Marín no fío do cambio

O concello de Marín atópase nun momento determinante da súa traxectoria política, social e urbana. Non se trata dun xiro inesperado nin dunha convulsión abrupta, senón máis ben dunha acumulación de síntomas que viñeron medrando nos últimos anos e que agora conflúen co peso suficiente como para condicionar o rumbo da vila durante a vindeira década. Os vellos consensos esgotáronse, e os desacordos —que antes se presentaban como matices— convertéronse en visións incompatibles sobre o que significa gobernar, planificar e compartir un espazo común. Marín, ese espazo común, está hoxe en disputa. Unha disputa política, si, pero tamén simbólica, territorial e mesmo moral.

Sobre a mesa están as grandes cuestións que afectan a calquera municipio do século XXI: a perda de poboación, o acceso á vivenda, o uso racional dos recursos públicos, a relación coa contorna natural, a accesibilidade, a participación cidadá ou a proxección cultural. Mais en Marín estas cuestións toman unha forma particular, filtradas por unha historia local marcada por institucións que ocupan fisicamente o territorio —o Porto, a Escola Naval— e por unha xeografía que impón límites tanxibles ao desenvolvemento urbano. Aquí, a política municipal non é un exercicio de xestión neutra; é, cada vez máis, un campo onde se confrontan proxectos de vila, modelos de gobernanza e formas de entender a responsabilidade pública.

A alcaldesa María Ramallo, do Partido Popular, leva máis dunha década á fronte do Concello. Pero esa hexemonía comeza a presentar fisuras pola emerxencia dunha oposición que xa non se limita a fiscalizar, senón que formula alternativas concretas.

Un eixo fundamental é o acceso ao mar. Non só en termos físicos —a través de paseos, praias ou zonas verdes—, senón en termos políticos: quen pode decidir sobre o litoral de Marín? Quen ocupa ese espazo? A Escola Naval e o Porto, dúas institucións historicamente ligadas ao desenvolvemento económico da vila, son hoxe tamén dous valos, literalmente. A súa presenza condiciona o urbanismo e limita a accesibilidade. Só unha das forzas políticas con representación institucional —o BNG— propón abertamente unha apertura real ao mar, con cesión de terreos e recuperación de espazos para uso civil. O resto das formacións adopta unha postura máis conservadora ou evasiva. Para uns, o mar é memoria e horizonte; para outros, unha fronteira que convén non tocar.

Hai, sen dúbida, varios temas que se están a converter en símbolos. Un deles é o novo auditorio. Un edificio que aspira a transformar o centro urbano e a dotar Marín dunha infraestrutura cultural de referencia, pero que tamén foi acusado de absorber recursos sen garantir un retorno proporcional nin un plan claro de uso. Para uns, un exemplo de xestión ambiciosa e investimento a longo prazo; para outros, unha operación de prestixio sen planificación. A disputa non é só sobre o custo —que pasou dos 2 aos 6 millóns de euros—, senón sobre a oportunidade, a prioridade e o sentido público da obra.

Pero o auditorio é só a punta do iceberg. Hai outra cuestión moito máis estrutural e menos visíbel, aínda que máis sentida pola veciñanza: a vivenda. A crise habitacional non é un problema exclusivo de Marín, pero aquí adquire contornos propios. Mentres o PXOM continúa vixente —e con el as posibilidades de activar solo urbano—, moitas zonas permanecen estancadas e sen desenvolver. Os prezos non deixan de medrar, os alugueiros son escasos e caros, e a xente moza atópase sen opcións reais de establecerse. A perda de poboación non se explica por falta de atractivos, senón pola imposibilidade material de vivir aquí con dignidade. E nese contexto, o urbanismo deixa de ser un tecnicismo e convértese nun campo de batalla política.

O asociacionismo cultural e veciñal tamén reclama atención. En Marín, como noutros moitos lugares, boa parte das actividades culturais son impulsadas por entidades sen ánimo de lucro, con recursos escasos e moitas veces suxeitas a pagamentos atrasados ou a favoritismos políticos. A falta dunha partida orzamentaria estable, regulamentada e transparente, impide que estas asociacións actúen con autonomía real. Mentres tanto, a xestión da cultura institucional segue a estar centrada en eventos esporádicos e campañas puntuais, máis que nunha política estruturada e participativa.

Non se pode esquecer, tampouco, a dimensión cotiá da política municipal. As pequenas cousas que determinan a vida diaria: a piscina municipal con deficiencias tras unha reforma millonaria; o problema do aparcamento, agravado por desigualdades no pago de alugueiros de parcelas; a inaccesibilidade física ao salón de plenos, que impide a persoas en cadeira de rodas exercer os seus dereitos democráticos. Estes feitos, máis alá do seu alcance inmediato, funcionan como indicadores dun modelo de xestión que, segundo quen o critique, prioriza o escaparate sobre a función.

Neste contexto, a participación cidadá convértese nun concepto central pero escorregadizo. Para o goberno, está garantida a través de procesos formais e proxectos europeos que implican consulta pública. Para a oposición, trátase dunha simulación participativa que exclúe os mecanismos reais de decisión e impide unha democracia horizontal. A proposta de orzamentos participativos non é só unha medida administrativa, senón unha demanda de fondo que interpela a propia estrutura institucional.

A pouco tempo das eleccións municipais, a carreira non está lanzada, pero as posicións xa están definidas. Ramallo aposta por consolidar o seu legado cunha xestión continuista. Lucía Santos pretende abrir unha nova etapa baseada na democratización do espazo público, a recuperación do litoral e a implicación directa da veciñanza. Pazos presenta unha visión intermedia, crítica coa situación actual, pero sen abandonar un ton de contención institucional. Cada quen interpreta o momento de Marín desde o seu lugar, pero todos coinciden —mesmo sen dicilo— en que algo se está xogando agora que vai moito máis alá dun ciclo electoral.

Porque o que está en xogo non é só quen goberna. É como se goberna, para que se goberna e con quen. É a propia idea de comunidade. De vila. De futuro. E Marín, con todo o que leva ás costas, merece que esa idea sexa discutida sen medo, con argumentos e sen ataduras. Aquí, agora, é o momento. E o debate —tanto político como cidadán— non só será lexítimo, senón necesario. Porque se hai algo que define a Marín é que nunca deixou de mirar ao mar, mesmo cando o mar estivo tapado.

O noso mar é o paseo Alcalde Blanco”

María Ramallo, alcaldesa de Marín.

¿Como valoran a evolución do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e que medidas propoñen para frear a perda de poboación que afecta a Marín desde hai anos?

O PXOM está en plena vixencia. Seguimos tramitando modificacións puntuais. Agora queremos incidir no tema de vivenda, pretendendo desenvolver espazos de licenza directa e conveniar para facer vivenda protexida.

Interésame que se constrúa vivenda e sobre todo a un prezo razoable.

Desde o punto de vista demográfico non se pode evitar dicir que o concepto de familia mudou e que a xente ten menos fillos que antes. A pouco que se mova o tema do vivenda seremos atractivos para fixar poboación.

A oposición denunciou deficiencias na piscina municipal tras unha reforma de 600.000 euros. ¿Como explican esta situación e que solucións propoñen?

A piscina precisaba unha actuación importante. Acometeuse con 600.000 euros de fondos da deputación. Actuouse na cuberta e no vaso. Da propia piscina non temos queixa. O que mais crítica temos é das actividades complementarias, como é o caso do ximnasio. Pero é que a piscina foi concebida como piscina. Iso non quere dicir que non se vaia seguir investindo. Pero nós non podemos competir ao nivel dun ximnasio. Manter unha piscina é caro. Temos unha prezos razoables que non cubren os gastos pero é a nosa obriga como concello. Aínda que a instalación sexa deficitaria. Nós non estamos para competir coas instalacións privadas.

Consideran que o Concello está a fomentar adecuadamente a participación cidadá nas decisións municipais? ¿Que melloras introducirían neste ámbito?

Desde o punto de vista da participación, fomos quen de tramitar varios documentos europeos que foron expostos e participados. Ademais as políticas urbanas van por aí. Por exemplo o Plan de mobilidade urbana sostible. Todos os concellos imos pola mesma liña. Esa axenda urbana que nos permite conquerir fondos e que poñen ao cidadán no centro do urbanismo e en contornos máis seguros.

Vén de aprobarse unha moción no último pleno ordinario, na que se aprobaba a melloría da accesibilidade ás praias, o paradóxico do tema, é que unha persoa con problemas de mobilidade non pode acceder fisicamente ao pleno. Ata que punto o concello está sensibilizado cos problemas de mobilidade cando unha persoa en cadeira de rodas non pode acceder ao concello máis alá da planta baixa?

Efectivamente, toda a razón. Temos un proxecto de reforma integral do concello que leva incorporado un ascensor externo. Estamos con patrimonio traballando niso para que ese ascensor chegue polo menos á primeira planta.

Estase a converter o auditorio de Marín nunha construción que absorve recursos sen ter aínda clara a potencialidade e o aproveitamento?

É unha infraestrutura cultural necesaria onde ter un punto de encontro. Foi un exemplo de coordinación conseguir o espazo, o estudo de detalle, licitar a obra, o inicio da propia obra… Estamos na recta final. Aproveitamos fondos europeos, convenios con Xunta e fondos do propio concello. Todo é susceptible de opinión pero creo que usamos moi ben os fondos que conquerimos. Conseguimos melloras nos equipamentos. Imos tratar de ter os mellores equipamentos para arrancar. Era necesario facer o esforzo económico.

Marín está pechado ao mar. A Escola naval e o Porto limitaron o aproveitamento do litoral urbano para a veciñanza. O porto e a Escola Naval foron concebidas coma dúas institucións que manexaban un volume superior de xente e recursos. Hoxe en día ese volume disminuíu, mais seguimos a ver como eses dous valos, non están a ser xenerosos coa vila. Debe Marín abrirse ao mar?

Esto leva falándose anos. Xa se foron gañando espazos. Non nos acordamos de onde estaba Perez Torres? Temos un Porto de interese xeral do Estado. A Escola Naval é o noso Campus universitario. É a nosa segunda empresa. A min gustaríame que a xente coñécese a Escola naval e o Porto por dentro. Eu mesma me sorprendo porque son como dúas cidades por dentro. Se o Porto tivese máis espazo, máis empresas tería. O noso mar é o paseo Alcalde Blanco, estamos revitalizando esa zona. É a un kilómetro temos o paseo de Portocelo. Gustaríanos compartir máis espazos? Si. Pero non podemos facer desto unha pena. Hai que verlle o lado positivo.

Se de cara ao futuro podemos aproveitarnos estupendo. Pero saquémoslle proveito ao que temos.

Precisa Marín unha partida orzamentaria e regulamentada para o asociacionismo cultural?

As convocatorias son complexas. As asociacións non poden adiantar cartos. A min cónstame que é así. Nós temos poucas subvencións nominativas e xa nos custa sacalas adiante a nós e ás asociacións.

Como solucionamos de xeito efectivo, realista e igualitario o problema do aparcamento en Marín, tendo en conta que hai propietarios, como sucede en Aguete, que están pechando as fincas para aparcar dado o problema da desigualdade nos pagos ou non pagos desas fincas?

Nós sentámonos cos donos a negociar as parcelas. Moitas son gratuítas porque así o prefiren os propios donos. Os contratos de tempada sempre foron cesións gratuítas. Non me consta ningunha proposta de alugueiro sen tramitar. O prezo sempre pasa pola valoración dos servizos municipais. Nós dispostos a estudar todo.

Marín conta cun importante patrimonio natural e histórico, pero parte del está descoidado ou pouco visibilizado. Poñamos por caso o Pazo de Cadro, todo o patrimonio arqueolóxico, ou o propio catálogo que hai almacenado no Museo Manuel Torres.

Que propostas teñen para poñelo en valor e integralo na vida cultural e turística do concello?

Hai recursos privados e hai outros que por falta de espazo non temos a posibilidade de telos catalogados e expostos.

Pero agora por exemplo estamos traballando en patrimonio natural como é o caso do Lago Castiñeiras que pretendemos ordenar, facendo unha forte aposta por este entorno.

Apostouse tamén moi forte polo Castro da Subidá.

Como afronta as vindeiras eleccións municipais do ano 2027, desde o punto de vista individual e colectivo do seu partido.

Estamos no ecuador. Son 14 anos e teño que facer o balance en conxunto. A mochila vaise enchendo e vanse cumplindo proxectos.

Eu seguirei mentres teña entusiasmo, alegría e ilusión. Con eses tres ingredientes e o apoio dos veciños de Marín e da miña familia continuarei porque adoro a política municipal e creo que as corporacións municipais somos as grandes descoñecidas da política. Aquí hai que estar ao día.

Ao auditorio habería que chamalo Mausoleo María Ramallo. É unha vergonza como se están investindo os cartos públicos “

Lucía Santos, portavoz do BNG.

¿Como valoran a evolución do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e que medidas propoñen para frear a perda de poboación que afecta a Marín desde hai anos?

Xa van catorce anos desde a aprobación do PXOM e o Partido Popular nunca acabou por levar adiante unha verdadeira batería de ferramentas e propostas para desenvolvelo. Aínda despois de tantos anos, e non nos acabamos de fiar, van comezar coa redacción do Plan de protección do casco histórico. O PXOM é a ferramenta fundamental coa gobernar un concello, o proxecto de vila a desenvolver para crear vivenda, novos espazos de lecer, protexer o patrimonio, redimensionar o espazo urbano…o abandono do PXOM só demostra a ausencia de proxecto de Maria Ramallo e do Partido Popular.

A oposición denunciou deficiencias na piscina municipal tras unha reforma de 600.000 euros. ¿Como explican esta situación e que solucións propoñen?

É verdadeiramente lamentable que a piscina municipal se atope na situación na que se atopa. E por dicilo non foi. Tan só tres meses despois de rematar as obras xa saímos desde o BNG denunciando a situación lamentable de filtracións de auga que se estaban a dar, chegando estas filtracións incluso aos vestuarios. Á alcaldesa vende que os 600.000 euros investidos foron en cuestións estruturais, non visibles. Hai algo máis estrutural que evitar filtración de augas nunha instalación municipal.

Outra das cousas que vende é que a piscina non estaba concebida para ofertar o servizo de ximnasio, e que por iso a maquinaria está vella e deteriorada. Entón porque ofertan ese servizo nun estado tan lamentable? Se ofertan ese servizo hai que facelo nas condicións máis óptimas. E non é o caso. Non hai accesibilidade para persoas con problemas de mobilidade, que en moitos casos son as primeiras que o necesitan para exercitar determinadas zonas do corpo, o ascensor non funciona desde abril do 2024…

En xeral, a situación é incluso peor á que había antes das obras e desde o goberno municipal non se dan explicacións de ningún tipo.

Consideran que o Concello está a fomentar adecuadamente a participación cidadá nas decisións municipais? ¿Que melloras introducirían neste ámbito?

Nunca houbo tanta falta de transparencia. O Consellos municipais non se convocan, e cando se convocan faise dunha maneira absolutamente retorcida e minimalista. A opacidade está acadando niveis moi preocupantes. A falta de información roza o ilegal, os escritos que en moitas ocasións diriximos desde o BNG non son contestados, as contas non son transparentes…

Ten que haber alternativa, e haina. Desde o BNG cremos que os Consellos municipais de muller, comercio, educación e inmigración deben funcionar desde xa con moita máis regularidade, transparencia e democracia.

Tamén cremos que é imprescindible dotar ao municipio de Consellos parroquiais que canalicen nun fluxo de bidireccional todas aquelas cuestións que teñen que ver coas parroquias e barrios, que deben participar dunha maneira máis activa, dinámica e directa no día a día municipal.

Finalmente, defenderemos a posta en marcha dos orzamentos participativos. É a mellor forma de implicar á cidadanía e ao asociacionismo. Chegar ao 5% do orzamento total é un obxectivo viable, factible pero sobre todo realista.

Vén de aprobarse unha moción no último pleno ordinario, na que se aprobaba a melloría da accesibilidade ás praias, o paradóxico do tema, é que unha persoa con problemas de mobilidade non pode acceder fisicamente ao pleno. Ata que punto o concello está sensibilizado cos problemas de mobilidade cando unha persoa en cadeira de rodas non pode acceder ao concello máis alá da planta baixa?

Sensibilidade ningunha. Non é só que non poidan acceder ao actividades celebradas polo concello no salón, como poder ser un pleno. É que tampouco poden ir a unha cerimonia civil á que foron convidados. Respecto da moción da accesibilidade ás praias que é nosa, xa o solicitaramos o ano pasado. A ver se deste ano vai.

O nivel de sensibilización deste goberno que preside a señora Ramallo xa o dá o que falamos antes da piscina municipal, que non ten accesibilidade ningunha e que ten un ascensor estropeado desde hai máis dun ano. Mesmo nalgunhas das propias rúas que acaban de remodelar, improvisadamente por outra banda, moitas delas non cumpren os criterios de accesibilidade que marca a propia Unión Europea.

Estase a converter o auditorio de Marín nunha construción que absorve recursos sen ter aínda clara a potencialidade e o aproveitamento?

Finalmente ao auditorio de Marín poderiamos chamalo Mausoleo Maria Ramallo. É unha mágoa é unha vergonza como se están investindo os cartos públicos.

Marín precisa un centro cultural, claro que si. Pero non é o lugar idóneo, nin nos parece que o plan de obra que se leva seguindo sexa o axeitado. Co tempo aquí haberá moito que revisar do que se ten feito, orzamentado e reorzamentado.

Polo momento esperemos simplemente que ese centro cultural estea dotado dunha axenda, que sexa accesible para as asociacións e que non continúe aumentando o gasto desta maneira tan salvaxe, indiscriminada e inxustificada que o está a facer.

Marín está pechado ao mar. A Escola naval e o Porto limitaron o aproveitamento do litoral urbano para a veciñanza. O porto e a Escola Naval foron concebidas coma dúas institucións que manexaban un volume superior de xente e recursos. Hoxe en día ese volume disminuíu, mais seguimos a ver como eses dous valos, non están a ser xenerosos coa vila. Debe Marín abrirse ao mar?

Por suposto. É o momento e por iso estamos traballando nesta proposta. A Escola naval non ten o movemento que tiña hai décadas. O que estamos a pedir desde o BNG é razoable. Temos que recuperar algúns deses espazos que foron cedidos con xenerosidade pola cidadanía de Marín a Escola naval e á Autoridade portuaria. Por iso desde o BNG pedimos aos partidos políticos da corporación altura de miras, política de verdade, de altura, responsable. Xogámonos o futuro da nosa vila. O que sexa Marín desde o punto de vista urbanístico e humano de aquí ao anos 2070 ou 2080, vai depender case na súa totalidade desta decisión. Sentarnos, falar, negociar, e adentrarnos no que en definitiva vai cos tempos. Abrir ás cidades ao mar, ás persoas.

Precisa Marín unha partida orzamentaria e regulamentada para o asociacionismo cultural?

Sería importante para que as asociacións, que son as que realizan as actividades culturais no concello, traballen en liberdade. Ese apoio en favor da liberdade cultural seria importante.

Algunhas asociacións incluso están a recibir presións por parte do PP, por realizar actividades en instalacións municipais que son de todas e todos. Eventos altruístas e gratuítos aos que o PP pon impedimentos por non seguir a liña oficial. A súa liña.

Como solucionamos de xeito efectivo, realista e igualitario o problema do aparcamento en Marín, tendo en conta que hai propietarios, como sucede en Aguete, que están pechando as fincas para aparcar dado o problema da desigualdade nos pagos ou non pagos desas fincas?

Outro exemplo de falta de transparencia. Non sabemos as condicións de cada persoa e solicitámolo mil veces. Hai xente á que lle pagan, hai xente á que non lle cobran o IBI, pero ao pedirmos os datos ninguén di nada. E ninguén di nada porque este problema responde en definitiva ao que é. Un parche temporal que non resolve a cuestión porque segue a ser un problema do día a día. Vivas ou non vivas no centro de Marín. Se non vives no centro malo, porque a ver quen aparca cando vés a Marín a facer recados ao comercio, como é o meu caso. E se vives no centro malo tamén, porque se a túa situación económica non te permite poder pagar 80 ou 90 euros ao mes nun alugueiro de praza de garaxe, a ver cómo fas. Ao tempo o transporte público é deficiente e pouco axeitado

Quen sofre isto? O comercio local, que é quen está a pagar esta problemática.

Precisamos un estudio serio e viable. Desde o BNG propuxémolo. Iso é a construcción dun parque gratuíto e en altura ao igual que existe noutras partes do estado. O PP votou en contra.

Marín conta cun importante patrimonio natural e histórico, pero parte del está descoidado ou pouco visibilizado. Poñamos por caso o Pazo de Cadro, todo o patrimonio arqueolóxico, ou o propio catálogo que hai almacenado no Museo Manuel Torres.

Que propostas teñen para poñelo en valor e integralo na vida cultural e turística do concello?

O BNG presentou na pasada lexislatura unha Moción de protección e conservación do patrimonio arqueolóxico. Aprobouse por maioría. Pois é un acordo non cumplido por parte do PP. Velaí o seu concepto democrático e a súa preocupación polo patrimonio.

Os propios petróglifos de Mogor, dos que tanto presumen, están nun estado lamentable. Propuxemos a compra do edificio Baladrón, o PP votou en contra cando neste caso ademais o beneficio era doble porque por unha banda, conservabamos o edificio ir pasaba o ser propiedade do concello, e por outra, tiñamos unha instalación na que facer unha aula de estudo, biblioteca…

Ao final o que salvou o edificio Baladrón foi a iniciativa privada.

Como afronta as vindeiras eleccións municipais do ano 2027, desde o punto de vista individual e colectivo do seu partido.

Con ilusión e optimismo. Recibimos o cariño da xente. Temos unha equipa extraordinaria de xente preparada. Coido que a día de hoxe somos a alternativa para un novo goberno para o Marín que a veciñanza precisa fronte á decadencia.

María Ramallo é agora mesmo o tapón que impide o desenvolvemento de Marín.”.

Manuel Pazos, portavoz do PSdeG-PSOE.

¿Como valoran a evolución do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e que medidas propoñen para frear a perda de poboación que afecta a Marín desde hai anos?

O PXOM é unha ferramenta moi poderosa de transformación urbana que está absolutamente paralizada. Non hai gañas, nin interés nin valentía para desenvolvelo. A proba é que temos 52 solos urbanos non consolidados e non se actuou sobre ningún nos 14 anos que levamos co PXOM aprobado.

E os problemas de falta de vivienda nova son as consecuencias de dita parálise urbanística e municipal. Pensemos que para que a xente poida vivir en Marín necesita vivienda e traballo, e sen iso acabarán vivindo noutro sitio, que é exactamente o que nos está pasando.

E por eso os socialistas presentamos iniciativas para impulsar a construcción de vivienda nova, para favorecer o aluguer dos pisos baleiros e para sacar ao casco vello do seu abandono mediante un plan de recuperación.

A oposición denunciou deficiencias na piscina municipal tras unha reforma de 600.000 euros. ¿Como explican esta situación e que solucións propoñen?

O problema principal foi que nos últimos 14 años non se fixo ningunha inversión en mellora e mantemento da instalación, por eso tódalas máquinas estaban deterioradas e o edificio presentaba problemas graves de filtracions e de deterioro.

Por ese motivo propuxemos hai 4 anos un plan de mantemento de infraestructuras deportivas que nos permitiría aforrar cartos e manter ás instalacións nun estado óptimo. O PP votou en contra.

Consideran que o Concello está a fomentar adecuadamente a participación cidadá nas decisións municipais? ¿Que melloras introducirían neste ámbito?

Este goberno de María Ramallo confunde a sus maioria absoluta co poder absoluto. Xa non escoitan a ninguén, tampouco aos veciños. Proba diso é que as distintas mesas de participación cidadá como o Consello Escolar Municipal ou o Consello de Inmigración levan anos sen ser convocados.

E outro como a Mesa de Comercio ou o Consello da Muller teñen un funcionamento testemuñal.

Vén de aprobarse unha moción no último pleno ordinario, na que se aprobaba a melloría da accesibilidade ás praias, o paradóxico do tema, é que unha persoa con problemas de mobilidade non pode acceder fisicamente ao pleno. Ata que punto o concello está sensibilizado cos problemas de mobilidade cando unha persoa en cadeira de rodas non pode acceder ao concello máis alá da planta baixa?

Temos moitisimo que facer nesa materia. Ainda que as normas actuais de reforma urbana xa contemplan a necesidade de abordar os problemas de accesibilidade, os exemplos que mencionas evidencian que todavía queda moito por facer.

A accesibilidade ás praias ten un solución relativamente sinxela, por contra a accesibilidade ao edificio principal do Concello implica unha reforma máis ampla e complexa. Pero en calquera dos casos non podemos seguir postergando estás actuacións.

Estase a converter o auditorio de Marín nunha construción que absorve recursos sen ter aínda clara a potencialidade e o aproveitamento?

O coste inicial previsto do auditorio eran 2 millóns de euros, e a día de hoxe xa vai por 6,2. Pasamos dun proxecto asequible a unha obra costosísima.

Un simple dato débenos chamar á reflexionar. Marín adica ao seu Plan Cultural 50.000€ ao ano no mellor dos casos. Con iso apoiamos bandas, corais e asociacións culturais de todo tipo. A construcción do auditorio supón o equivalente a 125 anos de Plan Cultural.

O aproveitamento e o retorno que se fará dunha inversión tan elevada é algo que non sabemos nós nin tampouco o propio goberno do María Ramallo.

Marín está pechado ao mar. A Escola naval e o Porto limitaron o aproveitamento do litoral urbano para a veciñanza. O porto e a Escola Naval foron concebidas coma dúas institucións que manexaban un volume superior de xente e recursos. Hoxe en día ese volume disminuíu, mais seguimos a ver como eses dous valos, non están a ser xenerosos coa vila. Debe Marín abrirse ao mar?

Claramente sí pero non é algo novo nin de agora, é algo que levamos defendendo moitos anos. De feito tódalas cesións de espazos portuarios en Marín foron pelexadas e conseguidas por alcaldes socialistas, a última o parque azul na zona de Cantodarea en 2010, ou por exemplo o espazo onde agora está o auditorio.

Agora ben, hai que ser moi serios con este tema. Se queremos seguir avanzando e ser ambiciosos é fundamental por un lado ter unha estratexia e un plan claro e con distintas fases na que se analice que espazos precisamos, que imos facer nel e canto vai custar. Ese ten que ser un proxecto de cidade, amplo e co máximo consenso posible no social e no político, e logo ir dando os pasos necesarios para conseguilo.

O inmobilismo non nos levará a ningunha parte pero tampouco o afán de protagonismo e de confrontación.

Precisa Marín unha partida orzamentaria e regulamentada para o asociacionismo cultural?

Evidentemente sí pero o goberno de María Ramallo prefire que as asociacións teñan que mendigar recursos económicos e que lle servan pleitesía. O PP, con cartos de todolos marinenses, crea un sistema de dependencia económica que fai que as asociación para pervivir teñan que depender das vontade do goberno local.

É un sistema perverso que resta autonomía ás asociacións e fomenta o amiguismo ao que nos ten tan habituado o PP.

Como solucionamos de xeito efectivo, realista e igualitario o problema do aparcamento en Marín, tendo en conta que hai propietarios, como sucede en Aguete, que están pechando as fincas para aparcar dado o problema da desigualdade nos pagos ou non pagos desas fincas?

Aquí estamos falando de dúas cousas, por un lado cómo se soluciona o problema de aparcamento que se debe a que nos últimos 14 anos temos 2.200 de vehículos máis, pero o número de prazas apenas se incrementou en 800. Eso crea tensións evidentes que se agravan ao non existir edificios novos que supoñan un incremento das prazas de aparcamento. Por eso, por moito que a Ramallo presuma de crear prazas de aparcamento, a sensación veciñal de que non se pode aparcar é certa e real. A solución pasa por fomentar a construcción de vivenda, por novas áreas de estacionamento tanto no centro como no que non é centro (Cañota, Cantodarea, San Pedro…)

E por outro lado está o tema que comentas das fincas que o Concello ten alugadas como aparcamento disuasorio, onde é certo que a unhas se lles paga un aluguer a outras non, o que provoca que existan propietarios que se sinten agraviados e optan por pechar as fincas. É un modus operandi típico do PP.

Marín conta cun importante patrimonio natural e histórico, pero parte del está descoidado ou pouco visibilizado. Poñamos por caso o Pazo de Cadro, todo o patrimonio arqueolóxico, ou o propio catálogo que hai almacenado no Museo Manuel Torres.

Que propostas teñen para poñelo en valor e integralo na vida cultural e turística do concello?

Na maior parte dos casos non creo que sexa tanto un problema de conservación onde a preservación do ben estea en perigo, senon máis ben un problema de mantemento do espazo onde se atopa. Poderiamos falar do Castro da Subidá, dos lavadoiros, das fontes e doutros moitos elementos.

Coméntasme sobre a posibilidade de abordar restauracións do noso patrimonio, e pos o exemplo do Pazo de Cadro… O triste é que eu xa me conformaría con que non sigamos destruindo o patrimonio histórico como por exemplo a dársena de embarcacións, un espazo precioso do Marín doutra época onde María Ramallo quere facer algo tan absurdo como unha piscina de auga salgada. En pleno século XXI seguimos destruindo o pouco que nos queda.

Como afronta as vindeiras eleccións municipais do ano 2027, desde o punto de vista individual e colectivo do seu partido.

Estou convencido de que estos serán os 2 últimos anos de goberno de María Ramallo. O descontento social é algo xa evidente para todolos marinenses. E iso sucede porque a xente ve que Marín se está a quedar atrás e que María Ramallo é agora mesmo o tapón que impide o desenvolvemento de Marín. Ela non quere saber nada dos grandes problemas que temos en materia de vivenda, de aparcamento, de solo empresarial, de perda de poboación, de comercio local, de desenvolvemento urbanístico… A súa actitude de pasotismo e negacionismo agrava todos estos problemas e canto máis tempo pase gobernando, máis difícil será que a nosa vila recupere o pulso.

A nivel persoal atópome coas gañas, a forza, a madurez e a preparación necesaria para asumir o reto de gobernar Marín, e sinto a forza de moitísima xente para conseguilo. A agrupación local atópase nun proceso de renovación da executiva que vai ser modélico. A nosa agrupación está máis viva e máis aberta ca nunca.