En Ponteareas o goberno do BNG , primeiro con Pepe Represas na alcaldía e agora con Cristina Fernández como alcaldesa da localidade, está a desenvolver un moi ambicioso plan de transformación dos espazos urbanos co obxectivo de facer da vila un espazo máis amable, humano e no que o benestar das persoas sexa o eixo central sobre o que pivote a acción de goberno. Esta localidade estivo máis anos dos que podo recordar sufrindo o desgoberno nepotista, caciquil e inútil da dereita máis rancia que un se pode imaxinar. E é esta mesma dereita, vernizada por fóra pero idéntica por dentro, a que reaccionou con extraordinaria virulencia cando por fin alguén emprende , con honestidade, un proxecto ambicioso en beneficio do ben común. Nun primeiro momento , como en calquera cambio de certa dimensión, existía certo malestar nas rúas, que , agora, unha vez que se comeza a ver os resultados e o bonita , funcional e humana que está a quedar Ponteareas estase transformando en ilusión amosando que o camiño de transformación que o goberno nacionalista está a desenvolver , unido á defensa firme dos servizos que Ponteareas precisa, xa non ten volta atrás.
“Nas rúas noto unha percepción moi positiva sobre a nosa acción de goberno e estou inmensamente agradecida ao conxunto da veciñanza”
Chámame a atención esta remodelación profunda que estades a facer aquí no edificio do concello. Explícame, en que consiste?
En ter un edificio moderno, á altura de Ponteareas, e que estea preparado para que os e as veciñas poidan resolver con axilidade e dilixencia ás súas necesidades .
Tedes previsto que dure moito tempo esta situación?
Non, as obras internas neste ano teñen que quedar terminadas, menos a segunda fase, que é a remodelación do tellado.
Falemos agora do cambio tan profundo que hai no centro urbano de Ponteareas. Estades a facer grandes humanizacións e remodelacións, en principio o que percibía eu pola rúa era que había grandes doses de malestar en amplos segmentos da cidadanía. Explícanos a filosofía e a motivación de todos estes cambios.
A filosofía non é querer parecernos á cidade de Pontevedra, témolo máis fácil que eles e por iso estamos a ir máis rápido.
En Ponteareas temos un sistema de mobilidade circular nas nosas rúas, viñamos dunha situación moi precaria con respecto a urbanismo onde primaba que os edificios tivesen o maior espazo posible, onde non entraban as zonas verdes. Queremos cambiar esta tendencia e por iso o cambio é moi drástico. Viñamos dun 80% de ocupación dos vehículos no espazo público. Agora é ao contrario, entre un 75-80% do espazo utilízano as persoas e o 20-25% restante queda para os vehículos, garantindo sempre o uso dos garaxes e que algún servizo que se teña que desempeñar en vehículo como servizos médicos, de paquetería ou mercadorías, poidan facelo ata o propio portal ou negocio, antes isto non era así.
En que fase están estas obras ou remodelacións?
Temos executada a humanización da Praza do Bugallal, está a Rúa San Roque, a primeira fase do Paseo Matutino e a Rúa Redondela.
Agora, a través da Rede Ágora da Deputación temos un proxecto no que se humanizan 7 rúas que desembocan na Praza do Bugallal.
Quedou demostrado despois destas humanizacións que se revalorizaron os espazos, que os baixos comerciais teñen máis movemento e propietarios de edificios e vivendas antigas animáronse a rehabilitalas adecuándoas á nova contorna.
Este tipo de cambios inicialmente sempre son mal levados pola cidadanía. Lembro as obras da humanización da Praza da Independencia ou do Calvario en Vigo, ao principio ningún veciño nin veciña quería estas rúas peonís e agora, anos despois, parece impensable volver á situación anterior, a xente non o aceptaría de ningunha maneira. Entendes que isto é unha situación análoga que se pode dar aquí en Ponteareas?
Totalmente. Non existe ningunha cidade, nin grande nin pequena, na que se deran este tipo de situacións, que retornara á situación anterior. É imposible. A cidadanía ocupa estes espazos públicos e nunca máis vai querer facer outra cousa.
Que pasou coa voceira do PP no pleno de xullo que a expulsaches?
Explicitamente estábame cortando, non me deixaba intervir e estábame chamando mentireira. Amoesteina tres veces e como non desistía na súa actitude tivo que ser expulsada.
Como valoras a oposición que fan o PP e ACIP?
Eles fan unha oposición que moitas veces o único que poñen son atrancos para a veciñanza.
Por exemplo?
No mandato pasado expúxose un proxecto moi interesante que saía practicamente gratis ao concello, era a Rede de Calor, moito máis ampla da que se está expondo agora. Eles non permitiron que saíse adiante.
Neste Pleno de xullo, onde expulsastes a Belén, o PP presentou unha moción ou pregunta referente a unhas persoas que viven na rúa. En que situación están estas persoas?
Están atendidas polos servizos sociais desde o primeiro día.
Tamén hai polémica coas traballadoras do SAD, ata se manifestaron. Como está este tema?
Non temos polémica con elas, estamos totalmente de acordo con estas traballadoras. Temos un contrato cunha empresa que desempeña o servizo a domicilio para as persoas con dependencia. É esta empresa privada a que non está a cumprir coas súas traballadoras e ten un expediente aberto.
As traballadoras demandan que se lles pague a nivel de convenio e que a empresa sufrague os gastos que lles produce os desprazamentos aos domicilios para poder atender a esta xente con dependencia.
Cóntame como está a situación do auditorio?
Estamos a licitar a primeira fase dos arranxos do mesmo. Está nunha situación moi precaria desde o momento en que se fixo, que xa tiña problemas de filtración de auga. Nos anos 2010, 2011 xa houbo unha reparación e esta obra foi mal executada. Cando o PP, partido que levou a cabo esta reforma, reclamouna xa estaba fóra de prazo. No ano 2020 houbo que pechalo porque viña o falso teito abaixo. É un proxecto de obra moi difícil e non hai unha solución definitiva para o edificio.
As augas da Freixa estiveron contaminadas este verán?
Nunca. O que hai é unha capa de residuos vexetais que non son contaminantes.
Entón, o que dixo o PP nas súas redes sociais de que a augas estaban contaminadas é mentira?
Totalmente mentira. Mesmo o BNG fixo, a través das súas redes sociais, un anuncio sobre ese bulo que estaba a circular
Este foi o primeiro verán post-pandémico. Estás satisfeita do resultado das festas do verán?
Si, saíu todo moi ben e, ademais, notamos que a veciñanza ten ganas de festa. Tentamos volver á normalidade e manter aquelas tradicións e festas que non se puideron celebrar nestes dous últimos anos.
E o Corpus, que tal foi?
Foi moi ben, cunha afluencia de xente moi elevada, como de antes da pandemia. Houbo milleiros de persoas en Ponteareas e con moi bo ambiente de festa. Aloxamentos cheos e os negocios a lume de biqueira.
Unha festa da que ne falaron marabillas e teño gañas de coñecer e a Festa é á do Pemento de Guláns, esta variedade de pemento, é autóctona da zona, non?
De Guláns si, e dalgunha zona de Nogueira e Cristiñade tamén, pero son os veciños e veciñas de Guláns os que están a tentar manter e recuperar esa tradición de cultivo. Esta é unha festa que temos que potenciar.
Como é este pemento, estilo ao de padrón?
Non, este é un pemento moi grande e carnoso, está entre os 250 G e o medio quilo.
Despois de case 3 anos desempeñando o cargo de alcaldesa. Como te atopas de moral?
Con moita ilusión, forza e ganas de seguir facendo proxectos que resalten a importancia da nosa vila e a nosa economía.
Que percepción notas nas rúas sobre o teu traballo?
Alguén me dixo hai tempo que a importancia dun alcalde ou alcaldesa mídese en cando sae á rúa e en como a saúdan os seus veciños e veciñas. Podo dicir que lle estou moi agradecida á veciñanza, sempre se achegan a min a saudarme cun sorriso e fanme consultas.
Entendo que vas ser a candidata ao BNG nas próximas eleccións do 2023, non?
Teremos en outubro unha Asemblea e aí decidirase o candidato ou candidata.
Pero a túa vontade é seguir?
Si, si conto co apoio do Consello local e dos e das militantes do BNG local a miña vontade é continuar con este marabilloso proxecto de transformación de Ponteareas que iniciou o noso querido Pepe Represaas
Que tal están as relacións cos teus socios de Goberno do PSOE?
Son relacións moi boas desde o principio. Encaixamos ben tanto a nivel persoal como profesional.
E cales son as perspectivas realistas de resultados?
Polo menos revalidar o que temos e avanzar un pouquiño máis, para isto quero loitar e traballar.