunha combinación de carnes, antigamente levaba año, agora faise con carne de pito, tenreira e pavo. O que non pode levar é porco nin alcohol, os musulmáns non comen porco e a carne ten que ser halal. O rito do halal é o procedente dun animal sacrificado segundo os preceptos prescritos no corán e orientado cara a Meca no momento da matanza.
E como fas para conseguir a carne halal aquí en Galiza?
Os que me venden a carne teñen o certificado halal e teñen os matadoiros orientados cara a Meca.
De onde son estes provedores?
Son da Coruña e traballamos sempre con carnes premium. De feito levamos 18 anos neste sector pola calidade da nosa carne, senón non sería posible. Temos que ter calidade e ser constantes.
Cando mudaches o local ao Paseo Matutino?
Foi no ano 2012.
Cal foi o motivo do cambio?
Pois como pecharon os cines e tiña que deixar aquel local decidín virme para esta zona que é onde están os locais de ocio para ter máis transito de público.
Que tipo de clientela tes ti no local, xente moza, maior, público máis familiar?
Ven xente de toas as idades pero a maioría é xente nova.
Os prezos son populares e para todos os petos, por canto diñeiro se pode comer no local?
Por pouco máis de sete euros podes comer un menú que leva Kebab, patacas e refresco.
Cantas variedades que kebab tedes?
Hai tres tipos, Döner, Durum e Lahmacun.
O Döner e con pan tipo hamburguesa. O Durum é como un pan de filloa enrolada, e o Lahmacu é un pizza turca que vai enrolado como o Durum pero na base leva carne picada, pemento, aceite de oliva e especies. Normalmente todos os Kebabs teñen estes tipos de pratos.
Este ano fixestes 18 anos, este é o negocio da túa vida, tes penado xubilarte aquí?
Non creo, teño expectativas de botar aquí un par de anos máis e logo cambiar.
En que sector, queres seguir na hostalería?
Non, eu estudei finanzas e quero facer algo por esa rama.
Estás cansado da hostalería ou es unha persoa inquieta?
Non é que estea cansado da hostalería pero penso que todo ten un ciclo, e este quero rematalo para pasar a outra cousa. Espero chegar ás dúas décadas e logo a ver que pasa.
Cantos kebabs hai agora en Ponteareas?
Agora somos dous locais, os dous traballamos ben. Aproveito a oportunidade para agradecer profundamente desde o máis íntimo de min, a confianza de tantos clientes e clientas que ao longo destes anos me distinguiron coa súa compañía. Sen eles, estes 18 anos serían imposibles