Depurando responsabilidades sobre a contaminación do Tea

Depurando responsabilidades sobre a contaminación do Tea
Alma López Figueiras

O río, que forma parte da Rede Natura 2000, sufre as consecuencias da ineficiente depuración de augas residuais na EDAR de Mondariz Balneario, construída hai 17 anos coa esperanza de reducir as verteduras contaminantes tamén en Mondariz para mellorar a calidade medioambiental. As relacións de cooperación entre os dous concellos, cada vez máis tensas.

Nos anos noventa do século pasado, cando desde a asociación ecoloxista Adenco comezaban a denunciar activamente as verteduras contaminantes sobre o río Tea en Ponteareas, “Mondariz Balneario, malia ter unha decantadora precaria, era unha abandeirada da depuración”. Así lembra desde Mondariz Xosé Barcia, un histórico militante do movemento ecoloxista na comarca do Condado, aqueles anos previos á construción dunha moderna Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) no Paseo de Troncoso da Moi Hospitalaria Vila. Corría o ano 2005 e, ao tempo que se inauguraba a reconstrución do Gran Hotel de Mondariz, traballábase na posta en marcha dunha nova instalación con capacidade técnica para dar servizo a unha poboación equivalente de 6.000 habitantes. As expectativas sobre a posibilidade de reducir drasticamente as verteduras contaminantes sobre o río Tea –principalmente en Mondariz, onde se ubica a planta embotelladora de Aguas de Mondariz– eran altas, mais pasaron case dúas décadas e a situación non mudou demasiado.

“Sendo un concello tan pequeno, cando Mondariz Balneario solicita infraestruturas como unha depuradora ou unha gardería no seu territorio tira da poboación do veciño Mondariz como xustificación”, reflexiona Barcia, que foi concelleiro do BNG na Corporación Municipal de Mondariz antes de que Augas de Galicia financiase a construción da EDAR con fondos europeos. En base a esta xustificación, ese ano 2005 os dous concellos asinaron un convenio de colaboración para o sostemento conxunto dos servizos de depuración, gardería e punto limpo, localizados os tres en territorio de Mondariz Balneario. A depuración, con todo, atopouse con limitacións substanciais no volume de verteduras autorizado que afectaron principalmente ao Concello de Mondariz e acenderon a mecha dun conflito aínda non resolto que foi pasando polas mans de tres alcaldes de tres partidos distintos ao longo de 17 anos, demostrando que a falta de entendemento nesta cuestión ía máis alá da ideoloxía.

Desde o comezo do seu mandato, o actual Goberno municipal de Mondariz mostrou unha gran preocupación pola situación da EDAR de Mondariz e a falta de conexión da rede de saneamento da localidade a través do colector xeral de augas residuais construído á beira do Tea en 2015 e que nunca se chegou a utilizar. “A EDAR de Mondariz Balneario está funcionando cunha autorización de verteduras para unha poboación equivalente de 2.500 habitantes (apenas 500 habitantes de Mondariz), o cal indica que está infrautilizada”, sinala Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

Excesivas infiltracións de augas limpas

Detrás da resistencia de Mondariz Balneario a permitir máis verteduras de Mondariz hai unha explicación obxectiva: malia estar operando ao 41,5% da súa capacidade técnica, a EDAR verte o triple do caudal autorizado. Segundo os cálculos de Mauro Chivite, que é concelleiro do BNG de Mondariz Balneario y fiscaliza o funcionamento da depuración desde a oposición, as verteduras rexistradas na EDAR representan máis de mil litros por persoa e día, cando a media no Estado español é de 220 libros por persoa e día. “É evidente que existe un desfasamento, derivado das infiltracións de pluviais na rede de saneamento”, comenta. A propia Augas de Galicia, nos seus informes periódicos, ten recomendado a realización dunha campaña de inspección nas redes de saneamento para determinar os puntos de maior infiltración de augas limpas e tomar as medidas adecuadas.

O Concello de Mondariz Balneario, que durante moito tempo estivo de costas a este problema e apuntaba a Mondariz como principal responsable das infiltracións, como critican desde o concello veciño, recoñece actualmente a situación e mesmo ten contratado a unha empresa externa para elaborar un estudo. Con todo, asume que reducir a entrada de augas limpas na rede de saneamento é complicado e lento. Aínda que se reducise a entrada de augas limpas, “habería que considerar máis variables antes de permitir un aumento de verteduras de augas residuais” de Mondariz, comentan desde a oficina técnica de Secretaría-Intervención de Mondariz Balneario. “Os sistemas de depuración nunca son eficientes ao 100%, e a EDAR está ao límite”, argumentan.

Mondariz intensifica a presión

En Mondariz, onde esta limitación de acceso á EDAR de Mondariz Balneario afecta directamente ao saneamento municipal, demandan desde hai tempo unha solución e critican a falta de vontade política do alcalde do concello veciño para resolver un problema que principalmente é medioambiental e, como tal, non entende de fronteiras político-administrativas. Así e todo, admiten que é unha cuestión máis complexa do que parece. “Somos conscientes de que a EDAR de Mondariz Balneario non pode dar servizo a todos os habitantes de Mondariz” aínda que opere algún día ao 100% da súa capacidade técnica, pero si “consideramos fundamental chegar a enganchar o colector xeral”, que representa as verteduras duns 2.000 habitantes de Mondariz, Cernadela (Riofrío) e Frades, explica Barros.

As infraestruturas que utiliza Mondariz para depurar este volume de verteduras hai anos que están saturadas e non responden ás necesidades de saneamento da vila. As verteduras contaminantes ao río, ademais de danar a calidade medioambiental dunha contorna con gran valor ecolóxico e interese turístico, implican sancións recorrentes por parte de CHMS que repercuten a nivel económico e financieiro.

No seu empeño por solucionar o problema de acceso á EDAR, o Goberno municipal de Mondariz ten tomado distancia respecto dos enfoques anteriores e traballa desde varios puntos de vista para presionar a Mondariz Balneario. Un deles é ter en conta as institucións supramunicipais, como a CHMS. Actualmente, por exemplo, está en proceso de legalizar o colector xeral de augas residuais que se construíra en 2015, como obra de urxencia tras unha vertedura altamente tóxica que tivera lugar meses atrás, e que unha vez feito non obtivera a autorización necesaria da CHMS para poder operar e chegar a conectar coa EDAR.

“Ata agora, ningún Goberno municipal fixera os trámites necesarios para legalizar esta infraestrutura”, advirte Barros, crítico coa xestión política deste problema de saneamento durante os mandatos anteriores do PP e Alternativa por Mondariz. A teor dos escritos de CHMS recibidos no contexto deste proceso, o concelleiro de medio ambiente, Leopoldo Tato, interpreta con optimismo o posicionamento desta institución, que relaciona a legalización do colector coa autorización de verteduras e menciona o programa de redución da contaminación aprobado hai uns anos e que aínda non foi debidamente executado. “Abre a porta a una posible solución do problema”, comenta.

A última palabra, en todo caso, a ten o Concello de Mondariz Balneario, responsable de autorizar ou non as verteduras que solicita Mondariz. Preguntado sobre as reclamacións do concello veciño, José Antonio Lorenzo, que o próximo ano cumprirá 40 anos como alcalde de Mondariz Balneario, reivindica o carácter municipal da EDAR e non entende a atención mediática que suscita este asunto. A pesar de manifestar que o concello ten interese en colaborar, desde a oficina técnica de Secretaría-Intervención corroboran o enfoque do alcalde: “A depuradora é de Mondariz Balneario, non é compartida”. E suliñan: “Mondariz Balneario non lle pode resolver o problema de depuración a Mondariz”.

Denuncias de opacidade nas contas

En relación ao servizo de depuración, outra das frontes abertas nos últimos anos entre os concellos de Mondariz e Mondariz Balneario sitúase no terreo económico e financieiro. O Goberno municipal de Mondariz, malia incluír unha partida relacionada con este gasto no seu plan orzamentario, resístese a pagar as liquidacións que lle envía Mondariz Balneario polo servizo sen antes aclarar certos datos. “Enviamos ata tres requerimentos de información a Mondariz Balneario para solicitarlle datos que poidan xustificar a aportación económica que lle exixe a Mondariz, pero non tivemos resposta”, explica Xosé Emilio Barros. “Temos vontade de pagar, pero non a cegas”.

A contía acumulada desde 2019 ascendía a 138.247,47 € a principios deste ano e foi denunciada publicamente pola oposición que lidera Alternativa por Mondariz, partidario de saldar as contas co concello veciño antes de buscar unha negociación, como xa fixera durante o mandato de Xoan Carlos Montes, pagándolle a Mondariz Balneario unha suma acumulada durante o mandato precedente de Julio Alén, sen acadar avances significativos na resolución do problema, como advirten desde o actual Goberno municipal de coalición. Este, pola contra, non entende este pago pendente de realizar como unha débeda, senón como “o resultado de cuestionar unhas cantidades que se reclaman e non se xustifican debidamente, que non é o mesmo”, indica Barros.

Mondariz Balneario, malia non aclarar datos relevantes como o custo da depuración que se realiza na EDAR, móstrase indignado coa estratexia política de fiscalización adoptada no concello veciño. Con todo, non o toman como un caso extraordinario nas relacións intermunicipais. “Mondariz sempre tarda en pagar”, afirman desde a oficina técnica de Secretaría-Intervención, estendendo a crítica a outros servizos sostidos conxuntamente conforme ao convenio de colaboración, como a gardería.

Respecto do custo da depuración, que para Mondariz é un dato fundamental para avaliar a rendabilidade do servizo, o propio Concello de Mondariz Balneario recoñece que é difícil sabelo porque a empresa concesionaria, Espina y Delfín, leva a xestión tanto da depuración como da traída de auga. “Hai bastante escurantismo”, sinalan desde o BNG de Mondariz Balneario, sen descartar a posibilidade de que a empresa saque proveito do contexto de depuración natural por dilución que xorde da excesiva e descontrolada infiltración de augas limpas na rede de saneamento. “A depuradora non está funcionando, non necesitan aplicar o tratamento químico para depurar”, argumentan desde a oposición.

O que máis preocupa aos que demandan un maior control das infiltracións de augas limpas na rede de saneamento para reducir o caudal de verteduras da EDAR de Mondariz Balneario e permitir que Mondariz enganche o seu colector xeral de augas residuais é a calidade medioambiental do río Tea. O problema é complexo, mais tanto desde Mondariz como desde Mondariz Balneario apuntan á figura política de José Antonio Lorenzo. “Considera que o problema é de Mondariz, non o sinte como propio a pesar de que a merda que se verte río arriba chéganos a nós”, sinala Mauro Chivite deste a oposición nacionalista. O persoal técnico do propio concello admite que existe un ofuscamento que dificulta a comunicación e as relacións de colaboración con Mondariz para atopar unha solución coordinada.

As candidaturas para as eleccións municipais do próximo ano aínda non están confirmadas, mais a depuración e as tensas relacións de colaboración entre os dous concellos de seguro estarán presentes no debate de precampaña.