A SCD Ponte Caldelas cumpre medio século

CDS Ponte Caldelas

No ano 1974, hai medio século, nacía a SCD Ponte Caldelas. Eles son un club de fútbol que teñen unha relevancia máis que notable non só no seu Concello senón tamén en toda a contorna. Máis de 200 nenos e nenas practican deporte habitualmente na SCD, e arredor de 700 socios e socias contribúen economicamente co club. Uns números tan notables, lembremos que Ponte Caldelas ten arredor de 5.500 habitantes, só poden ser resultado dun moi bo traballo dos seus dirixentes. O seu presidente lidera un proxecto que aposta decididamente pola canteira para reforzar os vínculos emocionais de toda a familia da SCD, xogadores, xogadoras, seareiras e seareiros, co club. E abofé que o están a conseguir. O campo de fútbol é un punto de reunión social no que a veciñanza se reúne para ver xogar a quen son os seus veciños e veciñas. Se cadra estaría mellor dicir que o campo de fútbol era un punto importante de reunión social pois coas inundacións de novembro sufriu importantes estragos ata o punto de que de momento está impracticable. Tanto é así que de momento a SCD está a adestrar e xogar no campo do veciño concello de A Lama. Pero non queremos falar en pasado e seguimos dicindo que o campo é un importante punto de reunión da sociedade de Ponte Caldelas, porque estou segura de que pronto a SCD poderá volver ao seu lugar natural . Cumprir medio século de vida é motivo de celebración especial, e unha razón máis que suficiente para que A Nova Peneira se achegase ata Ponte Caldelas a conversar co presidente do club.

Pedro Rodríguez, presidente do SCD Ponte Caldelas.

“Como directiva conseguimos que apostar pola canteira do equipo fose unha realidade”.

Pedro, canto tempo levas na directiva do equipo?

Uns 14 anos como presidente.

Cantas persoas formades parte do equipo directivo?

Somos sete persoas, cinco homes e dúas mulleres.

Cando tocan eleccións de novo?

As eleccións son cada catro anos. Toca este verán facer asemblea.

Cando se fundou ou equipo?

En 1974, este ano estamos de aniversario, facemos 50 anos. Tiñamos previsto facer diferentes actividades para conmemorar o noso 50 aniversario pero, en novembro asolagouse o campo pola crecida do río e a día de hoxe segue inservible, tivemos que aprazar todos estes eventos ata ter o campo arranxado.

Fálame disto, como están a situación do campo de xogo?

O campo está igual que o deixou o río. Desde o concello dinnos que está todo listo para poder quitar o céspede e meter un novo. Estamos á espera do que diga augas de Galicia para poder proceder.

Quen se ten que facer cargo disto?

O concello, o campo é municipal.

Se o campo está inservible, que instalacións deportivas utilizades para adestrar e para xogar?

Estamos adestrando e xogando no campo de A Lama, cedéronnos as súas instalacións ata que teñamos o noso campo reparado.

Cantos equipos tedes na escola de fútbol?

Temos doce equipos nas categorías de biberóns, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil e sénior masculino e feminino.

Cantos nenos e meniñas tendes?

Sobre 200 nenos e nenas.

Disme que só hai un equipo feminino, o sénior, as demais nenas onde xogan?

Ata a categoría de cadetes xogan cos mozos.

Cantas nenas tedes?

Exactamente non o sei pero teremos un 80% de nenos e un 20 % de nenas.

En que categorías compiten os equipos sénior?

O sénior feminino en segunda autonómica e ou sénior masculino en primeira autonómica.

Cales son vos obxectivos deportivos desta temporada?

Co sénior masculino, o ano pasado estivemos a piques de ascender, isto sería un fito para o club, eramos recentemente ascendidos e xogamos a fase de ascenso, pero non o conseguimos.

Este ano co mesmo equipo practicamente estamos a sufrir na cola.

E este cambio tan drástico, de estar arriba a tempada pasada a estar pola cola nesta, a que se debe?

Tivemos problemas con lesións en pretemporada de xogadores importantes e tamén varios cambios de adestrador, isto o equipo non o levou moi ben.

Apostamos por un adestrador a principio de tempada, na cuarta ou quinta xornada recibiu unha oferta moi boa do Estepona e foise. O segundo adestrador non callou moi ben no vestiario e agora, con este terceiro que é da casa, era o segundo adestrador, parece que empezamos a coller o rumbo de novo.

E o cambio de campo, o non poder xogar e adestrar en casa tamén nos está afectando.

Supoño que pretendedes salvar a tempada e conservar a categoría?

Si. A competición está moi igualada, estamos de terceiros pola cola pero a 8 puntos do ascenso. En dous partidos poden cambiar moitas cousas e o equipo está a dar moi boas sensacións de novo.

Como levades a situación económica e como vos financiades?

Temos uns gastos anuais duns 70.000€ e a base do noso financiamento é pola achega que nos fai o concello, tanto ao club como ás familias. Esta axuda fai que as familias paguen unha cota anual de 100€. Sen o financiamento do concello esta cota tería que ser moito maior para poder subsistir.

Solicitamos a subvención á Deputación e á Xunta e temos uns 700 socios que pagan unha cota anual de 30€. Nos partidos do equipo sénior masculino cóbrase entrada e temos publicidade no campo. Agora levamos dous anos cun patrocinio importante do Grupo Inmobiliario Viqueira, que nos achega a metade que o concello, e de conservas ORBE.

Temos unha situación económica tranquila pero, este ano, co tema de non ter campo, estamos a ter menos ingresos e tivemos que aprazar o cambio de equipamento especial previsto polo 50 aniversario, era unha sorpresa que tiñamos para xaneiro. As demais actividades tamén as aprazamos para cando recuperemos o noso campo. Mesmo fixemos un crowdfunding no nadal e conseguimos 2000€ para poder facer fronte a gastos que contabamos sufragar cos ingresos dos partidos e dos torneos.

De onde son vos nenos e nenas que pertencen ao club?

O 90% son de aquí, de Ponte Caldelas. Tamén temos de A Lama, de Fornelos, de Cotobade. Podemos presumir de que o 90% do equipo sénior é do concello tamén. Esta era a miña meta cando entrei como presidente, reverter a situación e facer do noso lema o apostar pola canteira do equipo e conseguir que os adestradores sexan de aquí tamén, os xogadores maiores adestran aos máis pequenos. Se un xogador quere ser adestrador, o equipo págalle a metade do curso e así conseguimos que sexan case todos os adestradores de aquí. Con esta aposta conseguimos que os partidos da fin de semana teñan moitísima afluencia, os pequenos queren ver xogar aos seus adestradores, aos seus veciños, aos seus amigos e viceversa. Conseguimos facer piña entre toda a xente pequena e moza do pobo e que o campo de fútbol sexa un punto de encontro social.

Para cando tedes previsto recuperar o voso campo de fútbol?

Esperemos que pronto, quero ser optimista e pensar que este verán vai estar solucionado. O tema é burocrático, hai que facer concursos, esperar licitacións. Agora mesmo Ponte Caldelas non ten o seu punto de encontro social, nin de semana cos adestramentos, nin a fin de semana cos partidos.

Esta situación repercute economicamente nas familias tamén que teñen que desprazarse en coche para que os pequenos poidan adestrar e xogar.

Sendo optimistas esperades poder empezar a seguinte tempada xa no voso campo arranxado?

Si, oxalá sexa así e podamos recuperar as actividades do aniversario. Ata que isto ocorra e teñamos todo rematado teremos que pospoñer a asemblea de socios para o cambio de directiva ou, se non hai máis propostas, ratificar a nosa continuidade.

Queres aproveitar as nosas páxinas para dicir algo máis?

Agradecer ao equipo de A Lama e ao seu concello o apoio que nos están dando e que nos cedesen as súas instalacións para adestrar e xogar. Témoslle o campo invadido os 7 días da semana e son eles os que corren cos gastos de luz derivados da nosa actividade.

Pedirlle paciencia ás familias polo tema do campo e que saiban que estamos a traballar de xeito conxunto co concello para solucionalo ou máis pronto posible.

Agradecer tamén o apoio de veciños e veciñas co equipo, ata temos apoio de xente que emigrou a México e son socios para botar unha man ao club.


Epílogo: No momento de redactarmos esta reportaxe coñecemos a terrible nova da temperá morte de Carlos Martínez Arias, “Totti”, porteiro da SCD, con tan só 30 anos.Desde as nosas páxinas expresamos a nosa consternación por tan terrible traxedia e transmitimos a nosa solidariedade maís profunda a todas as persoas que o querían.