O Concello de Tui recibe a medalla de ouro ‘Praias sen fume’

O Concello de Tui recibe a medalla de ouro ‘Praias sen fume’

O galardón aos areeiros fluviais tudenses foi recollido por Ismael Diz, concelleiro de Medio Ambiente

Tui. Xoves, 15 de setembro de 2022.

O Concello de Tui recibiu a medalla de ouro de praias sen fume ao contar coa totalidade dos seus areeiros libres de tabaco.

O pasado venres tivo lugar en Baiona o acto de entrega destas distincións, onde o concelleiro de Medio Ambiente, Ismael Diz, recibiu o diploma acreditativo de mans do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

En concreto no Concello de Tui son as praias de Areeiros, en Guillarei, e do Penedo, en Caldelas, as que forman parte da Rede Galega de Praias sen Fume. Este programa ten un fin educativo, de promoción da saúde e de protección do medio ambiente, sendo o seu cumprimento voluntario. Deste xeito, busca promocionar unha vida sen tabaco e desnormalizar o seu consumo na sociedade mediante a promoción turística dunhas praias nas que tamén se respecte e coide o medio ambiente.

Ismael Diz, concelleiro de Medio Ambiente, amosou a satisfacción que supón este distintivo para Tui ao verse incluído nun selecto grupo de 214 areais en 80 concellos. Diz fixo unha valoración ‘moi positiva’ dun proxecto que o goberno local vén desenvolvendo dende a pasado mandato. Agora recolle os seus froitos “continuando con constancia e coa aposta pola saúde e por facer máis inclusivas para todos as praias de Tui”.

Pertencer a esta rede compromete aos concellos a colocar toda a sinaléctica e materiais de difusión que recoñecen a estes espazos libre de fume. Tamén implica desenvolver actividades e accións encamiñadas a lograr unha sociedade libre de tabaco.