A maxia da Galicia interior

Cocello da Lama
G.Figueiredo

Galicia é un fermoso país tal como describía Castelao na súa inmortal “Alba de Gloria” :”desde as chairas de Lugo inzadas de bidueiros até as rías de Pontevedra, cheas de piñeirais”. Tamén o interior da nación galega ofrece paraxes máxicas, de beleza superlativa, nas que é posible sentir o acougo do aloumiño lene das fragas limpas e dos ríos inmortais que dan vida ás verdes chairas como o sangue nos dá a vida a nós mesmos. Na seguinte reportaxe ofrecémoslle unha visión dos principais atractivos de dous dos concellos interiores de Galicia de grande beleza: A Lama e Ponte Caldelas.

G.Figueiredo

Principais atractivos turísticos do Concello de Ponte Caldelas

Fonte fotos: Web concello Ponte Caldelas 

O primeiro que vou facer e contarvos un pouco de historia de Ponte Caldelas, unha fermosa vila do interior de Pontevedra. O Concello recibiu o seu nome seguramente da antiga ponte sobre o río Verdugo e das súas augas termais sulfuroso-sódicas. 

Así mesmo na Guerra da Independencia o mariscal Soult foi derrotado nas inmediacións de Ponte Caldelas ao pasar cun exército de 20.000 homes, e dende entón agregouse ao escudo deste Concello, que formaba a ponte sarmentado, unha cruz en honra das vítimas desta batalla, librada na ponte que lle da nome en 1809.

A vila foi patrimonio da catedral de Santiago de Compostela, dándolle Gelmírez privilexios e franquías. Conta a tradición que a famosa raíña Lupa que perseguiu aos discípulos do Apóstolo Santiago foi natural desta vila ou residiu nela, o que se puido constatar é que en 1.126 o rei Alfonso VII lle concedeu o título de La Muy Leal. Posteriormente no século XIX recibiu o tratamento de Vila.

No 1822 pasou a formar parte da nova provincia de Vigo e en 1833, finalmente, á de Pontevedra e conta con nove parroquias: Anceu, Barbudo, Caritel, Forzáns, Insua, Ponte Caldelas, Taboadelo, Tourón é Xustáns.

Dunha destas parroquias, a de Tourón, á quizais a máis destacable tanto pola súa historia, arqueoloxía e monumentos.

Área arqueolóxica do Tourón:

 Os “monumentos” ós que lles vamos a prestar atención son os PETROGLIFOS de Tourón.

A riqueza e variedade de motivos representados en “Outeiro das Sombriñas” constitúen un dos mellores exemplos da súa arte rupestre.

Como sucede noutros municipios galegos, no Concello de Ponte Caldelas destaca desde o punto de vista monumental as construcións de carácter relixioso.

Así podemos mencionar a románica igrexa parroquial de Tourón, de finais do século XII que conserva deste arte a fachada e o arco do presbiterio. Nunha fachada lateral existe un escudo dos Pazos de Proben.

A igrexa parroquial de Santa Eulalia de Ponte Caldelas destaca polo seu retablo pétreo obra do mestre D. Manuel González, autor tamén da fonte que se encontra na “Plazuela del Obispo” no centro da vila e do Calvario de Barbudo.

Así mesmo, tamén destacan as igrexas da Insua, aberta ao val cun Vía Crucis de pedra arredor do adro e da igrexa de Xustáns (conxunto de igrexa e cemiterio con outro interesante cruceiro).

En canto ás capelas, estas aparte de formar parte do patrimonio monumental faino tamén no natural, pois todas gozan dunha contorna e unha vistas inmellorables.

Capela de Casteliño ao Sagrado Corazón de Xesús. Dende ela pódese divisar unha ampla panorámica que mesmo chega á ría de Pontevedra. A suba a ese monte faise seguindo un vía crucis de pedra, existindo unha lenda sobre unha pisada de cabalo do apóstolo Santiago nunha pedra das inmediacións.

Capela de San Vicente de Parada. Situada nun marco extraordinario pola súa beleza natural e a proximidade dun río. Conta con restos dun sepulcro antropomorfo e todos os anos se celebra unha tradicional romaxe na súa honra e que congrega gran cantidade de devotos.

Capela de Santa Comba de Rebordelo. Noutra bonita paraxe e famosa pola multitudinaria romaxe que se celebra na súa honra.

Capela de Cristo Rei en Xustáns. Dende onde se divisa unha extraordinaria panorámica, existindo non moi lonxe dos petróglifos cuadrúpedes.

A riqueza monumental deste municipio complétase con innumerables cruceiros e petos de ánimas e varios pazos entre os que destacan o pazo do Pombal en Tourón, fundado en 1.688 por D. Pedro de Pazos Proben, e outro pazo tamén en Tourón que se corresponde coa antiga Casa dá Inquisición, ambos os dous hoxe de propiedade privada.

Non podemos deixar de falar das súas festas e romarías, e, como non, da súa coñecida e internacional “Festa da Troita”.

Esta festa celébrase o último domingo do mes de maio e é a máis popular de Ponte Caldelas. Naceu no ano 1.967. Así celébrase a última fin de semana do mes de maio e, xunto coas diversas celebracións lúdico-festivas, lévase a cabo un Concurso de Pesca Internacional na modalidade de salmónidos.

A súa historia: No ano 1.967, o último domingo do mes de maio, botaba a andar a “Festa da Troita” de Ponte Caldelas, destacando a gastronomía e o Concurso Internacional de Pesca modalidade de salmónidos. A festa nace pola iniciativa dun grupo de amigos afeccionados á pesca (Rafael López, Luis Blanco, Enrique Puga e Luciano Martínez, alcalde daquela época), vendo que había gran afluencia de troitas nos ríos que atravesan el termo municipal, ao mesmo tempo que promocionaban a vila.

Un denominador común de todas e cada unha das edicións da festa é a celebración do Concurso Internacional de Pesca que é coñecido polos afeccionados a este deporte de toda Galicia e incluso Portugal, e que en consecuencia aglutina a grande cantidade de pescadores que agardan cada ano tan ansiada cita.

Agora imos falar da contorna natural e paisaxística da vila. Aquí podemos destacar as súas praias fluviais e rutas de sendeirismo, vouvos a nomear as máis importantes:

A praia fluvial de A Calzada

Esta fermosa praia fluvial logrou a primeira bandeira azul dunha zona de baño destas características en España, segundo o fallo feito público polo xurado internacional que outorga estes galardóns para a asociación de educación ambiental e do consumidor (ADEAC).

Este distintivo ven a corroborar que Ponte Caldelas goza dunha calidade excelente desde o punto de vista ambiental, sanitario, turístico e recreativo.

A praia atópase situada ao final do paseo fluvial da calzada e conta con aparcamento e lugares para o goce da natureza. É tamén zona habitual de pesca deportiva e nela opera durante o período estival un bar-chiringuito con aseos que atende as demandas do público que utiliza nos días de bo tempo este enclave turístico e de descanso de primeira orde.

Nos días de bo tempo, a praia da calzada dispón de superficie arbórea e con herba, para favorecer o descanso do visitante, e de zona asollada, para os amantes do bronceado, ofrece todo tipo de posibilidades para practicar o turismo familiar e o goce harmónico da natureza.

Rutas de senderismo:

O camiño real ou ruta dos arrieiros:

Comeza na parroquia de Forzáns e remata na parroquia de Marcón en Pontevedra. Ten un lonxitude de ruta lineal de 18 km. Pode realizarse tanto a pé, como a cabalo ou en bicicleta. Faise nunhas 5 horas e media a pé, 5 horas a cabalo e catro e media en caso de facelo en bicicleta. É de dificultade baixa, aínda que debe terse en conta que unha parte importante do trazado discorre por asfalto.

Ruta das almiñas e foso do lobo:

O percorrido comeza na Igrexa de Caritel e remata no mesmo punto. É unha ruta circular de 10.820 metros. O percorrido faise a pé nunhas 3 horas e 20 minutos. A súa dificultade é media.

Tamén está o Sendeiro de Valgada de San Vicente, o Alto de Ciradellas e o Sendeiro Azul do Rio Verdugo.

A beleza natural da paisaxe de Ponte Caldelas destaca, sobre todo, polo contorno do río Verdugo que atravesa a vila e o municipio cun mesto arboredo nas súas marxes e que ao seu paso pola vila se remansa coas súas augas cristalinas.

Hai que sinalar, ao longo da canle, distintos lugares especialmente característicos como son os pasos da Fraga e a praia fluvial da Calzada, moi concorrida por bañistas e visitantes no verán.

“OS PASOS” son empregados para vadear o río, no camiño antigo Ponte Caldelas – A Lama. Chégase saíndo de Ponte Caldelas, dirección a A Cañiza, antes de Caritel hai un desvío á esquerda a “As Fragas” (de abaixo), un camiño que conduce ao “coto de Pesca” leva a “Os Pasos”. No contorno podemos contemplar varios muíños, un deles incluso con vivenda na planta superior, seguindo o camiño a Lama, petos de ánimas, e unha impresionante paisaxe dominada polo río.

Este último ano e medio non foi como todos quixéramos. Pillounos unha pandemia mundial que nos recluíu nas nosas casas, tivemos que suspender tódalas festas, romarías, concursos e eventos socias dos que os galegos e galegas somos grandes amantes. Aínda que este ano tamén está cheo de restricións, esperemos que para este verán esteamos unha grande parte da poboación adulta vacinada e podamos volver a gozar de todos estes eventos sociais que tanto botamos de menos.

Os principais atractivios turísticos do Concello de A Lama

Fonte fotos: Web Concello de A Lama

O concello da Lama é un dos máis altos da provincia de Pontevedra situado no Noroeste da provincia. Ten un carácter eminentemente rural, con moitos espazos naturais de extraordinaria beleza que o converten nun lugar propicio para que os que queiran visitalo pasen un día en plena natureza percorrendo montañas, vales, ríos, carballeiras ó gozando das posibilidades e actividades que ofrece o turismo rural.

A Lama está situado no interior da provincia de Pontevedra, ao leste, lindando coa provincia de Ourense e cos concellos de Beariz e Avión, Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas, Forcarei e Fornelos de Montes. Cunha extensión de 111,76 Km2, a distancia desde o centro do municipio á capital da provincia é de 24 Km., e a Vigo de 42 Km.

Conta con 92 entidades de poboación dispersas en 111,76 quilómetros cadrados, nos que residen aproximadamente 2445 habitantes, distribuídos nun total de dez parroquias: Antas, A Barcia do Seixo, Covelo, Escuadra, Gaxate, A Lama, Seixido, Verducido, Xende e Xesta. No antigo réxime esta zona xeográfica pertencía ás provincias de Santiago e de Tui, respectivamente, dentro das xurisdicións de Caldevergazo, con señorío do arcebispo de Santiago e de Soutomaior, e con señorío do duque de Soutomaior.

Imos comezar falando da arquitectura relixiosa de todas estas parroquias. A Lama conta con fermosas igrexas parroquiais na Lama, Antas, Barcia do Seixo, Covelo, Gaxate, Seixido, Xende, Xesta e Verducido. Ermidas como a de San Lorenzo, Peso na Escuadra ou a dos Prados en Xesta. Singulares e de gran tradición son os Santuarios das Ermidas en Antas, no monte do Ceo e o Santuario do Santo Cristo na parroquia de Xende.

Son múltiples as casas, pontes, muíños, fontes, hórreos, reloxos de sol ou pombais repartidos ao longo de todo o municipio.

Atopamos escudos como os da Casas dos Contreras no mesmo centro; na parroquia de Verducido na Casa do Maeso no Piñeiro ou o escudo dos López de Soutomaior que se repite no lugar do Porto, en Gaxate e en Forzáns de Ponte Caldelas, en Gaxate o da Casa dá Chanciña, Casa do Muíños, a Casa do Pazo ou a Casa dá Picota.

Destacan as pontes sobre o río en Verducido, a Ponte de Liñares sobre o río Xesta en Xesta, a ponte sobre o río Verdugo en Escuadra.

De todas estas vouvos destacar a da imaxe que é a Igrexa parroquial e cruceiro de Berducido. 

Pero son moitas as manifestacións artísticas de carácter relixioso realizadas polos canteiros destas terras. Destacan lugares que gozan dunha peculiar escultura reflectida en petos, cruceiros ou baixorrelieves repartidos por todo o municipio. En Antas podemos visitar a capela de finais do s. XIX do mestre Cerviño, en Verducido ademais da calzada romana e os gravados rupestres de San Martiño podemos visitar a antiga ponte ou a capela de San Antonio, na Lama está a capela do Sacro Corazón no monte do Castro, símbolo da capital da vila lamesa.

En canto a súa contorna natural podo dicirvos que A Lama é un lugar privilexiado para gozar da natureza e facer sendeirismo. Os ríos ofrecen espectaculares saltos de auga cristalina situados entre frondosas paisaxes. Entre os máis coñecidos está Ablelaído en Antas, Liñares en Xesta, A fírveda en Covelo ou Cachón en Verducido.

Os espazos naturais do municipio son fermosos, as altas e agrestes serras do Cando e do Suído acollen interesantes especies de fauna e flora. O Cando que está formado por cumes de formas redondeadas, ten o seu punto máis alto no monte do Seixo con 900 m de altitude. É unha zona media con superficies de matogueira e pequena extensión de carballeiras e bosques de ribeira.

A serra do Suído fai límite natural con Ourense e o punto máis alto é O Coto dá Puza con 1035 m de altura, ten gran valor ecolóxico e é unha das poucas zonas de Galicia onde aínda podemos ver lobos. Desde a alta serra do Suído podemos observar as tres rías: Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Con bo tempo desde o monte do Seixovense as rías de Pontevedra e Vigo e desde o monte do Castro divísase a vila de A Lama e parte de concellos limítrofes.

O concello da Lama pertence á rede Natura 2000. Do mesmo xeito que os concellos limítrofes de Beariz, Cerdedo- Cotobade e Forcarei e é considerada área natural de alto valor ecolóxico a nivel europeo sobre a conservación de hábitat natural, fauna e flora silvestre. Establécese por iso como hábitat de interese comunitario e vélase pola protección de especies.

Das parroquia de Verducido e Escuadra quero destacar o seu Petroglifo Laxe do Val do Gato. 

Aquí existen numerosos restos de cultura megalítica como mámoas, túmulos ou os coñecidos petróglifos nas parroquias de Escuadra e Verducido, atopamos castros nos montes de Gaxate, unha calzada romana, pontes, etc.

Destaca o petróglifo A Laxe dás Puzas localizado no lugar de Porto, Verducido, a base de círculos concéntricos cunha cova no centro, Os motivos rupestres que predominan no municipio son gravados con motivos de figuras xeométricas: pías, pequenas cazoletas e combinacións circulares. 

En Val de Gato en Verducido tamén, atopamos A pedra dá tartaruga, unha roca con forma de tartaruga. O xacemento de Outeiro Seixiño sitúase a unha altitude de 565m.

En canto as súas festas, romarías e feiras dicirvos que en cada unha das parroquias do concello celébranse festas e romarías ao longo de todo o ano. Entre as máis populares destacan: o Santo Cristo de Xende, a Virxe dos Remedios en Xesta, a Festa do Viño do Pelete en Covelo, San Cristóbal na Lama, San Benito en Verducido, San Joaquín e Santa Ana na Lama, a Virxe de Guadalupe nos Prados, a Virxe de Lourdes en Barbeira, Santiago Apóstolo en Antas, A Virxe do Rosario en Gaxate, San Lourenzo en Liñares, Los Ángeles no Peso, a Virxe da Saleta en Cambeses, Santa Ana na Barcia, A Virxe das Ermidas en Antas, San Lourenzo en Escuadra, San Bartolome en Seixido, etc.

Así mesmo todos os anos celébrase a festa gastronómica do Codillo na mesma parroquia da Lama e no verán a Semana Cultural.

Estamos nun ano convulso cunha pandemia mundial que nos obrigou a refuxiarnos nas nosas casas, a non ter vida social máis aló que cos nosos conviventes e a ter que esquecernos de todas as festas, romarías, verbenas ou eventos gastronómicos que tanto nos gustan aos galegos e galegas. Esperemos que este verán poida ser algo diferente e pouco a pouco podamos retomar a nosa vida social e volver a celebrar todas estas marabillosas festas que tan ben definen á cultura do noso país e as vidas de nosos veciños e veciñas.